Todo acontecera un venres. Todo se fixo para honrar ao Deus Mercado e aos seus profetas. Son poucos, pero a súa caste domina o mundo. Entraron no xogo democrático para desvirtualo, para dominar á súa vontade á masa. E puxeron o diñeiro necesario para construir imperios mediáticos e financeiros quen de dominar os escenarios de decisión supostamente democrática.


Mentres iso acontecía, en directo a través da rede óptica, millóns de persoas, de xeonllos, observaban o espectáculo. Os profetas dispuxérono todo para que detrás de cada espectador houbese un látego inmaterial: "ou aceptas con abnegada resignación ou 'iso' é o que che agarda. Tes que escoller entre vivir de xeonllos ou morrer desangrado nas oficinas de culto do desemprego".
Algúns xa foran rodeados polos garantes dos profetas e a cada movemento sospeitoso recibian unha descarga de paos. Sempre os alcumaran antisistema e eran seres 'perigosos' para o mantemento da orde mundial.
Outros, menos dos que se pensaría, ousaron erguerse e negáronse a aceptar a chantaxe dos profetas. Ao día seguinte, foron expulsados do 'paraíso' laboral de forma procedente e conforme á norma que emanaba do coitelo do Deus Mercado.
Os demais, dubidaron nun inicio entre erguerse ou seguir de xeonllos. Finalmente, o peso das ataduras económicas de todo tipo, o sentimento de medo ante a morte laboral, provocaron unha aceptación en masa das novas condicións de traballo e que representan unha nova forma de escravitude.
Todo acontecera un venres de febreiro, segundo me contou meu avó. Non acerta, debido ao alzheimer, a dicirme que sucedeu nos meses que seguiron á presentación do sacrificio humano. Díxome que algúns antisistema e contestatarios se uniran, pero non me soubo aclarar se os profetas retrocederon ou non. Terei que agardar a medrar un pouco e desfacer a censura que impide a libre información en internet para enterarme.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire