mardi 8 janvier 2008

Reflexións desde a rúa (II)

Asomeime ás sombras das comunicacións en Galicia no Nadal. Todo o ano, pero de forma especial nestes días nos que me teño que desprazar con frecuencia até Vilalba e Lugo. Dicir lamentable é dicir pouco. Os domingos non hai autobuses que se despracen a Vilalba desde Santiago. Tampouco en días festivos. E durante a semana, para vir desde a localidade chairega só hai un autobús ás 8h da mañá. Artellamento territorial e social? Comecemos polo máis sinxelo e acheguemos as localidades de forma máis acorde a este inicio de século XXI. Achegar as vilas será tamén achegar ás persoas entre si. Pero hai estreitez mental e visual nos nosos xerarcas.

E o transporte metropolitano, polo menos o que teño que mamar cando me desprazo en medios públicos, xa que non dispoño de auto (porque non quero), mantén unha nebulosa que consiste en deixar que sexan os bares os que informen da existencia ou non de bus a unha hora determinada. Así vai este país. E se pensan vostedes en coller o bus para desprazarse uns dous quilómetros e non ten tarxeta saiba que vai pagar case o mesmo (1,20 €) que por ir até Santiago que está a 14 quilómetros (1,25 €).

Así nos vai e nada semella rebentar. Pero rebentará nalgures porque hai sinais evidentes de que vivmos no gume que leva directo ao abismo.
8-xaneiro-2008

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire