samedi 9 janvier 2010

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA OS ACTOS DE VIOLENCIA RACISTA EN ITALIA

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA OS ACTOS DE VIOLENCIA RACISTA EN ITALIA

AS LEIS E AS INSTITUCIÓNS SON CULPABLES DE INOCULAR NO IMAXINARIO SOCIAL O VIRUS DO RACISMO


Na rexión de Calabria o racismo, latente e animado desde as institucións democráticas italianas, estourou hai dous días. Varios mozos dispararon contra as persoas inmigrantes que traballan como temporeiros na recollida da uva, da mandarina ou dos tomates. Inmigrantes que malviven e non teñen sequera onde durmir. Inmigrantes, moitos en situacion administrativa irregular, que viven na máis estrita marxinalidade e como “criminais” desde que Berlusconi así o dispuxo coa Lei.

O racismo institucional, tal como o levamos alertando desde hai anos desde esta Secretaría de Movementos Sociais, é un dos máis perigosos inoculadores de racismo e xenofobia no imaxinario social, xa que lle está dicindo á poboación que esas persoas inmigrantes, cando en situación irregular, son “criminais” e, como tal, non deben disfrutar de ningún dereito, mesmo, como tal, se lle nega a condición de persoa.

Non debe de abraiarnos que as persoas migrantes reaccionasen aos disparos con furia contida. Non é o desexable, mais, nese contexto institucional e securitario, nese contexto de explotación económica...quen vela pola salvagarda dos seus dereitos humanos? O problema é que neste clima vaise “criminalizar” aínda máis ás persoas migrantes.

A acción innoble e inmoral do goberno italiano permite mesmo que estas persoas caian nas mans das mafias. Cando non existes para o escenario democrático é moi doado caer nas redes de exploitación. A democracia enferma languidece.

Italia, Hungría, Francia, España,....Europa construídas sobre o cadaver da dignidade das persoas migrantes. Desde esta Secretaría Esquerda Unida fixo un chamado e traballou cos colectivos sociais para que se dera marcha atrás nesta progresiva quebra dos valores esenciais da democracia. Pero as nosas sociedades enfermas viven na indiferenza e na ignorancia. De aí a aprobación da Directiva da Vergoña. De aí o endurecemento da Lei de Estranxeiría en España. De aí a existencia de campos de internamento en toda Europa.

Neste contexto de racismo institucional non deben sorprendernos tampouco as ignorantes afirmacións de Roberto Maroni, ministro de Interior italiano, que culpou á “tolerancia co fenómeno da inmigración sen papeis”. Primeiro, a tolerancia é o peor concepto para falarmos da migración xa que apela á paciencia, a soportar, e renuncia á comprensión das diferenzas e ao diálogo intercultural. En segundo lugar, o racismo é un construto social e, polo tanto, a culpa do racismo a teñen –entre outros feitos- os políticos que din si a leis que van contra os dereitos das persoas. En terceiro lugar, a inmigración sen papeis é un invento que beneficia, e moito, a unha patronal sen escrúpulos, que conta así cunha baratísima man de obra que precisa sobrevivir como sexa. Nada hai máis doado que regularizar de forma ordinaria..., pero non lle interesa a esta Europa bunquerizada.

As Leis son as que marcan quen pertence á escena democrática e quen non. Os seus creadores son os que deron amparo á marxinalidade e a existencia de persoas de primeira e de segunda. Con eles, o racismo non deixará de medrar.

Compostela, 9 de xaneiro de 2010.

Xabier Ron
Secretaría de Movementos Sociais
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire