vendredi 4 juin 2010

AS DIFICULTADES DE AMOSAR(SE)

Hai organizacións heteroxéneas que pretenden amosar(se) como un monolito, ignorando que a pluralidade non significa unanimidade e que a unidade non se vé por iso debilitada, nin posta en perigo. O debate dá(lles) medo.

Mañá terá lugar no Teatro Principal de Compostela a presentación dun acto que quere recapitular o camiño andado até o de agora polo proceso Refundando a Esquerda, ao que prefiro designar como grupo.

Pero hainos que non saben de política. De feito, neste país hai moitísima ignorancia política e, coa escusa dun nacionalismo rancio, malentendido, e que é idéntico na súa matriz ao nacionalismo opresor, colonial, impiden calquer avance.

Consideran que teñen a patente da lingua e da cultura...e moitos, penso eu, nin sequer saben máis que o xustiño neses eidos e que, desde logo, len pouco e fórmanse menos.

Non vou nomealos, saben moi ben quen son e o que son capaces de facer para impedir que se visibilicen movementos á esquerda do capitalismo. Eles, por moito que o neguen, representan outros intereses debido a que están na escena da institución representativa galega. Eles, cos seus actos, están destruíndo a riqueza plural que tiñan dentro do seu bandullo e xa podemos ollar como se ningunea a unha das cabezas pensantes máis brilantes da intelectualidade galega (que tivo seus erros, si, pero que soubo, creo, rectificar) e como se dan, ben erguidas ao ar resonante dos medios, pelexas con policía mediante entre os falsos unanimistas.

Caerán polo seu propio peso. Pero mentres, deixan en mans da dereita, do capitalismo máis brutal o control das nosas vidas.

Eu, sinxelo, non quero isto, prefiro facer o esforzo de traballar e sumar a todas aquelas persoas e organizacións que queiran sumarse ao proceso de refundar a esquerda e de achegar o seu gran de area na dura, na cáseque imposible tarefa de plantar cara ao capital e dicir que basta xa de atropelos.

Eu, sinxelo, non teño medo de amosar(me) tal como son: de esquerdas, anticapitalista, comunista, pacifista e intercultural. E non vou finxir por posibilismos, coma eses falsos profetas.

4-xuño-2010

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire