samedi 7 juillet 2012

46 MINUTOS DE SOMETEMENTO DA EDUCACIÓN AOS PARÁMETROS DA COMPETITIVIDADE E DA EXCELENCIA

46 minutos. Poden ser poucos.Ou moitos. Depende da subxectividade coa que nos enfrontemos ao acto en cuestión. 46 minutos. Ese é o tempo que dura a charla-exposición do ministro Wert sobre a reforma educación non universitaria dada no foro de dereitas da FAES.

A verdade é que perdín eses 46 longos minutos porque, queira ou non, son docente e sei que a tos destes homes da dereita, rematará por inocular un perigoso virus para o curso 2013-2014, unha vez presenten a súa reforma educativa no parlamento entre os meses de outubro-novembro de 2012.

E tamén, como non, puiden comprobar que, en esencia, algúns medios de comunicación non recolleron ben unha das partes máis importantes para moitos dos centros públicos galegos. Estou pensando nos Centros Públicos Integrados que ofrecen desde Educación Infantil a Educación Secundaria obrigatoria. Logo insistirei niso.

Unha circunstancia domina o discurso deste home de dereitas: a economía imponse ao sistema educativo. Dito doutra forma: a educación é contemplada desde a empregabilidade das persoas usuarias. Todo baixo o manto da excelencia e competitividade. En varias ocasións manifesta que a educación supón un esforzo (económico), para logo deixar caer que non existe relación entre aumento de recursos e mellora da calidade. Cando fala de bolsas, xa se lle vé que lle ten xenreira á política de igualdade de oportunidades, pois di que xa non se outorgan tendo en conta a 'concorrencia competitiva'.

O ministro Wert considera os informes PISA coma o Santo Graal do Ensino. Eles achegan todo o que hai que saber para saber que facer. Destaca, unha vez máis, que os resultados de España son malos, mediocres, porque, ademais, só hai un 3% de alumnado excelente (fronte ao 8% de Europa).


Escápaselle que quere unha elite que sexa quen de rexer a economía futura do país (como non menciona de forma expresa á pública, imaxino que pensa na patronal privada, tendo en conta que aos da pública nos considera mediocres).

Esta elite confróntase co fracaso escolar (= alumnado que non titula na ESO, un 26%) e co alumnado que deixa de estudar entre os 18 e os 24 anos. Con respecto ao alumnado que non titula, o ministro demostra unha soberana ignorancia da propia Lei educativa, xa que afirma que este alumnado non titula e iso que se titula "dunha forma bastante laxa" e exemplifica con que se concede o título até con 3 suspensas e con 12/13 asignaturas ás cóstas. Isto é, sinxelamente, unha mentira. As pendentes contan para titular e entran no cómputo das materias. En que escola aprendería o ministro a ler? Fáltalle comprensión lectora con respecto ás leis educativas que son as que debe dominar polo seu cargo? Ou sinxelamente minte para acadar o seu obxectivo?

Como podedes pensar que falo por falar. Recollamos, para honrar á verdade, os artigos 12.2 e 12.3 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, que din que para promocionar: 2. O alumnado promocionará ao curso seguinte cando teña superados os obxectivos das materias cursadas ou teña avaliación negativa en dúas materias como máximo. 3. O alumnado repetirá curso cando sexa avaliado negativamente en tres ou máis materias. 4. Excepcionalmente, o equipo docente poderá autorizar a promoción con avaliación negativa en tres materias se considera que a natureza destas non lle impide ao alumnado seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

No tocante á titulación en ESO, véxase o artigo 17.2: O alumnado que supere todas as materias da etapa obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Da mesma maneira, poderán obter o devandito título as alumnas e alumnos que rematasen o cuarto curso con avaliación negativa nunha ou dúas materias, e excepcionalmente en tres, sempre que o equipo docente considere que a natureza e o peso destas no conxunto da etapa non lles impediu alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

Con posterioridade, saíron dúas ordes máis concretas sobre avaliación:

- a Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia. Nos artigos 6.2. e 6.3. repite o que figura no Decreto anteriormente citado no tocante a promoción; e no artigo 7.2. repite en esencia o mesmo ca o Decreto con respecto á titulación.

- a Orde do 23 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se modifícan dous artigos sobre a avaliación con respecto á Orde anterior:
 Un.-O punto 4 de artigo 6 queda redactado como segue: «No cómputo das materias para efectos de promoción, consideraranse tanto as materias non superadas do propio curso como as de cursos anteriores. O proxecto interdisciplinar, cuxas características quedan expresadas no artigo 4, punto 8, non computará á hora de considerar o número de materias para os efectos de promoción ao seguinte curso académico».
A diferenza é que se elimina da redacción do punto a referencia "Para estes efectos computarase como unha única materia as de diferentes cursos que teñan a mesma denominación". Isto é, pasan a considerarse como materias diferentes as materias suspensas de cursos diferentes que teñan a mesma denominación. Polo tanto, quen chegue a 4º ESO con materias pendentes Francés 1º e Francés 2º terá dúas materias suspensas e non unha como daba a entender a Orde do 21 de decembro de 2007 que, debido ás queixas, durou só un curso.

Dous.-O punto 6 do artigo 7 queda redactado como segue: «Para os efectos de titulación, computaranse como materias con avaliación negativa tanto as suspensas do propio curso como as de cursos anteriores», que se corresponde co mesmo desexo de considerar como materias distintas ás que teñen mesma denominación.

Esta realidade impide, desde logo, ter en conta coma un bo coñecedor do seu cargo ao ministro Wert. Todo o contrario.

No seguinte aspecto no que me vou centrar ten que ver coa nova estrutura que desexa introducir nos dous últimos cursos da ESO:

a) introducir unha lixeirísima carga de materias optativas orientadas cara ao mundo da Formación Profesional;

b) conversión de 4º curso en "sendos cursos", un de iniciación ao Bacharelato, outro de iniciación á Formación Profesional e ambos cursos rematados cunha proba de avaliación nacional (española), externa que serían fronteiras para poder seguir eses estudos. Aquí, como se pode imaxinar un, faltan moitos datos para sabermos que lle pasa a un alumno que aprobou todas materias do curso de iniciación pero que suspende a proba: repite o curso por completo? perde un ano á espera de poder repetir a proba?

Poderán os CPI's ofertar eses dous cursos de iniciación? De novo, á espera de sabermos os detalles da reforma, a incertidume abátese sobre as plantillas do profesorado de secundaria dos CPI's.


A paixón de Wert polo modelo PISA lévao a instalar ao remate de 6º EP unha proba de avaliación. A proba será tamén nacional e externa. Pode suceder que o alumno ou alumna aprobara 6º a xuízo do profesorado do centro e que a proba ditamine que suspende. Que acontece entón? Se suspende e non repetiu, repetiría 6º. E se xa repetiu, pasaría a 1º ESO cun informe que recomendaría a atención individualizada. Fixense vostedes: unha proba externa verase confrontada ao proceso avaliativo da xunta de profesores e profesoras, que considera na nota outros ponderables que unha proba de nivel non fai. U-la autonomía do centro?

E resulta curioso isto, xa que o propio ministro insiste en que quere impulsar dita autonomía e menciona mesmo que terían capacidade para "desenvolvementos curriculares", e mesmo "especializacións" (aquí menciona os experimentos da súa amiga Esperanza Aguirre en Madrid).

c) Un terceiro aspecto será o de afortalar as instrumentais (citou: linguas, matemáticas, ciencias, inglés)...en detrimento de??? Sería a ocasión perfecta para que a relixión saíse do horario escolar e do currículo. Pero...
sabemos que a teima destes idólatras será outra ben diferente.


En resumidas contas, toda unha verborrea sobre a competitividade, sobre a suposta mediocridade do noso sistema, e sobre a panacea que representará a elección anticipada dos itinerarios e a cultura da avaliación. Ben sazonada con datos falsos sobre a titulación en 4º ESO.

E todo, segundo semella, ignorando que o sistema educativo precisa de boa financiación, de recursos materiais e persoais, e non o clima actual de recortes. Como pretende levar a cabo a súa reforma cando a tesoira neoliberal que aplica poda as posibilidades da educación pública?



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire