dimanche 9 septembre 2012

MEDO LLE TEÑO! SOBRE O SEÑOR DAS TROULAS


Este señor non ten remedio. Sempre anda de troula e nin os seus correlixionarios saben se di a verdade ou se se asolaga na mentira. Agora dille ao pobo galego que o rigor dará paso ao crecemento. E eu xa lle teño pánico. Despois dunha lexislatura de rigor, onde todos os indicadores en materia de creación de emprego e dereitos laborais, de afortalamento dos servizos públicos da educación, da sanidade e dos servizos sociais están abafando debaixo da guillotina dos recortes do déficit, agora o señor en cuestión di que virá o crecemento....Medo lle teño!
Que seguirán medrando o paro e a desprotección laboral!
Que seguirán medrando os ataques á nosa dignidade como persoas!
Que seguirá medrando a emigración como único futuro!
Que seguirán medrando a degradación e privatización dos servizos públicos!
Que seguirán medrando as dificultades das persoas con diversidade funcional!
Que seguirán medrando os ataques á lingua e á cultura galega!
Que seguirá medrando a devaluación da democracia xa empequenecida!
Que seguirá medrando a desfeita do noso territorio, cruzado por unha velocidade que o desartella, elitista e nada ecolóxica!
Que seguirá medrando o seu inmobilismo e deixará facer a Don Banco e a Don Mercado para que lle tomen o pelo e lle rouben ás persoas aforradoras do país!
Que seguirá medrando o secuestro dos medios públicos galegos e a contratación dos restantes para propaganda do réxime!
Que seguirá...el!! Vaia troula!!

O pobo galego saberá recoñecer a mentira que se agocha na troula e darlle ao señor este seu ben merecido repouso e mandalo a Madrid –seguro que devece por iso- como ministro de Rajoy ao que non lle quedan máis que dous telexornais NO-DO como presidente en canto rematen as eleccións do 21 de outubro, xa que a Troika, desde ese día, como xa o fai agora de forma máis disimulada, recibirá o convite de Rajoy para sentarse no lugar onde debe residir a soberanía do pobo.  Non o permitamos. Nin en Galicia o 21 de outubro. Nin no Estado.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire