jeudi 17 janvier 2013

INTERVENCIÓN NA COMPARECENCIA DO CONSELLO DE CULTURA GALEGA


CULTURA E BARBARIE
derrubemos as torres

Quixera, antes de máis, saúdar ao presidente do Consello da Cultura Galega, así como aos membros do seu equipo de traballo. E en nome de Alternativa Galega de Esquerda destacar a presentación das liñas de traballo executadas e o bosquexo do que se proxecta realizar para este escurecido ano 2013.

Ao longo das diversas comparecencias de conselleiros e conselleiras, que se están sucedendo desde a semana pasada, tivemos o infortunio de escoitar fabulacións, mentiras e falsidades en relación ao poder marabilloso que teñen os orzamentos do ano 2013: que con menos, se pode facer máis, que con menos recursos se acada máis reparto e maior beneficio social.

Este discurso agocha unha política sinxelamente destrutiva. Erosiona cada vez con máis forza as posibilidades da sociedade galega en poder acceder á cultura. Porque non esquezamos que as institucións públicas, todas aquelas que, en liñas xerais, reciben axudas públicas, teñen a función de re-distribuír a riqueza. Neste caso, o ben común que é a cultura.

E como se pode facer isto, como pode ter rango de realidade o dereito á cultura cando, desde que comezou a gobernar o PP os orzamentos dedicados á cultura só coñeceron amputacións sucesivas (lembremos, de 79 millóns no 2012 a 61 millóns o orzamento de cultura; e baixada do 5,5 % do Consello da Cultura Galega que se suma aos acusados recortes de anos anteriores).

Hai que dicilo. Máis aló da grandilocuencia dos números, das porcentaxes e das cantidades que, en boca do poder, son unha operación de distracción que perfora a capacidade de atención e impide a reflexión esencial, queda a realidade da estratexia, da ideoloxía destrutiva que é a que conduce a existencia destes números.

Esa ideoloxía capitalista, ultraliberal, busca o "baleirado" cultural. A destrución do que é a cultura...en tanto que expresión creativa dun pobo dono de si. Da cultura como empoderamento da sociedade. Da Cultura como latexo que percorre as rúas das distintas vilas e alumea experiencias que doutro xeito son inaccesibles.

Para a dereita a cultura non é investimento. É un produto mercantilizado que debe competir e ofrecer rendibilidade económica. Por iso, hoxe, a cultura fenece baixo o golpe das súas gadoupas. O goberno da Xunta esquece, porque non ten ese tipo de memoria, que a cultura posúe unha enorme rendibilidade social.

A barbarie á que nos queren levar é froito dunha única e exclusiva teima: contentar a Don Mercado (así podemos entender que despois da vida pública certa caste política remate os seus días no cemiterio dos asesores en empresas privadas) e a súa Dona, chamada Déficit, que vé como os seus adoradores lle entregan neste ano 2013 máis de 1.110 millóns. E falamos dunha débeda en boa medida ilexítima, que socializa a estafa e provoca a degradación dos servizos públicos e fai que a cultura quede reducida a unha mínima expresión de supervivencia debido ao voluntarismo militante dos seus axentes sociais.

Pero, o PP teima en dicir que todo vai ben. Acaso alguén pode esquecer as palabras de Feijóo, de que estamos nunha Galicia solvente e saneada? Entón, por que os axentes sociais que dinamizan a cultura se queixan con amargura do incumprimento de promesas, da inacción do departamento de cultura? Por que pequenas compañías teatrais se ven na obriga de pechar? Por que os cineclubes malviven e pechan? Por que cáseque todas as voces autorizadas falen de "precariedade", "inestabilidade", "debilidade" ou "escaseza"? Que se seguimos así, asistiremos ao enterro das artes escénicas en Galicia?

A cultura de base, a cultura en xeral languidece e vese na obriga de facer exercicios malabares para cadrar menos recursos coas funcións que teñen asignadas e que desexan manter. Isto tamén acontece, segundo se desprende da traxectoria destes últimos anos, co Consello da Cultura Galega.

Non se pode, e menos nestes tempos de crise-estafa, renunciar ao papel de axente redistributivo. Non podemos aceptar, polo tanto, máis rebaixas, máis recortes. Dicir hoxe non a unha liña cultural significa perdela seguramente para sempre.

E iso é o que pode pasar. Na comparecencia que tivo o sr. Villares o ano pasado xa avisaba da dificultade de poder manter actividades, desenvolver o traballo e manter a velocidade de cruceiro. Se consideramos que este ano a cousa segue baixando, pois temos máis do mesmo.

E non obstante, o Consello da Cultura Galega procura responder aos obxectivos que se propón ano a ano. Un dos proxectos anunciados na súa comparecencia do 2012 era facer do Consello un lugar de debate. E abofé que o acadan, xa que un dos informes, aínda sometido a debate, sobre a situación e perspectivas das artes escénicas, ofrece datos que a Xunta debera ter en conta (se realmente lle preocupa a Cultura).

Nun contexto que nunca foi moi proclive para o desenvolvemento do tecido cultural galego, hoxe os axentes sociais alertan de que a precariedade, coa carga negativa que este termo confire a calquera tarefa, se apodera do exercicio profesional, das políticas de creación e de difusión.

Até 14 situacións de carácter negativo sacuden hoxe as artes escénicas galegas e vounas enumerar de xeito rápido xa que son, en certo modo, as que definen á situación xeral da cultura (e non só da cultura) no noso país: o curtopracismo; a precariedade laboral; carencias graves nas estratexias de creación, difusión, comunicación e promoción; ausencia de política cultural; escasa democratización cultural; mercantilización; escasa normalización da educación artística; o abandono do carácter comunitario; a escasa dignificación por parte das administracións públicas, o cal se entende visto o seu desexo de "desentenderse" da cultura e de avanzar nos procesos de desmantelamento do carácter público, comunitario e local dos espazos de creación-difusión.

Somos sabedores das queixas do sector cultural do noso país. As queixas, as críticas, mesmo a indignación, chega desde todos os sectores. Aínda nos preguntamos -e de aí que o teñamos que denunciar- por que a Consellería de Cultura eliminou experiencias tan importantes como Camiños de Cultura. Un circuito cultural que garantía que a maior parte dos concellos pequenos e, principalmente, do rural galego tivesen acceso a unha determinada programación cultural (teatro, música, maxia etc.). Circuito que, ademais, permite ás compañías teatrais de pequeno formato, teatro de rúa e circo, maxia, non só achegar a súa creación artística a pequenas localidades (moitas do interior de Lugo e Ourense), senón sobrevivir na selva devoradora que o capitalismo salvaxe da dereita nos quere impoñer como único hábitat.

Por iso, temos que derrubar as torres onde queren recluír á cultura os adoradores de Don Mercado e Dona Déficit. Quedar nesas torres será axudar ao PP no seu simulacro: isto é, gobernar a cultura galega sen crer nela.

Reiteramos desde Alternativa Galega de Esquerda que a cultura é un ben común. E esixímoslle á Xunta de Galicia que cumpra coa súa obriga, como poder público, de garantir o acceso á cultura, ao desenvolvemento persoal e comunitario e de defender a nosa identidade cultural.

Comparativa 2012/ 2013
CONSELLO DA CULTURA GALEGA

2012
2013
variación
Gastos de persoal
1.282.955
1.238.547
- 44.408
Gastos correntes
1.037.000
985.150
- 51.850
Investimentos reais
225.000
210.500
- 14.500




total
2.577.455
2.434.197
143.258









 Xabier Ron
Parlamento de Galicia, Comisión 3ª de Economía
Orzamentos 2013

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire