vendredi 6 juin 2014

REFLEXIÓNS DESDE A CUNCHA DO CARACOL

Desde que remataron as Eleccións Europeas 2014 os acontecementos políticos e sociais aceleráronse. Ao mesmo ritmo que se encadean os feitos constitutivos de irreflexión. E vou tentar explicarme desde un único e puro enfoque persoal, mediante unha escrita propia desvencellada de consideracións de aparato político, e por suposto, para nada debedoras das decisións colectivas aí adoptadas. 

Eu xa escribín, e probas hai neste blog e nas miñas achegas do Diario de Ferrol e nas miñas intervencións en campaña electoral asi como na preparación colectiva do programa político e social, que estas Eleccións Europeas era fundamentais. Decisivas. 

Mais agora, desde que remataron, falta moita humildade nalgúns sectores. Moita autocrítica neses mesmos sectores. Humildade para o recoñecemento das consecuencias dunha campaña deliberadamente informada desde a óptica "de baixa intensidade" cuxas consecuencias foron amortiguar a caída do bipartidismo. E fixérono reducindo os enfoques mediáticos aos dous grandes partidos do sistema, ao que se quería e quere protexer como sexa, confrontados ás caixas esvaídas en que se introducían a todas as demais forzas. Ou mesmo silenciando de forma deliberada a algunha delas en Galicia (elocuente a indicación que recibiu un xornalista de La Voz en Lugo, para que deixara de recoller información visual pois ao día seguinte non se informaría para nada do acto central da terceira forza do Parlamento de Galicia). Ou incidindo, día sí e día tamén, na falaz idea de que o Parlamento Europeo é un maná económico e que por iso van as persoas a facer política aí. 

Humildade e autocrítica que tampouco aparece nas estruturas ríxidas dalgún partido político.

Dito isto, despois dun proceso electoral cómpre reflexionar sobre as causas e consecuencias. Mais, a min, desde o día seguinte, o que se debe facer é analizar como traballar e xestionar as consecuencias. Quero dicir con isto que prefiro ollar cara ao futuro e como incidir nel, que pararme no pasado, onde é habitual que se tenda ao fustrigamento (innecesario e esclerotizante), sexa cal sexa o resultado.

E esas reflexións fágoas desde a cuncha do caracol. Lonxe de redes sociais coma o twitter.

Insisto, o primeiro que chama a atención, dentro da carencia absoluta de humildade de amplos sectores da nosa sociedade política e social, é como eses sectores queren apropiarse de causas que proveñen da iniciativa da sociedade civil.

Mais é quizais preciso deterse en Podemos, a quen os medios denominan, como non, fenómeno, para denostalo de forma absolutamente deleznable e inxusta, menosprezando a todas as persoas que decidiron votar Podemos. 

Penso que aínda é cedo para dar conta, de forma verdadeira, do alcance de Podemos. E aínda debe analizarse ben desde un punto sociolóxico.

Mais hai un feito que quero enfatizar: o seu voceiro máis representativo, Pablo Iglesias, fala de que, despois dos estudos pertinentes, desenvolveron unha política de acción quen de chegar ao electoral de forma transversal. Pode ser certa esta transversalidade, mais véxoo manifestamente inclinado a defender un programa de dereitos de cidadanía en perigo polas políticas neoliberais. Dito doutro modo, unha cidadanía que votou un enfoque xeral de esquerdas, e tamén, hai que dicilo, anticapitalista ou cando menos contrario ao actual sistema. 

Se acollemos os resultados a nivel de Estado, 11 deputados e deputadas representarán ese enfoque. Iso é indiscutible. 

As leccións son claras: a loita de clases; a defensa das clases menos favorecidas fronte ás oligarquías e seus poderes de decisión; a reivindicación da dignidade; o afortalemento dos servizos públicos e a súa protección fronte a voracidade da privatización; recuperar a centralidade da persoa fronte aos mercados, dos dereitos fronte ao austericidio; a recuperación da democracia; etc; son aspectos que privilexian o enfoque de clase. Non outro. É por este espazo do electorado que cómpre explicar quizais o medre de Podemos.

E ese enfoque é o que debe terse en conta á hora de deseñar traballo colectivo e conxunto. Un traballo que debe asentarse na honestidade, na transparencia, na ética, na xenerosidade. 

As eleccións europeas que os partidarios do sistema querían de baixa intensidade reveláronse con fortes consecuencias. Perda de votos e deputados sen precedentes. Rubalcaba dimite. No PP hai movementos sísmicos. Os dous ven que periga o estatus adquirido. 

E agora a abdicación do Rei. Algúns afirman que é en clave de consecuencias -imprevistas do proceso electoral-. Eu, sinceramente, dubido moito desta relación. Antes penso nun cálculo interesado da Casa Real ante o que pode ser unha posible acusación formal e xuízo á princesa. 

No fondo, e nese xogo está o PP, quérese garantir a continuidade da Casa Real. E os medios de comunicación. Eses medios amigos do sistema que xogaron a unha campaña de baixa intensidade, agora xogan con enquisas -falazmente realizadas e cociñadas- (cando no CIS era un suspenso redondo nas últimas aparicións da Casa Real)-, con editoriais de liña, con artigos que demostrarían que somos un país monárquico. Tamén tenden a separar a cuestión da monarquía da cuestión de clase. Equivócanse. 

E é coa abdicación do Rei, onde xorden posturas pouco claras, pouco honestas, pouco transparentes e pouco xenerosas...que van en contra do clamor cidadá. Resulta curioso agora comprobar como quen defende o dereito a decidir...agora considera que iso é unha cuestión secundaria. 

Mais o clamor da cidadanía é claro: quere poder decidir, poder expresarse. Por iso o referendo é algo invocado nas manifestacións e concentracións. E digo cidadanía porque eu, que asistín como simple cidadán, á masiva concentración do Toural, comprobei como había unha maioría de persoas non connotadas por seren membros activos de ningún partido político. Era unha expresión cidadá e colectiva sobre unha necesidade democrática básica. 

Non se pode desvencellar a cuestión de clase e defensa de dereitos, da cuestión de modelo de estado, xa que esa mesma expresión cidadá é consciente da obriga dun novo proceso constituínte que dea conta das necesidades da cidadanía.

Non todo vale neste escenario. Debe prevalecer a ética, a honestidade, a transparencia e a xenerosidade. Algunhas persoas só procuran "sacar tallada". Pensar en termos de "rendibilidade" electoral ou partidista, antes que en termos de beneficio social, é unha acción cando menos absurda, pero que eu definiría de indigna.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire