mercredi 28 mai 2014

INTERVENCIÓN SOBRE O MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE

Veño de intervir no Pleno do Parlamento sobre unha iniciativa do Grupo Mixto que pide a reapertura do Museo Arqueolóxic Provincial, pechado desde o ano 2000, debido a unhas obras de rehabilitación que nunca rematan, xa que os dous proxectos presentados foron desbotados....


INTERVENCIÓN XABIER RON

SOBRE APERTURA MUSEO ARQUOLÉOXICO PROVINCIAL DE OURENSE



Estamos ante unha historia de desidia, de ineptitude, de ineficacia, de vulneración de dereitos culturais, de desbaldimento de recursos públicos. Unha máis das numerosas mostras da actitude neglixente da Xunta de Galicia en materia de protección do patrimonio cultural galego: Coeses, Marin, Burela, Ferrol Vello, son mostras desa indigna actitude.



Mais antes de reflictir as razóns que provocan a afirmación destes feitos, fagamos un pouco de historia, esa que danan as nosas autoridades culturais tanto galegas como estatais.



O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense constitúe, xunto co de Pontevedra, un referente patrimonial e cultural de Galicia, xa dende o século XIX pola importancia tanto de actividades como de fondos bilbliográficos e culturais entre os que destacan os materiais arqueolóxicos recollidos en boa parte das intervencións arqueolóxicas realizadas na provincia dende principios de século (colección epigráfica, numismática, fondos bibliográficos e materiais de xacementos como Castromao, San Cibrán de Las, San Tomé e da propia cidade de Ourense).



O Museo está nun edificio de fábrica románica, á que se lle engadiron elementos construtivos doutros estilos arquitectónicos e escultóricos posteriores (gótico, renacentista e barroco), o Pazo Episcopal, na céntrica Praza Maior de Ourense, declarado o 3 de xuño de 1931 Monumento Histórico-Artístico, e que alberga desde 1951 os fondos arqueolóxicos e os fondos artísticos.



Iniciándose este séc. XXI, decidiuse proceder ao peche do museo para a súa rehabilitación, o que implicaba escavación arqueolóxica en case toda a súa planta, e que achegou resultados positivos en canto a restos arqueolóxicos. Os vestixios de época romana atopados relaciónanse posiblemente coas fases iniciais de poboamento da cidade de Ourense (estes achádegos se complementan cos rexistrados noutros lugares da cidade e recentemente musealizados como é o caso dos restos da área das Burgas).



Nese lonxano 2000 as autoridades culturais decidiron trasladar os fondos (40.000 pezas) a un lugar afastado e inaxeitado para a súa consulta pública, ao Centro de Formación Profesional Ocupacional A Carballeira.



Eis a primeira decisión errada e que, ollando o resultado de toda esta desfeita, supuxo a vulneración de dereitos culturais da poboación ourensá e galega. Falamos da provincia con máis patrimonio románico, e a cidadanía non pode consultalo debido á unha xestión nefasta das administracións culturais da Xunta e do estado. Debido á ineptitude. Á ineficacia. O traslado destes fondos a unha zona apartada da cidade nun edificio sin acondicionamento para a exposición de pezas, representa unha eiva na promoción turística e cultural da cidade e provincia de Ourense, conseguindo deste xeito alonxar e invisibilizar o coñecemento da nosa historia á propia cidadanía.



En efecto, as persoas que acoden a Ourense atraídos polos vestixios arqueolóxicos e o patrimonio de Ourense vense atrapadas nunha historia silenciada. Milleiros de alumnos e alumnas do sistema educativo básico e superior víronse privados do coñecemento da súa historia. Isto é vulnerar o dereito á cultura.



A rehabilitación tiña que estar rematada no 2003. Estamos no 2014. Como chamarlle a este despropósito nacional? Que aconteceu cos proxectos realizados por Alfredo Freixedo e por Lapayese, proxectos desbotados? Canto diñeiro público custaron eses proxectos?



E agora, para esgotar de forma definitiva a paciencia d cidadanñia e a capacidade de indignación, o 20 de maio de 2014 coñecíamos que as obras do Museo serán retomadas ao longo do 2016 ou mesmo no 2017, se se cumpren as previsións do goberno do estado...isto é, se deciden seguir coa política de recortes en materia cultural ou non. Como confiar entón? Teremos que agardar outros 10 anos? 10 anos máis de vulneración de dereitos culturais?

E a Xunta que fai, asistir como convidada de pedra? Semella que a Consellería só decide actuar cando se producen eventos culturais lucrativos, que rouban o patrimonio público para entregalo ao sector privado, como acontece en Monterrei.



Ese novo proxecto debe representar unha posta en valor dos restos aparecidos nas excavacións arqueolóxicas realizadas no seu interior (empedrado posiblemente románico, restos romanos, tumbas de inhumación…), a adaptación do espazo interior para unha correcta exposición e almacenamento dos fondos do museo así como o acondicionamento do edifcio para a realización de actividades de coñecemento e divulgación da cultura. En definitiva dotar á cidade dun espazo de exposición e divulgación como acontece en todas as cidades capital de provincia.



Mais, aspecto inportante, mentres o museo non sexa rehabilitado é prioritario dotar aos fondos do museo provincial dun espazo adecuado tanto para a súa exposición como consulta, así como a promoción da ubicación deste espazo provisional para o seu coñecemento. O espazo de A carballeira non é o lugar axeitado para a promoción do patrimonio ourensá. Non pode silenciarse a historia de Ourense, non pode agocharse o xermolo da identidade de Ourense en tanto que pobo.



A cidadanía demostra, cando se abren as portas do Museo Arqueolóxico, por exemplo o Día do Museo, o 18 de maio, que quere o seu patrimonio, que o quere coñecer, xa que coñecer é o piar para comprometerse coa súa defensa, preservación e divulgación. De feito, na exposición sobre a restauración no museo, que tivo lugar na Fundación Novacaixagalicia, contabilizáronse máis de 6000 visitas. E, como demostración de que hai compromiso cidadá reivindicar a salvagarda de dereitos culturais, temos a campaña cidadá iniciada na plataforma dixital Change.org.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire