A verdade é que lin dúas veces o discurso do ministro de Educación. Infumable. Digno da opereta numérica dos que adoran dar números que, pretenden, expliquen realidades. Son tecnócratas, claro. Empregan palabras que foron característica dos discursos progresistas pero para prostituir o seu significado. Manipulan a lingua para manipular a conciencia. Mais, a realidade é así porque eles, que tiveron o poder hai 8 anos nada fixeron para que mellorase o ensino público, é así porque os que estiveron hai nada só aplicaron unha renovadora cosmética sen atreverse co esencial (por exemplo, a presenza da relixión).Pero agora, en nada, así como quen pensa no retrete mentres se alivia, alumean unha idea e queren impoñela a todo o mundo, así semella que actúan os gurús da reforma destrutiva. É o triunfo da estupidez. Falan do respecto e din que ten que ver, claro, con que somos, os docentes, malos, que digo!, somos moi malos, que non sabemos facer nada. Esquecen que a dimensión educativa non se cingue á escola, que ten unha dimensión contextual moi importante e relevante: sistema político-económico que determina as condicións de clase, si, xa sei, fala Marx, pero é que se demostra que ten máis razón que nunca. Hoxe denúnciase que debido aos recortes en Grecia, hai nenos e nenas desnutridos na escola.
![]() | |
| o ensaio manipulado por Wert |
De novo, e xa van moitas, toca trastornar o currículo, a estrutura do sistema educativo. Para o noso país, Galicia, é unha desfeita o que pretenden facer. Iremos comentándoo pouco a pouco ao longo das vindeiras semanas. Pero o que si debemos pedir é que os de "galería e pacotilla" se dignen en explicarnos como se vai reconfigurar a plantilla de profesorado en Galicia e como van a esmagar (perdón, respectar) os dereitos laborais acadados despois duns 15 anos de traballo (pensando, sobre todo, nos CPI's, onde a desaparición dun curso implicaría unha morte segura da etapa da ESO e a "deslocalización" de profesorado e alumnado).
Mala cousa que gobernen a "cousa pública" aqueles que non cren nela e que só desexan rematar co proceso de degradación e destrución da xa reducida igualdade de oportunidades que existe. A receita de 3 anos de bacharelato é un pé para acelerar a concertación desta fase nos privados.
Un ano máis, non vai haber oposicións para acceder á función pública docente en Galicia. Un ano máis milleiros de persoas sinten frustración despois de ter estudado durante dous anos, algunhas pagando academias, outras despois de ter pagado o máster de capacitación correspondente. Que destino lles agarda? O desemprego? Emigrar? E logo din que as reformas (sic) se fan para evitar o fracaso escolar...pero se hai unha enorme masa de persoal sobradamente preparado....que lles destinades a estas persoas Vázquez-Wert?????

Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire