dimanche 13 mars 2011

SOBRE CINE QUE NON SE VE


O outro día batín, case de casualidade, nos andeis do videoclub, cun film, Retornos (producida por Vaca Films, dirixida por Luis Avilés) que me deixou abraiado por varias circunstancias: a) é unha boa cinta, de boa calidade, con guión, argumentos fóra do habitual e unha moi boa interpretación; b) é galega, no elenco de actores (Federico, Morris, Xosé Barato, ....) e actrices (María Bouzas), nas localizacións (Coristanco, Laracha, A Coruña...), na cultura reflictida e mesmo na lingua, que sae de forma natural -e subtitúlase en castelán-; c) non logro descifrar se esta película estivo presente nas salas de cine de Galicia. Lancei a pregunta no facebook e as respostas eran que aprendían sobre o filme ao ler a miña pregunta.

Que demos sucede para que películas que, de seguro, algunha axuda pública levarían e que esforzo de distinto tipo significaron, non se proxecten nas nosas salas??

Esta interrogante enlázoa coa cuestión que se formula Enrique González Macho, presidente de Alta Films, "¿Por qué no hay cine independiente en televisión?" (Fotogramas, marzo 2011, p. 10). Como recolle o autor esa ausencia non se debe a unha carencia de oferta. Haina, e de calidade. E por riba, como di González Macho, "es mucho más barato que el cine made in USA". E, con razón, sinala que as televisións autonómicas e privadas non teñen ningunha vontade para sairse dos camiños trazados polas majors norteamericanas. E lanza unha observación interesante, se coñecesemos canto diñeiro destinan esas televisións a comprar produtos made in Hollywood, "probablemente nos daría vergüenza ajena", pero trátase dun dos segredos mellor gardados. E, finalmente, apunta á ausencia de vontade política para modificar ese camiño empredido que só leva á perda de diversidade cultural.

Pois si, non hai cine independente na televisión e tampouco nas salas de cine -agás excepcións xa recoñecidas por premios en festivais- e tampouco hai cine galego nas salas de cine galegas, ambas dominadas polo mesmo modelo de pensamento. E todo ao servizo de divulgar o mesmo ideario socioeconómico (a golosina visual, que describiu Ramonet). E coa desastrosa clase política que hoxe domina Galicia, nada se pode facer pra promocionar o cine realizado en Galicia e na nosa lingua.

Remata González Macho amosando a súa decepción: "Días funestos para quienes desean ver algo diferente al más de lo mismo". Agardemos ter as forzas para reverter esta negrura e iluminar con novos focos o futuro.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire