dimanche 17 mai 2020

HOMENAXE A UN HOME ÍNTEGRO E COHERENTE: DON RICARDO CARVALHO CALERO

"Quen se libera arreda-se"
Homenaxe a un home íntegro e coherente:
don Ricardo Carvalho Calero

Hai persoeiros que se dignifican pola coherencia que mantiveron en vida, por moita disparidade e desencontro que puideran xerar. O tempo, sempre sabio, outorga os lugares que se merecen. Sen dúbida, Ricardo Carvalho Calero pertence a este tipo de persoeiros. O Día das Letras Galegas posúe ese alcance memorial de recoñecemento, non só pola calidade literaria dos escritos ou a valía científica da obra, senón polo compromiso existencial. Os méritos de Ricardo Carvalho Calero son tan sobranceiros (escritor en castelán e galego, poesía, novela, teatro, colaboracións xornalísticas, investigador,...) que abraia que tivesemos que agardar até o ano 2020 para que a súa figura emerxa por riba do esquecemento, do ostracismo intelectual, do oportunismo político e da banalización da discusión lingüística.

Este ilustre ferrolán, nado en outubro de 1910, mantivo, desde mozo, un elevado activismo político que se expresou na súa incorporación en 1927 ao Seminario de Estudios Galegos (SEG), na fundación do Partido Galeguista (5-6 de decembro de 1931) e na elaboración dentro dunha comisión creada no SEG, xunto con Alexandre Bóveda, Vicente Risco, Paz Andrade e Lois Tobío, dun Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza, cun enfoque federalista ousado que non chegou a callar porque

"impunha ao Estado umha forma que só o Estado podia dar-se, resultou inviável, e foi preciso ajeitar-se aos limites do Estado que os constituintes estabelecerom" [Discurso lido no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1986].

Isto obrigou a seguir traballando para acadar un texto que fose acollido por unha maioría ampla, o que acontecería o 28 de xuño de 1936. "Tempos da Segunda República, aquel novo e falido intento de estabelecer em Espanha um regime de convivência democrática", onde, lembraba Carvalho Calero, "republicanos vagamente federais" e "galeguistas vagamente republicanos" víanse na obriga de se entenderen baixo o paraugas que confería o novo modelo de estado: "Uns e outros pareciamos luitar conjuntamente pola República Federal". Logo, xa sabemos, chegaron os golpistas franquistas e en 1938 morría a aventura parlamentaria do Estatuto.



O Partido Galeguista, como todos os que defenderan a Segunda República, coñeceu a represión xenocida e sofreu un dobre exilio, exterior e interior. O exilio exterior, sobre todo en Buenos Aires, intentou defender a recuperación das institucións demoucadas polo franquismo así como manter a necesidade de que o Estatuto de Autonomía fose unha realidade para Galicia, algo que foi defendido até a extenuación por Castelao até a súa morte en 1950 e polo Consejo de Galicia. Achega silenciada, como tantas outras, na conformación institucional que se puxo en pé en Galicia despois da morte do ditador.

Carvalho Calero, debido ás implicacións da súa defensa coherente da democracia, coñeceu as penurias de ser recluído en Jaén en 1939. Sae en 1941 coa lousa de non poder exercer ningún cargo público. Desde entón, podemos dicir que vive no exilio interior. Son anos durísimos, de supervivencia. Don Ricardo sobreviviu entre 1942 e 1949 exercendo o seu maxisterio en academias privadas de ensino. Di o profesor Juan Castro (coa experiencia dos seus 84 anos) que tivo a sorte de poder coñecer aos mellores profesores na posguerra en centros privados. Era onde podían ensinar usando unha pedagoxía avanzada, asentada nos preceptos democráticos do Instituto de Libre Ensinanza. Así foi como chega Carvalho Calero ao Colexio Fingoi, onde ensinará durante 15 anos, entre 1950 e 1965 e onde chegou a poñer en pé un Centro de Estudos Lingüísticos e Literarios. Cofundador da editorial Galaxia en 1950. En 1958 ingresara na Real Academia Galega cun estudio pioneiro sobre Rosalía de Castro. Afirman algúns que Carvalho Calero reduciu a súa militancia política. Non obstante, se temos en conta que estamos en Ditadura, todos os traballos que se fan a prol do galego pertencen, por dereito propio, a unha militancia cultural necesaria e decisiva para a nosa lingua e cultura, tal como a Historia da Literatura Galega Contemporánea. I (1963).

