vendredi 17 juin 2011

UN CAMIÑO SEN SINALAR


A GRAN VÍA NON TEN PORTAS.
MILES DE CAMIÑOS DESEMBOCAN NELA
proverbio Zen (tomado de E. Morin)

Comeza Edgar Morin o seu último e fascinante libro (La Vía, Paidós, 2011) citando ao gran filósofo Ortega y Gasset, "No sabemos lo que pasa y eso es lo que pasa". Esta cita lígase co que vou escribir en graos diferentes. De seguro que descubrides por que. E, coma sempre, trátase dunha reflexión personalísima.

Movementos en contra do estado actual das cousas, de como os que desgobernan pervirten a democracia, afirmase, xurdiron coma un poderoso e enorme eco do libriño de Hessel. Levan, mesmo, no xogo que tanto gusta ás modas e aos medios, o nome de "Indignados", 15 M (co sempre presente xogo memorístico de números e letras de lembranzas moitas veces funestas) e DRX/DRY (acrónimo que, no caso castelán, lembra unha marca elevada en espírito). Todos compartindo o xiro actual de ser...noticia. Tan noticia que, nun país pouco dado á reflexión, á análise e ao pensamento tranquilo e meditado, xa xorden libros -con que facilidade se pode editar cando algo é "moda", para ben ou para mal- e todo un (lucrativo?) negocio editorial con literatura de corte pamfletario.

Recoñezo que son demasiado reflexivo, racional, pero sempre ben acompañado da empatía necesaria (son un sentilectual, que diría o mestre Galeano). E vexo en todo o que acontece en España, en Galicia, demasiadas sombras.

Na miña reflexión entran as numerosas lecturas, imprescindibles para dar bagaxe teórica á praxe vital. Non entendo a tese sen praxe, e esta sen aquela tampouco. Así é como vivo a miña actividade política. Son un homo politicus desde que saio á rúa e decido, por exemplo, desprazarme en bici para non usar a miña scooter e aforrar en enerxía fósil e gañar en saúde. Cando escoito a alguén dicir que é "apolítico" teño medo, xa que sinala desapego e indiferenza ao que acontece e, peor, desapego ou descoñecemento da carga ética que debe impregnar toda acción vital (a solidariedade comeza aí). E todo, todo, ten consecuencias.

Nas sombras aludidas advirto moita distancia entre o formato teórico e a praxe. Moito desexo de experimentación, pero pouca formación. Pouca reflexión. Demasiada presa. Como procurando titulares de forma constante aos medios de desinformación. O mal (ou é o que procura de forma intencionada?) do tempo tecnocapitalista. Vexo que se mutila o coñecemento, espallándoo en compartimentos estancos, mal comunicados. [Mentres o feito de estarmos en guerra e matarmos inocentes...pasa diluído...máis ben...tan difuminado que ninguén pensa niso].

Volvín a ler os postulados básicos do movemento 15 M, ou Indignados, do que semella separarse o DRX/DRY. E, logo da primeira vez que o fixera, díxenme: "vaites, velaí un movemento de esquerdas"; "ben, marabilloso, por fin o pobo esperta do letargo". Mais cando vin que no saco das circunstancias metían/medían a todos por igual, xa sospeitei unha certa confusión ideolóxica. E cando escoitei a un voceiro defender/promover o abstencionismo (no que metía ao voto nulo e ao branco, tamén por igual) xa tremei un pouco máis (beneficio para a dereita, díxenme daquela...e non me equivoquei).

E é que estou convencido que só poderemos mudar a faciana se nas institucións, dominadas agora polas dereitas económica e social, logramos invertir a correlación de forzas actuais e entra a esquerda alternativa, transformadora, anticapitalista. E isto cunha sociedade empoderada, claro! Holloway, sabémolo, deixou escrito que podemos cambiar o mundo sen tomar o poder. Pode ser, se ben teño moitas dúbidas de que sexa posible. Pero, desde logo, nunca sen construír a hexemonía, tal e como a definiu Gramsci.

No que segue, consigno algunhas eivas que anotara daquela sobre as decisións-declaracións de ACAMPADA SOL o 20 de maio de 2011: non vexo citado o decrecemento equilibrado no norte, para redistribuir no sur; non vexo unha chamada urxente a outro sistema económico, vexo reformas, non alternativa ao sistema capitalista; cando falan de libre circulación de persoas...fanno en relación á Constitución Española...; no tocante ao FMI e BCE non hai que reducir o seu poder...hai que transformar ditas entidades en instrumentos públicos de cooperación (como mínimo); poucas chamadas reais vexo a unha nova filosofía ecolóxica, a Nai-Terra...practicamente ausente desta declaración de principios.

O 22 de maio falan de medidas para a "regeneración de nuestro sistema político y económico", mais, de novo, e non só no que se refire a este carácter meramente reformista e, xa que logo, continuista do sistema capitalista, hai eivas: a) non se pode ligar un posible cambio da idade de xubilación "hasta acabar con el desempleo juvenil": cómpre non traballar máis por menos...ISO NUNCA!; b) non vexo nada sobre progresividade fiscal e redistribución da riqueza a partir da mesma; c) de novo...todo queda nunha "interioridade": e, por non ver, no tocante a esta interioridade, non vexo un cuestionamento da monarquía; e segue sen aparecer como se merece a Nai-Terra...

Aparece unha entrevista, e leo: "las personas que estamos aquí somos apartidistas y no tenemos intención de cambiar de gobierno ni de sistema" (p. 17)... Curiosa afirmación...pero que permite refrendar o espesor xa non da sombra, senón da néboa epistémica, ideolóxica e formativa. Se non se quere cambiar de sistema, que é o que provoca todos os males...para que todo o cambalache? Como se pretende construir a hexemonia que conduza a un horizonte de emancipación?

Paradoxo, ou non, vexo os artigos de opinión de persoeiros ilustres que se lanzan ás redes do entusiasmo. E vexo nas súas palabras unha conciencia da dimensión planetaria, e tamén da necesidade de cambiar de sistema. E tamén algún que outro escrito posterior ao 22 de maio, días das eleccións autonómicas e municipais, moi interesante, coma o de Benjamín Balboa, publicado inicialmente en Kaos en la red. Interesante porque amosa o carácter amorfo, pouco consistente que tiña (ten?) o movemento. Ou tamén recomendable a visión de Manuel Freytas sobre a "Guerra de Cuarta Generación" (a da era TIC). [Non comento nada do que escribe Enrique Dans...."considerado uno de los promotores del movimiento 15-M" (p. 51) (e eu engadiría o da sospeitosa plataforma nolesvotes)].

Na publicación Indignados (Mandala Ediciones), de onde procede todo o que comento, e que puiden descargar do portal www.rebelion.org, vexo unha masa demasiado heterodoxa, demasiado amorfa. Precisa coller forma e identificar de forma clara aos culpables do naufraxio actual. Culpar a Cayo Lara, por poñer un exemplo recente, de ser responsable...demostra que o faro ideolóxico que debera servir de guía lévaos á confusión.

O movemento precisa ter forma, ser recoñecible. E iso só se fai sabendo que camiño hai que tomar cando se chegue ao cruce das dúbidas. Serán quen de coller o camiño no que transite a alternativa anticapitalista, decrecementalista, antimilitarista?

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire