dimanche 24 octobre 2010

ESNAQUIZANDO O BEN COMÚN. ORZAMENTOS DE AUSTERIDADE NEOLIBERAL

O ben común é o que beneficia a unha maioría social. Os servizos públicos pertencen a ese eido. E son, para as persoas que non teñen patrimonio, o seu patrimonio.

Os orzamentos do 2011 en Galicia, un documento cheo dunha xerga tecnocrática e posmodernista baleira de contido, xogan coa re-creación futurista dun Plan Estratéxico 2010-2014. Animo tamén a que sigan a presentación en ppt dos Orzamentos e verán como se debuxan as liñas dunha ficción digna de Nostradamus.

Unha lectura superficial diría que estamos no País das Marabillas, unha lectura reflexiva demostra que son un ataque en toda regra a varios eidos sociais que podemos considerar imprescindibles:
  • educación: redución de profesorado, de recursos e de formación. Aulas máis masificadas. Dificultades para atender a alumnado con necesidades educativas espeíficas e, desde logo, en aulas que chegan aos 30 discentes resulta moi difícil: a) atender a diversidade e heteroxeneidade da aula en materia de ritmos diversos na adquisición do que se require aprender; b) desenvolver aulas de lingua estranxeira con eficiencia; c) acadar o obxectivo dunha educación de calidade, eficaz e eficiente = degradación = desvío de alumnado e fondos para o ensino privado (véxase Programa Abalar que resulta unha desfeita organizativa en todos os seus aspectos nodulares e do que non se está dicindo toda a verdade e que, moito me temo, non se aplicará a todos os centros públicos por igual co que se discriminará a centros públicos que non poderán acceder nunha fase ulterior que nunca chegará a existir e...se non...ao tempo. As TIC, que son a panacea para o PP, demostran que estamos nunha Galicia con varias fendas, unha delas a dixital. Non ver isto é de incompetentes). A formación é malentendida e desviada da súa real función. Vulnérase o principio da autonomía de centros en nome de criterios que nada teñen que ver coas necesidades reais do centro e do seu alumnado. Cunde o desánimo na clase profesoral. A normalización do galego en franca regresión. Ataque en nome dun racismo lingüístico desaforado, irracional. Ante todos os ataques só cabe resistir, organizarse e loitar polo ensino público.
  • sanidade: introdúcese ao capital privado na construción, control e xestión de centros sanitarios. Fálase xa de que os centros de saúde sexan templos de consumo con tendas..., coma se fose un centro comercial. Externalízanse servizo sanitarios e desvíase a centros privados. Estratexia de degradación. A Atención Primaria está recibindo os golpes directamente na reordenación da xerarquización e na rebaixa dos recursos. Todo dirixido para xustificar a privatización e "lavarse as mans" ante todo. O 21 de novembro manifestación en Compostela para reivindicar que a sanidade non é un negocio empresarial, é un dereito que o Estado debe prestar de forma eficaz, eficiente, con calidade e sen discriminar.
  • servizos sociais: perden o seu rango de dereito, voltamos -sen termos saído del- ao concepto caritativo: aquí, todo, cáseque todo, está externalizado: entidades de caridade vencelladas á Igrexa Católica e ONG's desenvolven un rol que debera ser garantido polo Estado. A sinatura do pacto contra a pobreza é unha auténtica farsa con actores e actrices de renome político. Tal como os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio quedaron en nada...isto tamén. Non nos prestemos, por favor, a estes xogos de galería.
  • medio ambiente: os termos son os do mito do crecemento (acompañado de palabras de galería retórica: intelixente, sustentable, integrador) e do aumento da competitividade e da produtividade; séguese co tema infraestruturas viarias (VAP, vías de altas prestacións) e os anuncios de transporte metropolitano, comarcal e rural son, a día de hoxe, entelequias. En definitiva, séguese coa queima dos límites da nosa terra. Os modelos seguen sendo automoción e vivenda. As 3 R do ecoloxismo en canto ao tratamento dos obxectos-lixo (redución, reutilización, reciclaxe) non se re-coñecen na existencia da incineración. A costa e o rural terán que soportar novos ataques cementeiros...nesa "Galicia máis verde e competitiva". O tren de cercanías xa é un tren distanciado, sen paradas. Un tren que ten nome de paxaro AVE indica moi ben que non está pensado para pararse as veces que sexa preciso para facer esa función estruturadora e ecolóxica.
Outros eidos igualmente relevantes:
  • noitebús: argumentos falaces para xustificar a súa retirada; pero non, hai unha función ecolóxica e social: menos coches na estrada, menos riscos de accidentes, menos contaminación. E deixo a función económica para que os concellos en cuestión se mollen (moitos do signo PP).
  • cultura: seguimos co modelo cultural Cidade da Cultura que esnaquizará inxentes recursos públicos sen que saibamos que beneficio real lle achegará á poboación de Galicia...toda que será a que pague as cadeiras de 500 euros e os enormes salarios de persoas amigas do goberno de turno. Mentres, todo o que cheire a galego, alternativo, de beneficio colectivo...sinxelamente desaparece. O teatro vive con dificultade. E o cine en galego...non digamos.
E mentres acontece isto, a Xunta quere voltar ao enchufismo directo; ás concesións sen concurso público (por exemplo, plantas de biomasa); renova licenzas de software de pago (máis de 4 millóns de euros), cando deberamos ir co libre; desbalde diñeiro público na exaltación dunha crenza relixiosa (4 millóns de euros na visita do papa e non se sabe cantos no mantemento da doibre vía de financiación dos centros privados relixiosos); a Cidade da Cultura enlousará en tres anos 84 millóns de euros (recoñecidos); que política activa de creación de emprego está seguindo?? (xa temos unha taxa de desemprego recoñecida de 15,58%);

Como quere afortalar os servizos públicos se seguimos coa cantinela de non subir impostos aos que máis teñen (patrimonio e sucesión)? Como quere, na súa mente tecnocrática e crecementalista, con menos gasto público crecer economicamente? Como creará emprego con só 966,11 millóns en 4 anos (2010-2013)? E, por riba, pensa que coa creación da Axencia Tributaria Galega o soluciona todo: con cantos inspectores contará para atacar de verdade a fraude fiscal?

Os obxectivos estratéxicos do Plan Estratéxicos, para ter valor vinculante, máis aló da palabrería, deberan ir acompañados cunha memoria financeira e desglose ben clarificado por obxectivos e non por entes responsables.

Eu, véxoo así.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire