samedi 29 septembre 2012

O QUE RI AÍNDA NON RECIBIU A TERRIBLE NOTICIA

Este verso de Bertolt Brecht figura no elocuente libro de Petros Márkaris, La espada de Damocles (Tusquets, Barcelona, 2012). O libro contén unha serie de observacións do escritor grego desde o 30 de decembro de 2009 até finais de xuño de 2012 sobre a crise en Grecia e como afecta á sociedade do seu país.


As denuncias do escritor son implacables. Unhas dinastías políticas que se suceden en Grecia de forma indisimulada e que fixeron da administración pública un viveiro de clientelismo e corrupción. Unha sociedade que caeu baixo o embruxo do diñeiro de mentira, os créditos ou préstamos que non son outra cousa que débedas que esixen un retorno (ás veces) desmesurado. Un sistema que privilexia as desigualdades.

Non quero caer na fácil tentativa, a raíz do que sucedeu en Valencia, en Andalucía, ou en Galicia, de equiparar o sistema "podre" que describe Márkaris, co que temos nesta nosa casa galega. Pero algo si cheira a podre.

De feito, hai uns días escribín un textiño sobre o tema para Galicia Confidencial e, como xa agardaba, a manada de cans comezou a verter todo tipo de improperios, ningún sen ter que ver nada en absoluto co que eu comentaba no textiño. Quero pensar que nesa manada está a xente desquiciada da dereita, sobre todo ese personaxe que me chama "francés comunista españolista"...Jajaja. Que risa! E faino empregando o castelán e chámame a min españolista! Que rara esquizofrenia late nos comentaristas de internet aos que, como saben os lectores e as lectoras deste blog, xa denunciei por non seren o suficientemente ousados, tanto como as palabras que empregan, para identificarse. 

Nese artigo falaba de que a min me produce especial arrepío o pensamento de que a xustiza non é independente, porque, en última instancia, significa non ter democracia. E de aí a miña inquedanza ante as masas de vítores, e outros berros baseados na fe cega, ante as persoas supostamente inocentes.

Voltando a Márkaris, lede a súa visión, porque, moito me temo, estamos ante un espello do que pode suceder, a pouco que a dereita siga coa súa absurda e inútil política de recortes, mentres se anima a pedir un rescate para a banca.

Por certo, banca, oligarcas, gobernos axeonllados, gobernos corruptos, forman parte do título do último libro dos sempre acertados Vicenç Navarro e Juan Torres López, Los amos del mundo. Las armas del terrorismo financiero (Espasa, Barcelona, 2012). Como defninen os autores no inicio do libro, queren facer claras as palabras que empregan os perpetradores dos atentados financeiros, queren que todo o mundo entenda o que acontece:

"incluso las cuestiones económicas más complejas se pueden explicar sencillamente, de modo que las entiendan las personas que no tienen ningún tipo de formación económica" (p. 14)
E teñen razón cando afirman:


"hay dinero que mata y actividades financieras que están arruinando la economía y destruyendo el planeta" (p. 16)
Non podemos aceptar sen máis o estado actual de cousas; será difícil, pero o 21 de outubro temos a oportnidade histórica en Galicia de expulsar do parlamento aos alegres perpetradores do atentado financeiro que máis dereitos vulnera: o dereito a termos un emprego e un salario dignos, o dereito a unha unha vivenda digna, o dereito a un servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes, que non se asenten en prácticas discriminatorias, o dereito a termos información veraz e plural, o dereito a termos unha lingua plenamente normalizada, o dereito a termos unha democracia controlada polos dereitos cidadáns e non polas imposicións mercantís e financeiras. 

Pero non nos enganemos: non será doado, porque, nun primeiro momento, pode que cheguemos ao goberno, pero non teremos aínda o poder. Pero será nosa a obriga inquebrantable de loitar, xunto co pobo, contra os que teñen o poder e recuperalo para beneficio da maioría das persoas. 






Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire