lundi 11 janvier 2010

RACISMO EN CALABRIA (2)

O RACISMO INSTITUCIONAL DO GOBERNO DE BERLUSCONI AMPARA A ESTRATEXIA DA MAFIA CALABRESA

As estratexias da clase dominante sempre son claras: beneficiarse do traballo das persoas ao menor custo posible. Tanto a mafia calabresa como a patronal, co amparo do goberno racista e xenófobo de Berlusconi e co silencio de cáseque todos os demais, son os grandes beneficiados da dispoñibilidade da man de obra barata, explotada e sen dereitos que lle confiren as persoas inmigrantes.

No comunicado do 9 de xaneiro alertabamos de que os perdedores serían as persoas inmigrantes. Coa decisión de desplazar a varios centos aos centros de internamento, o goberno italiano está dando cobertura aos actos racistas da xente común e da propia mafia calabresa. Connivencia que debera ser investigada desde logo. Todo apunta a que a mafia está desviando o foco de atención cara ás persoas inmigrantes para librarse da actuación da xustiza. Coa cobertura houbo malleiras a inmigrantes a cargo de xentes do común...algúns familiares da mafia calabresa, N’Drangheta. A xustiza debera actuar con firmeza e castigar con dureza a todos os autores dos actos racistas.

Pode un fiarse da palabra do goberno de que non vai expulsar a ningunha das persoas trasladadas a centros de internamento, cando o ministro Roberto Maroni se queixaba da “tolerancia” cara á inmigración sen papeis? Quen vai garantirlle os seus dereitos a quen non os ten, segundo a propia lei de estranxeiría italiana? Ninguén. Por iso, as persoas en situación administrativa irregular non se fiaban da promesa do goberno e fuxían en tren mentres que os que estaban en situación regular ou á espera de saber se se lles concedía o estatus de asilado eran os que ían aos centros de internamento.

O racismo ataca ao máis feble na xerarquía social: ao inmigrante negro e musulmán. É o irracional medo ao outro, ao que se culpabiliza de todos os males da sociedade. É máis doado atacar a quen non pode defenderse que dirixir a ollada cara aos de arriba, os que abafan coa súa política neoliberal e neoconservadora o futuro do planeta e da humanidade.

Compostela, 10 de xaneiro de 2010

Xabier Ron
Secretaría de Movementos Sociais
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire