mercredi 28 mai 2014

SOBRE AS TÁCTICAS E ESTRATEXIAS PARA FACER A REVOLUCIÓN

Percorrendo boa parte de Galicia, con motivo das recén celebradas Eleccións Europeas 2014, tiven ocasión de adquirir o libriño editado por milrazones, de Santander, a cargo de Andrew Boyd e Dave Oswald Mitchell, Bella revuelta. La caja de herramientas para hacer la revolución (+ El relato de seis casos en España), 2014.

A súa lectura é ben interesante. Ofrécenos unha serie de ferramentas para realizar accións que permitan amosar a nosa indignación ante as políticas violentas levadas a cabo polo capitalismo salvaxe, ultraliberal. 

Como definen os editores, o libro "despliega las tácticas, principios y teorías centrales que inspiran el activismo creativo, ofreciendo herramientas analíticas para quienes propugnan cambios para aprender de sus propios éxitos y fracasos" (p. 9). 

En efecto, isto é importante, non todo é efectivo nin é válido para os múltiples contextos en que se teñen que producir as loitas pola transformación social. Hai numerosas advertencias sobre os aspectos máis beneficiosos e os máis negativos das 13 tácticas descritas (pp. 13-51), dos 18 principios (pp. 52-99), das 10 teorías (pp. 100-128); os editores engaden, ademais, un exemplo do acontecido no Estado español a través de 6 casos: AcampadaSol (pp. 131-134), Campeones del paro (pp. 135-137), Fiesta#CierraBankia (pp. 138-140), Récord mundial de gente gritando: "No vas a tener casa en la puta vida" (pp. 141-144), La bolsa o la vida (pp. 145-147), No somos números (pp. 148-150). 

Cada unha das tácticas, dos principios e das teorías é obra de distintos autores e autoras, que dalgunha maneira se significaron en accións directas, e do conxunto descríbense os contextos de uso máis habitual, acóllense casos significativos de aplicación, descríbense os principios chave e os posibles erros que pode espertar, as consecuencias que pode conlevar non reparar con precisión en todos os elementos que se deben ter en conta á hora de planificar unha acción directa, "que trata del poder. Una acción directa inteligente evalúa las dinámicas de poder y encuentra un modo de transformarlas".

Realmente, as persoas interesadas en organizar ben os actos de tácticas, tales como "accións disruptivas creativas", "folgas de débeda", "accións directas", "teatro electoral guerrilleiro", "folgas xerais" (cun novo enfoque), etc., teñen aquí razóns para o estudo e valoración de como levalas a cabo de forma pacífica, e que cumpran co obxectivo de chegar á conciencia da sociedade, creando a hexemonía social necesaria para transformar desde abaixo o estado actual da siuación de estafa, de abafo en que vivimos.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire