mardi 10 juillet 2012

TRÁXICAS CONSECUENCIAS NOS SERVIZOS SOCIAIS...ANÚNCIASE A LONGA NOITE DE PEDRA DA DITADURA FINANCEIRA

O recorte anunciado pola insondable Ana Mato,ou impronunciable, xa que no apelido, cando se lle pregunta, a resposta, "Eu, mato!", anuncia, cada vez que se conxuga, terribles consecuencias. 

Hoxe, non foi menos. O Plan Concertado, o que debera servir para aliviar a situación dos servizos sociais dos Concellos, vése reducido para Galicia nun 46% con respecto ao 2011 de 7.230.133 millóns a 3.938.981,4. Terrible. As consecuencias serán dramáticas. 

En Vigo, quizais anticipándose, xa despediron ás 4 persoas que traballaban para a Fundación do Secretariado Xitano, que desenvolvían accións en materia de convivencia intercultural. Pois nada. Non hai convenio. Agora 4 persoas máis directamente ao paro.

Nalgúns pequenos concellos (coñezo a experiencia dalgún deles), as educadoras sociais, que exercían unha función necesaria, en cooperación cos centros educativos, de apoio a familias con dificultades e desestruturadas, foron despedidas hai un par de meses. Mellor dito, non renovadas. Porque non hai liquidez. Dá igual. Persoas que engrosan as listas interminables do desemprego.

Resume moi ben o xornalista de Praza Pública, David Lombao, a situación: 

"Así as cousas, a inmolación destes servizos sociais no altar do déficit supón que os concellos galegos deixarán de dispoñer de 4,6 de cada 10 euros para, por exemplo, as súas redes de servizos sociais municipais, que implican servizos tan delicados como a axuda a domicilio ou a teleasistencia para persoas maiores que viven soas. Do mesmo xeito, estes cartos financian tamén comedores sociais, centros de día, pequenas residencias de anciáns, pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar ou centros de acollida para "persoas con graves problemas de convivencia".(Praza Pública, 10-xullo-2012)

O dito. Unha traxedia máis, na longa noite de pedra que a ditadura financeira está creando. 

Nestas condicións, se antes tiña algunha dúbida, agora xa non a teño, non. E digo que ten razón o economista Pedro Montes (excelente entrevista no último número de El Viejo Topo). Vaiámonos do euro. Pasarémolo mal ao inicio, pero nos recuperaremos. Pouco a pouco. Pero o faremos. De seguirmos no euro e na doutrina do déficit, seguiremos así ad eternam, cun país, isto é cuns orzamentos hipotecados e controlados polos voitres capitalistas. Si. Vaiámonos del.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire