Devoreino.
O martes accedeu aos meus ollos polígrafos e o xoves xa engulira as
súas páxinas (non chegan a 140). Referímonos ao libro do
economista galego Albino Prada, Crítica del hipercapitalismo
digital (Catarata/Fundación 1º de maio, Madrid, 2019).
Pode
que sexa que estea escrito de maneira áxil, mesmo aí onde aparecen
datos económicos ou táboas sinópticas. Ou pode que as súas teses
veñen a dotar de forza o pensamento que levamos anos vertendo neste
noso blog, nos diversos artigos de opinión que, de cando en vez,
mandamos a medios como Praza Pública, así como nunha mesa de
debate, que xa presentamos no Congreso do CILEC en Coruña no 2017, e
en Vigo o pasado 30 de novembro de 2018 na Libraría Cartabón. Unha
mesa en que reflexionamos sobre as consecuencias da dixitalización e
da robotización na nosa vida e na sociedade.
Albino
Prada ofrécenos un percorrido crítico sobre o actual
hipercapitalismo e, no seu último capítulo, algunhas propostas de
solución (pp. 108-134). Como é habitual cando comentamos ou
presentamos libros, non imos entrar en todos os aspectos dignos de
atención, senón que nos limitaremos a certos puntos de reflexión e
debate.
Un
dos aspectos nos que coincidimos plenamente é na crítica á
obsesión cuantificadora do coñecemento científico, onde, por
exemplo, a avaliación externa acaba por ser nada imparcial e
científica, pois no que é unha nova modalidade da censura, dúas
persoas anónimas, movidas quizais por certas fobias, practican unha
selección negativa do que convén ou non publicar nunha revista
científica. Por momentos, ademais, esa selección vén coincidir con
certa onda de pensamento dominante ou hexemónico, favorable aos
intereses dos axentes do sistema 'infocapitalista' (denominación de
Albino Prada).
Esa
obsesión penetrou en todos os eidos....e a esquerda, sobre todo a
que practica o posmodernismo relativista, tamén se deixou colonizar
pola obsesión, pola xerga e por certos conceptos do capitalismo
salvaxe:
"No
se libra de tal mutación la acción política y social, que se
transforma en espectáculo electoral, a imagen de cualquier deporte
competitivo gestionado por burocracias parlamentarias, trabajadores
del aparato, empresas de servicios y financiadores profesionales"
(p. 23) .
O
hipercapitalismo dixital aséntase nunha distorsión esencial:
aprópiase das rendas e do traballo social a través dunha
privatización que opera baixo máscaras que algúns aínda hoxe
poden considerar de esquerdas. Por exemplo, nese eido están Uber,
Airbnb, Deliveroo, que demoucan os dereitos laborais de forma impune
e que, en realidade, non son empresas colaborativas, senón empresas
rentistas como as define Prada. As que actúan no eido da vivenda,
especulan co prezo que posúe e hoxe baleiran os centros das cidades,
inaccesibles para a clase traballadora, principalmente para a
mocidade. Este proceso de especulación rentista vén da man dunha
retirada do Estado social, e dun constante incremento das
didicultades para acceder a servizos públicos.
Outros
dos aspectos esenciais: a robotización da vida ten graves
consecuencias sobre o emprego e sobre os sistemas de protección
social. Por iso, ante unha situación de deterioro crecente, a
solución, como sostén Prada, pasa por establecer unha renda básica,
que debe ser a estratexia social prioritaria. Os datos que achega
Albino Prada, tomados de fontes oficiais como a Contabilidade
Nacional e a EPA, son elocuentes:
a)
mesma produción no 2016 ca antes da crise...pero con moitas menos
horas de traballo, isto é, con menos empregos...uns 2M500 mil
empregos menos.
b)
sector industrial: 2015 = 2002 en produción, pero cun 34% de horas
menos.

automatización:-258.600 empr.
comercio:
-87.200
transporte
e loxística: -80.000
finanzas:
-43.000
Isto
é, -469.200 empregos, se contamos os que se crearon no eido da
informatización e dixitalización, resulta que, entre o 2010 e 2016,
perdéronse 340.000 empregos. A EPA rexistra un déficit de 612.000
empregos.
Un
exemplo elocuente: Skype ten máis clientes que a British Telecom e
posúe unha plantilla de 200 persoas, mentres que a Bristish, con
menos clientes, emprega a 90.000 persoas. Entón, quen perde coa
dixitalización? Resulta evidente, e só unha mente
tecnófila non verá os males que a acelerada dixitalización trae ás
nosas sociedades. Forma parte da falacia tecnolóxica (p. 53), pensar
que o mundo melloraría coas pantallas. Prada chámalle a este
proceso, e con razón, 'abducción neoliberal'.
Nun
dos apartados, a construción do suxeito neoliberal, botamos en falta
as achegas do pensamento de Harmut Rosa (a aceleración) e de Byung
Chul-Han (a autoexplotación na sociedade do rendemento).
Convertémonos en proconsumidores, propietarios e aforradores,
mentres que desapareceu a palabra 'traballador'. A nivelación
oligárquica desde a crise produciuse por abaixo, degradando e
empobrecendo a toda a clase traballadora. Para esta nivelación, a
oligarquia abduciu o Estado, que se converteu en cómplice, de tal
forma que as institucións e as leis están ao servizo dos seus
intereses.
Cómpre
resistirse. Negarse, como di Albino Prada, a aceptar estas regras.
Esta toma de conciencia sería moi necesaria para ir eliminando do
noso imaxinario a falacia tecnolóxica e dixital. O economista galego
non fala abertamente de socialismo, non obstante, formula unhas
solucións que teñen o beneficio de conter a máquina do capitalismo
salvaxe. André Gorz hai décadas xa avanzara a necesidade de poñer
en marchas reformas non reformistas, isto é, reformas que supuxesen
unha clara contestación ao capitalismo. A renda básica (que ben
defende Albino Prada) pode ser unha desas ideas, xa que liberar ao
ser humano para posuír unha certa dignidade do traballo precario que
lle concede o capital, podería permitirlle usar o seu tempo libre en
tomar conciencia da necesidade de non só frear o capitalismo, senón
poñer ás persoas por riba dos intereses do mercado. E iso só pode
acontecer co socialismo.