samedi 20 mai 2017

A idade no tempo ou como nos torturamos de maneira absurda e inútil



O antropólogo francés Marc Augé, que naceu nun lonxano 1935, segue ofrecéndonos interesantes olladas que responden a resposta a preguntas que el se fai, tanto como nolas facemos nós. Por iso non debe sorprendernos o título do seu libro: El tiempo sin edad. Etnología de sí mismo (Adriana Hidalgo editora, 2016). 

Non teño a idade de Augé. E, non obstante, comparto a sensación de que vivo unha constante interrogante que vexo lanzada desde as olladas próximas..que procuran dúas cousas principalmente: a) saber que idade teño; b) e se os meus actos se corresponden coa miña idade...isto é, co que a sociedade e esas olladas pensan que debe corresponderse coa miña idade. 
Augé establece ao longo de todo o seu libro unha diferenza entre tempo, que nos daría a liberdade, e a idade, que marcaría os límites. E, claro, mentres avanzamos na idade, e chegamos a esas fronteiras que noutrora servían para declararnos mesmo inservibles, sucede que o importante está nos procesos e procedementos cerebrais, así como en determinadas pautas de vida, que acompasan idade e tempo. Con serenidade. Desde logo que coincido con Augé cando critica os actuais procesos de relegación que converten o ser humano nun marcador de dependencia: "¿Puede decidirse por decreto el grado de lucidez y de inteligencia de un ser humano?" (p. 15) E é que hai que desmentir esa asociación entre debilidade, enfermidade e vellez. Ou acaso non vemos como os cancros e outras enfermidades golpean a cada vez persoas máis novas?



Cando chega a idade...aceptemos os dons..."en lo esencial y en desorden la sabiduría nacida de la experiencia, la tranquilidad que sigue a los tormentos de la libido, las alegrías del estudio y el sabor de los pequeños placeres cotidianos" (p. 17)



Sabedoría / experiencia, tranquilidade / paixón, estudo e pequenos praceres forman parte, hei de recoñecer, do meu horizonte de expectativas. E sempre a convulsión que se aloxa no medio e que fai vivir, o amor. O tempo de amar non ten idade.



Por iso, non deixa de ser sospeitoso e pouco produtivo que certas formas do que se chama nova política teñan a pouca delicadeza de desconfiar das enrugas, do vello, da experiencia. No fondo é porque estes trazos son "feos" e para estes tempos neoliberais, asentado na positividade do "gústame" das redes sociais, a fealdade non sabería ser algo bo. A pantalla da falacia dixital non é quen de permitir a caricia, nin deixa sentir a beleza dos dedos experimentando como a pel se abre, se pecha, como a nai-terra. Convencido estou de que se darán conta tarde do seu absurdo comportamento. Mais xa será moi tarde para elas. Cando o seu propio tempo sinale o fin da súa idade.



"Ninguna persona se reduce a la simple apariencia de su edad mientras le queda un poco de conciencia" (p. 24). Apariencia...unha imaxe da realidade interior que proxectamos para que os demais nos vexan con certa benevolencia...Conciencia...a man que crea a nosa mente para alimentar o noso ego ao mesmo tempo que debe advertirnos dos perigos das falsidades que veñen de fóra. Apariencia para ser o o que pensamos, isto é, para que a coherencia vista o noso estar no mundo. Conciencia de que sempre existirán persoas que non entendan a nosa apariencia, o noso ser-estar no mundo. Ante este dilema é lóxico que existan cada vez máis escritos autobiográficos e memorias. Para evitar as distorsións derivadas da incomprensión da apariencia. 

No fondo...responder(nos) a esta cuestión: a qué se reduce a miña vida? Como se resume a miña vida?

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire