vendredi 11 avril 2008

Reflexións desde a rúa (IV)

Pasou tempo. Demasiado, quizais. Mais non sentía a necesidade. Non sentía a vertixe de asomarme ao baleiro que produce unha páxina en branco. Hoxe tampouco. Mais desexo experimentar a escritura sen a paixón da política, do compromiso social permanente e constante. Que, hoxe, polo menos, se me permita esta pequena licenza, este indecoroso lecer.

Pasou tempo. E no debullar dunha mazá, unha nena, coa boca aberta, asiste ao fermoso espectáculo da maxia. Esa maxia de sentirse acompañada na súa viaxe por eses maiores que autoafirman seren seu pai e súa nai. Debe ser algo anómalo para a nena. Estar cos seus dous pais, un venres.

Pasou tempo. Na libraría dos amigos Oscar e Iria, o libro non viaxa tanto como desexan seus donos. E o diálogo amosa a preocupación de quen vive da cultura, da fermosa cultura de ler. Hoxe, mesmo semella un acto heroico vivir diso. E díxenllelo. E riron. Pero teñen a determinación de seguir adiante. Como desexaría convencer a todas as persoas que un dos regalos máis bonitos e ler un libro. Esta práctica, ademais, permite múltiples variantes: solitaria total, disfrutando dun café, por exemplo, mentres Leonard Cohen canta a Suzanne; solitaria parcial, ollando de cando en vez á túa parella con complicidade; colectiva, cando lle les un contiño a un ser querido, pequeno ou maior, porque nesas dúas idades a lectura é unha necesidade existencial; e máis que vós desexedes.

Pasou tempo e xa deixo estas liñas.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire