samedi 5 mars 2011

SOBRE CULTURA, MUSEOS E CIDADE DA CULTURA


A reflexión de hoxe bebe de dúas inquedanzas que levan tempo axitando o compromiso do autor coa cultura de Galicia. E rexurdiron hoxe baixo a forma de dúas lecturas, a dunha nova sobre o Museo do Pobo Galego ("¿Un pobo sen museo?", Galicia Hoxe, 5-03-2011, [non poño ligazón para non desviar a vosa lectura do que máis me interesa]) e do especial que a revista Tempos Novos lle dedicou á Cidade da Cultura (CdC) no número do mes de febreiro (nº 165).

1. Preocúpame, e moito, o futuro dos contedores culturais de Galicia. Baixo a xustificación da austeridade neoliberal, as partidas destinadas aos máis emblemáticos espazos da nosa cultura de base redúcense en moito, provocando graves situacións de sustentabilidade.

Eis o que se anuncia hoxe na preocupante nova do Galicia Hoxe. O Museo do Pobo Galego froito desa irresponsable política cultural dos nosos (des)gobernadores pode verse na obriga de solicitar un ERE que afectaría aos 10 traballadores e traballadoras ou mesmo a pechar salas.

Este Museo leva xa 35 anos de divulgación da nosa cultura antrolóxica e etnográfica ben coñecidos e recoñecidos pola nosa sociedade en base a unha eficaz política de visitas guiadas para centros docentes. En si, polo tanto, é patrimonio. O novo non é forzosamente mellor.

Hoxe tratará o padroado da institución a posibilidade de cobrar 3 euros pola visita. Isto, por suposto, presenta a necesidade de re-pensar como ofrecemos a cultura á sociedade e re-pensar o modelo da gratuidade para todo. E liga coa segunda reflexión.

2. Non nos podemos quedar só nas consecuencias da austeridade neoliberal. Cómpre collermos en consideración tamén o compromiso da cidadanía. Está disposta a cidadanía a militar culturalmente en defensa do noso patrimonio (cultural, literario, paisaxístico, ...)? Isto é é consciente a cidadanía galega que a cultura hai que preservala, mantela e defendela? E que para iso é preciso compromiso activo, militancia?

De forma discursiva e ideolóxica, ligo esta reflexión coas excelentes respostas de Manoel Santos á necesidade dun novo medio de comunicación en galego ("Os medios de comunicación galegos", Galicia Hoxe, 05-03-2011). El conclúe que non, que para ter un medio alternativo debería ser "expresión das necesidades populares, e non parece que as necesidades populares galegas precisen del. Isto é non xorde primeiro o medio e despois a masa crítica que o apoia senón ao revés. Do contrario, xa tería xurdido, e non se terían esfarelado proxectos como Vieiros e A Nosa Terra sen que ninguén movese un dedo". E láiase pola carencia dun compromiso militante que permita precisamente a aparición e mantemento desde medio alternativo. Esta circunstancia adéntrase na terceira e última reflexión.

3. Non podo menos que estar en contra das liñas argumentais do especial sobre a CdC. E máis, se contrastamos coa realidade cada vez máis minguante dos nichos da cultura de base galega de sempre. Os diferentes textos (tanto dos analistas pertencentes ao medio, coma o das colaboracións) procuran establecer o camiño de "como facela estratéxica para o país".

Pasan da crítica que realizaron no pasado á xustificación de certas accións políticas e sobre todo a xustificar o futuro. Empregan un argumentario posmodernista e imaxinan unhas potencialidades que é imposible a CdC sexa quen de artellar:

"sobre o papel debería facer participe (sic) do fenómeno cultural a unha parte ampla da cidadanía que actualmente non conecta coas institucións existentes, e ensanchar as posibilidades do sistema cultural galego." O feito de que sexa un "complexo é [un] activo para convertelo nun espazo con vitalidade cultural ". E afírmase tamén que outro "indicador de éxito é que o proxecto sexa apropiado polo tecido cultural galego, e en canto espazo público polo conxunto da cidadanía (p. 22).

Hai máis fragmentos análogos. Mesmo asentan o desexo de que a CdC sexa "un distribuidor turístico para o conxunto do país" e que "os turistas fagan consumo cultural" (p. 25). No fondo, non se afasta moito da idea xa enunciada na prensa de que a CdC é como a Catedral...e xa sabemos como esmoreceu o comercio tradicional na zona vella e en que consiste o "consumo cultural" xerado ao redor da Catedral.

Pregúntome, con sinceridade, en que Galicia viven os autores do especial.

Amais de desexar que non se rematen de construir os outros 3 edificios previstos, teño a ben pensar que os existentes non deben servir como argumentario cultural. De facerse, darase un paradoxo que xa comeza a albiscarse: a procura de rendibilidade do modelo CdC conlevará a perda de sustentabilidade dos espazos culturais até o de agora consolidados -se ben con dificultades debido a unha carencia de militancia. As partidas destinadas a estes últimos reduciranse cada vez máis porque en tempos de crise, e mais coa política antigalega do PP, a cultura galega sobra.

Considerando que é impopular, o ideal sería aventurar a desaparición por invisibilidade da CdC. Mais iso é dificil que aconteza. Sería desexable, xa que a posta en marcha e mantemento da maquinaria suporán ducias de millóns de euros cada ano. Porque o modelo CdC é un modelo propio ao capitalismo. Isto é importante non perdelo de vista. Non é un modelo de cultura de base. [A este respecto, déixovos cunha visión sobre os oito anos de vida do C.S. A Revolta, un modelo de cultura de base que tenta autoxestionarse, polo tanto de compromiso militante, coas raíces ben asentadas na vida de barrio]

Por iso, a CdC debe mudar de nome e perder de vista o referente cultural. Debe destinarse a outros fins non consumistas (reagrupamento de fins administrativos, telemáticos, etc..., que permitan fuxir dos elevados alugueres que agora mesmo se pagan debido á dispersión administrativa...).

E deixémonos de estratexias posmodernistas para xustificar o inxustificable.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire