mercredi 8 juin 2011

INSOLVENTES! CARTA ENFURECIDA DUN ANÓNIMO FRANCÉS


Acaso abraia que case toda a literatura panfletaria indignada proveña de Francia? Hessel, os economistas aterrados, Attac, e agora un autor anónimo. Recoñezo que me gustou o estilo rápido, o que demostra tamén unha boa tradución por parte de Patricia Cañizares. O carta anónima foi editada por Espasa Libros, e conta con prólogo de Maruja Torres. Son un total de 62 páxinas escritas nun estilo directo, sen retóricas destinadas a desviar a atención do esencial.

O autor escribe a carta desde as beiras do Mekong, desde un pequeno pobo, "asolado polos produtos químicos e os antibióticos, especializado na produción industrial das gambas que logo se comercializan en Europa baixo formas irrecoñecibles", onde a esperanza de vida é de "46 anos". "Aquí podo comprobar todos os días os perxuízos do capitalismo, os danos terroríficos do consumo irresponsable dos ricos. Estos ricos fan que os pobres (...) vivan en condicións que vós non desexariades sequera para os vosos cans" (pp. 44-45).

O autor describe como principiou sendo un cidadán normal atrapado pola rede que tupen os axentes do capitalismo. Ter unha vida artificial conformada por cousas que se posúen...a costa de vivir hipotecados...a costa de sempre estar pendentes dos créditos...a costa de non poder facerlles fronte e de caer...simplemente caer.

Con 60 anos, decide deixalo todo, "deixar de mentirme" (p. 10), "necesitaba liberarme (...) das obrigas materiais alienantes. (...). Necesitaba liberarme de toda a estupidez consumista" (p. 11).

Alerta sobre a mentira, e sobre o medo paralizante no que viven as familias endebedadas. "Algunhas destas familias tremen ante a idea do paro, da separación, e aceptan todo tipo de concesións, todo tipo de humillacións, todo tipo de miserias salariais por traballos imposibles; outras están na rúa porque xa cruzaron o río, porque xa chegaron á insolvencia total; e algunhas, incluso, atópanse ao bordo do suicidio" (p. 12)

Trátase dunha carta escrita por unha persoa culta, informada do mal que provoca o capitalismo. Fai autocrítica da súa cegueira, da súa propia indiferenza para vivir coma un cidadán normal.

Pero quere que a situación mude. Por iso escribe, para que a xente abra os ollos.

"Si! É necesario que este sistema da lenta agonía, mantido sabiamente polo capitalismo, as multinacionais, os bancos e os seus Estados mediante o engano aos seus cidadáns-clientes, se derrube sobre si mesmo, que non se teña máis de pé!!

Non quere ser cómplice da morte. Mentres escribo isto milleiros morren de fame. "Como podemos ser cómplices desta máquina que mata con total impunidade, que sacrifica con total indiferenza? Como podemos ser cómplices dun sistema letal que condea sempre aos máis débiles?" (p. 32) E ilustra con Francia: 4 millóns de parados, 6 millóns de sobreendebedados, entre 7-9 millóns por debaixo da soleira da pobreza. E logo exemplifica co mundo. Coa desfeita ecolóxica que causa o noso modo de vida depredador e asasino. "Mulleres e nenos extenuados por mor de traballos sumamente duros, contaminantes e canceríxenos". "Comunidades ancestrais perseguidas e exterminadas por uns cantos buracos negros de petróleo"....

Propón catro normas esenciais: 1) aforrar de forma solidaria e coherente; 2) non pedir prestado diñeiro nun contexto deshonesto; 3) practicar a austeridade intelixente e responsable; 4) prever con lucidez e realismo os recursos da terra no futuro, en 2050, cando sexamos 9 mil millóns de persoas (p. 37). Todas son importantes e o autor anónimo descríbeas con acerto. Quédome coa 3. "Desde a infancia, hai que tomar conciencia de que non é necesario gastar para vivir nin desbaldir o que lle roubamos ao porvir e a outras poboacións pobres. Esta arma [refírese á austeridade] precisa dunha xestión correcta e equilibrada do pracer e da verdadeira necesidade, da pulsión e da reflexión" (pp. 46-47).

E gústame a súa reflexión sobre o canibalismo do capitalismo. "O capitalismo, mutación moderna e extrema do instinto de supervivencia nun canibalismo desenfreado, nun capibalismo insaciable, transformou o homo sapiens (denominación desacreditada) en homo capitalis. (...) xa non é un lobo para o home, é unha larva mortal e necrófaga, un virus destrutivo" (p. 51).

Si, non hai solución para todas as persoas nesta filosofía destrutiva. Cómpre novas vías de produción de recursos para o equilibrio da vida na terra. Se os países emerxentes se poñen ao nivel de occidente, serían precisos 30 planetas para que a nosa especie siga existindo en 2050. Claro, os capitalistas prefiren pensar que eles formarán parte do 20% que vivirá a expensas do 80% restante.

Pero iso é tolerar o asasinato en masa. Iso é o que queremos?

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire