dimanche 22 juillet 2012

SOBRE AFIRMACIÓNS QUE SE NEGAN A SI MESMO: 'NACIONALISMO' NON É SINÓNIMO DE 'ESQUERDAS'

Candidato del BNG a la Xunta y diputado en el Congreso

Jorquera (BNG): "En Galicia, para ser nacionalista hay que ser de izquierdas y para ser de izquierdas, nacionalista"

Este é o titular que, alegremente, e de forma interesada, claro, recrea Europa Press, logo da entrevista a Jorquera. 
 
E, como me sinto aludido, replico de forma tranquila para negar as dúas afirmacións debido a que, na súa circularidade semántica, conducen a unha dobre negación lóxica: 
 
a) non está demostrado que ser nacionalista signifique ser de esquerdas e, polo tanto,
 
b)  non está demostrado que sexa unha condición sine qua non que, para ser de esquerdas, se teña que ser nacionalista.
 
Pero xa advirto antes que tampouco vou caer nos outros axiomas existentes que se refiren á imposibilidade de que o nacionalismo sexa de esquerdas. 
 
Considero que as definicións apriorísticas non relicten a realidade, senón que son simples instrumentos descritivos cheos de estereotipos e prexuízos. Polo tanto, será a realidade, a que permita establecer se un é de esquerdas ou non.
 
Por iso, resulta moi cuestionable a crenza de que os nacionalismos "de minorías"(as nacións sen Estado) son positivos a priori. Coñecemos exemplos en Europa que, en virtude, dunha necesidade de reafirmación dos trazos "nacionais" propios puxeron en marcha mecanismos de segregación e diferenciación de colectivos sociais. Isto, fágao que o faga, é antidemocrático e non é de esquerdas.
 
Ningunha institución en si mesmo serve para levar a esquerda á vida da maioría das persoas se non está en mans de organizacións de esquerdas. Unha nación con Estado propio, só polo feito de selo, non implica nada. Pode ser un terrible instrumento de represión para co seu pobo.
 
En efecto, o nacionalismo de Estado que practica o PP é...un simple espellismo? A política de intervencionismo do goberno do PP que desfai o mapa do poder que confiren os estatutos de autonomía...é simple ilusión?
 
Desexo lembrar que hai xa anos que todos os estado-membro de Europa puxeron  en marcha mecanismos de exclusión para a concesión da cidadanía. E que, en España os que aplicaron e puxeron en marcha mediante as represoras Leis de Inmigración estes mecanismos foron o PP e o PSOE. A primeira, sabémolo, de dereitas. A segunda...??? En calquera caso, mostras dun nacionalismo de estado excluínte totalmente repulsivo.
 
E camiñando na liña da exclusión: pode ser o nacionalismo do que se reclama a ultradereita inocente?  Quero recordarlle a Jorquera que hai pequenos grupos de ideoloxía nacionalista galega que proclaman certos asertos relacionados coa supremacía da "raza celta". Eles son tamén nacionalistas, tal como o foron os nazis, non o esquezamos.
 
Por iso, crer que o nacionalismo galego había ser, só polo feito de existir, de esquerdas, é un absurdo epistémico. Non toda organización nacionalista é, por principios, de esquerdas. (De feito, pode aseverar Jorquera que o goberno nacionalista durante o tempo do bipartito foi realmente de esquerdas? Eu manteño serias dúbidas, tal como deixei escrito no seu momento neste blog.) 
 
Non existe correlación directa entre nacionalista e ser de esquerdas. Nin sequera, mesmo, cando un presume que é de esquerdas (aínda os hai que pensan que o que fixo o PSOE no goberno foi de esquerdas), aplica necesariamente políticas de esquerdas. 
 
Todo depende, no fondo, do programa político (a tese) co que nos presentamos ante a sociedade que elixe e a coherencia e ética na aplicación real (a praxe) das medidas previstas nese programa político.
 
Negando, polo tanto, relación directa entre os termos nacionalista e esquerdas...queda outra cuestión que xa abrollou antes: que entende cada quen por esquerda. 

Pero ese, amigos e amigas, xa é outro cantar.  
 
P.S.: No fondo, non deixa de transparentar nese titular, a necesidade de reafirmación ante o grupo de escindidos do BNG que, tamén, se autodefinen de esquerdas e nacionalistas.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire