
Quizais, vostede pode ser unha desas persoas que antes de poder responder desexa practicar ese exercicio intelectual que consiste en establecer unha táboa de valores respondendo á pregunta contraria: que é o que non quere o capitalismo? Entón, recollendo os valores que dea vostede ás dúas respostas, si pode responder á pregunta.
Unicamente lle pediría a vostede que na formulación das dúas respostas procure pensar non no seu caso particular, senón na globalidade da súa contorna máis inmediata.
Para animar a súa reflexión, só desexo anotarlle preguntas que poden orientar a súa resposta á pregunta que dá título a estas notas:
- coñece persoas que están no paro?
- sabe de xente que pasa dificultades para chegar a fin de mes a pesar de estar traballando?
- experimenta vostede que todo vive baixo unha sensación de vértigo, velocidade e abafo?
- vive vostede a ameaza do medo ante a perda do traballo?
- coñece vostede os efectos da degradación da sanidade pública á hora de ser atendida con celeridade?
- recoñece os valores e, polo tanto os perigos, dunha educación baixo a permanente fouce da redución de recursos de todo tipo?
- que pensa vostede sobre o feito de que para poder ter unha vivenda digna teña que pagar un alugueiro excesivo ou mesmo hipotecarse de por vida?
- pensa que os culpables dos males da sociedade son as persoas que escapan de países en guerra ou da violencia que representa a fame?
- considera vostede que a televisión informa de forma plural, enriquecedora e atendendo ao principio de neutralidade partidista?
- pensa vostede que é xusto que vivamos a expensas de organismos internacionais que non foron elixidos democraticamente polo pobo?
- que opina vostede sobre o feito de que con todo o que se gasta en armas no mundo, poderíamos erradicar a fame?
- considera vostede que o mercado é capaz realmente de autoregularse e que, por si mesmo, pensa no beneficio social?
Non deixe vostede de formularse preguntas.
Pode ser que teñamos que concluir que o capitalismo quere precisamente que non se formule vostede as preguntas pertinentes para non poñer en entredito o seu dominio.
Entón, formularse simplemente as preguntas e pensar nas respostas xa pode significar o primeiro paso para rachar cun sistema de pensamento único.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire