Información
diversa sobre os movementos curiosos do Ministerio de Interior...que
de tanto moverse, paradoxo da enxeñería bélica e lingüística,
queda no máis puro inmobilismo e continuismo con respecto ao
anterior ministerio en mans do PP.
Información
que non deixa de anoxar, non sorprender, xa que, como ben saben as
persoas que me coñecen fun dos escasos incapaz de amosar algún tipo
de emocionalidade positiva cando chegaron os de Pedro Sánchez ao
goberno...a razón obrigaba!!
Nesta
cerimonia permanente da confusión, onde son máis importantes as
imaxes e as supostas teses realizadas ou non, onde existe toda unha
mercadotecnia informativa sobre procesos de primarias (supostamente)
democráticos e onde, desde calquera dos medios de comunicación
masiva, se dá unha desaforada persecución do logro ou non dos
Orzamentos Xerais do Estado, destacando así quen o fixo posible ou
non...a conclusión que extraemos e que seguen perdendo as persoas de
sempre.
Pouca
ou escasa belixerancia existe por parte de medios e politica sobre a
persistencia das mesmas prácticas –a efectos reais- con respecto
ás persoas migrantes, dentro e fóra das nosas fronteiras. Porque
non debemos esquecer que hai anos que se externalizaron as prácticas
securitarias das nosas fronteiras aos países do norte africano.
A
nova de onte, aparecida en El País, leva un título ben rechamante:
“Interior dona 75 vehículos a Rabat para frenar la inmigración
irregular”. Unha doazón ao goberno tirano do alauita. Ao goberno
que usurpa un territorio e vulnera os dereitos de todo un pobo: o
saharauí.
A
perversión é que isto, por riba, se entenda como cooperación: para
nós é un contrabando, unha noxenta política de favores que sempre
recibe contrapartidas opacas. Non se pensen que é unha doazón
lixeira, non: os 75 vehículos doados a Marrocos teñen un valor de
2M250mil euros, a isto cómpre engadirlle os que se regalan a
Mauritania (292mil euros) e Senegal (9 vehículos todo terreo e trece
quad, 295mil euros), para un total de 3M200mil euros, segundo El
País, que recolle a información da memoria que elaborou o
Ministerio de Interior. En 12 anos, só Mauritania e Senegal
acumularon preto de 170 M€ grazas a esta política de
contrabando...
O
que para o(s) ministerio(s) é Cooperación, cínguese a compra de
material policial e outros recursos securitarios que se emprega como
ferramenta de persecución das persoas migrantes, das refuxiadas e
tamén como instrumento de represión do pobo saharauí por parte do
ocupante marroquí. Esquécese que os conflitos que teñen lugar en
Siria, en Sudán do Sur, República Centroafricana, na República
Democrátrica do Congo, no Sáhara, e noutras zonas de África e Asia
son debidas ao mantemento das políticas coloniais de desbaldimento
de recursos primarios. A nosa responsabilidade é dobre...provocamos
e convocamos os demos da violencia bélica...e logo esquecemos os
dereitos asociados á palabra asilo e refuxio.
Somos
unha vergoña. Cómpre que a esquerda redefina cales deben ser os
principios inexorables polos que debe transitar un acordo político.
A existencia dos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE’s),
a persistencia na práctica das devolucións en quente, isto é, os
dereitos das persoas migrantes e refuxiadas non poden ser, en ningún
caso, a parte esquecida ou minorizada dos acordos dunha (suposta
e...esvaída?) esquerda. Ogallá que os tempos me quiten a razón!

Esta
perversa política de fronteiras, xunto coa Lei Mordaza e coa Lei de
Estranxeiría deben formar parte xa dun programa de acción claro da
esquerda e seren parte importante de calquera negociación.

Pero
claro, unha imaxe, hoxe, vale máis que mil palabras, pero non vale
máis que a coherencia dunha conciencia liberada das mentiras e das
conveniencias...entón estourará a forza da responsabilidade,
sinalando a quen, hoxe, xoves 1 de novembro de 2018, apoia co seu
silencio ou coa súa indiferenza, a política de contrabando que, a
cambio de fronteiras, apoia a vulneración de dereitos.