Co 'aperturismo' do ano 65 mudaron as condicións de Carvalho Calero, que xa podía optar á función pública como docente. Esta é unha etapa, sen dúbida, rica en acontecementos eruditos para o coñecemento, defensa e promoción da lingua e da literatura galega, pois desde 1965 estará vinculado ao seu ensino na Universidade de Santiago de Compostela, da que será, en 1972, o seu primeiro catedrático.

Nestes sete anos prodúcese unha rica eclosión do traballo científico de Carvalho Calero que dá como froitos a Gramática elemental del gallego común (1966), colabora na redacción das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega (1970-1971). Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936) (1975). Nunca deixa de practicar a escrita tanto literaria como ensaística e científica até a data da súa xubilación, en 1979 e tamén durante a súa segunda fase de ostracismo que se estenderá até a súa morte en 1990.

A democracia consiste, nin máis nin menos, na pluralidade de ideas, na necesidade de pensamento e debate críticos, e mesmo na discrepancia argumentada. Se aniñan na coherencia entre a tese e a praxe, entón é a ética a que se manifesta. Ricardo Carvalho Calero sabíao, era moi consciente das dificultades que significaba defender unha opción non hexemónica, tal como emana, por momentos, nunha das súas últimas intervencións ['Discurso político e discurso poético na literatura galega moderna'. Transcriçom da conferência proferida o dia 22 de Abril de 1988 na Escola Universitária de Formaçom do Professorado de Santiago ]:

"Temos que renunciar, portanto, na vida pública como na vida privada, a que as cousas marchem inteiramente polos roteiros que nós desejaríamos"

Os sendeiros deste século XXI levan, inexorablemente, e por moito que se pretenda negalo, a persoeiros como Ricardo Carvalho Calero, que defendeu coa súa liberdade e coa súa coherencia e integridade ideais de xustiza e democracia, de lingua e nación. Unha persoa que pulou polo recoñecemento científico da nosa lingua e do noso patrimonio inmaterial. Como di Bernardo Máiz é o pai lingüístico de varias xeracións.

Pode que non se entenda, desde os eidos do pensamento dominante e politicamente correcto, a necesidade de reivindicar de forma plena a Don Ricardo Carvalho Calero. Non se debe esquecer que o edificio dunha democracia se alicerza tanto sobre as pezas concordantes como nas discrepantes.

“…certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente… e que nin como estudoso nin como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”.

En efecto, todo indica que o fundamento da Democracia contén, en certo sentido, a súa propia disfunción: as minorías vense na obriga de habitar nas marxes da sociedade, cando deberan, en realidade convivir. De feito, o propio sistema de partidos está asentado nos principios básicos de pluralidade, debate e discrepancia e convivencia.

As normas da hexemonía social serven para explicar o que acontece nos sistemas e patróns lingüísticos. De feito, como demostran recentes estudos científicos, o problema é que os procesos de lingüificación son agresivamente hexemónicos na defensa ideolóxica da estandarización dun patrón. E nesa refrega, as restantes opcións son rexeitadas. Se retomamos o fundamento da democracia, no entanto, é posible que convivan diferentes formas de ver e pensar o mundo, tamén a lingua. Simplemente, ao final, un ten que decidir, sen que iso implique, necesariamente, a marxinalidade de quen elixe outra opción. Sería a mellor proba de que vivimos nunha democracia sana.

Por iso, non se pode reducir a bagaxe do intelectual de Ferrol a unha simplista cuestión ortográfica/idiomatica/ideolóxica que contrapón reintegracionistas (banalizada como 'portugueses') e antireintegracionistas (banalizada como 'españolistas'), xa que sería furtar a posibilidade de que a sociedade galega de hoxe acceda ao coñecemento pleno do que foi Carvalho Calero. Tampouco, debido ao seu rol como ideólogo da ortografía da norma AGAL, se pode obviar este feito, só cómpre corresponder coa realidade dos feitos.

Carvalho Calero, a pesar de ter participado e ser protagonista dos elementos fundacionais da lingua, da cultura e do entendemento de Galicia como nación -así entrou mesmo na Constitución Española de 1978-, sempre fuxiu de recoñecementos con modestia e intelixencia -coma no discurso de 1986-, así como soubo manter a súa dignidade e coherencia até o final, renunciando a determinados postos honoríficos e pechando a posibilidade a certos cargos representativos.



Remataremos esta semblanza con estes expresivos versos que, escritos en 1961, pode que indiquen a lousa que representa o exilio interior:

Traguede dinamita
porque quero voar
esa ponte de anguria
que vai do hoxe ao mañá
(Salterio de Fingoi)


Xabier Ron
17 de maio de 2020

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire