samedi 19 mars 2011

NON...MÁIS GUERRAS NON...


Estas liñas son un laio impotente para botar fóra de min a sensación de que este mundo camiña ao desastre. Abraio coa facilidade con que se declaran guerras. Guerras que traen mortes e que, non o esquezamos, en liñas xerais, nunca traen paz, senón que inoculan a xenreira, o odio de forma tan fonda que non se pode extraer o seu veleno do corpo.

Dicía, xa hai uns días, que en nome do petróleo, non. Pois será en nome do petróleo. E a guerra librada en terreo alleo só levará a morte de inocentes, tal como a guerra de Irak, de onde provén a imaxe, ou como a de Afganistán, ou nos bombardeos de avións sen tripulación dos EE.UU. que descargan, de forma cobarde, as súas bombas sobre inocentes no Paquistán. Non quero guerras. Guerras que o do outro lado libra con armas vendidas por Europa e outros, entre eles a hipócrita España. E quen armou aos rebeldes? Ao fin, resultará que nós mesmos armamos o conflito en Libia.

E que podemos pensar cando nin sequera foron capaces de romper relacións diplomáticas con Israel cando fixo o que fixo co pobo palestino? E que acontece co que suceden no Bahrein, no Iemen e noutras latitudes...?

Que diríamos se a participación de España declara o noso territorio obxectivo de ataques. Tan superiores nos cremos que ousamos bombardear ou declarar guerras, matando persoas, pensando que imos saír impunes de tal feito?

A violencia só trae violencia. E a morte, máis morte.

A Paz, está de loito...de feito, nunca se quitou esa negrura...só nos actos da construción da utopía pacifista...hoxe máis lonxa ca nunca.

Non aprendimos nada da historia. Así nos vai. Así nos irá.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire