mercredi 2 mars 2011

PERO...DE QUE "MILAGRO" NIN QUE CONTO FALAMOS?

Hai que ser realmente moi inconsciente para dicir que no 2010 houbo "un milagro xacobeo". O presidente galego vive nunha nube -ignoro se tóxica, pero seguramente contaminada de tanto andar polos aires- e totalmente afastado da terra.

Tanto coma os peregrinos que viñan a Compostela e acababan perdidos debido a un camiño mal sinalado e no que a picaresca funciona mellor que a fe.

Pero, claro, é posible que o presidente se refira a que o constante aumento da taxa de desemprego en Galicia, o aumento da temporalidade e da precariedade, son obra e graza do santo venerado no Xacobeo. Pois... mellor sería que non fixese nada....por favor!!!

Nun tempo de dous anos -incluido o da milagre xacobea- o goberno deste presidente levou a cabo unha destrución sistemática da cultura galega de base (que xa tiña dificultades para (auto)manterse). Onte mesmo anunciabase que por 300 euros se carga o portal de contidos audiovisuais galegos, flocos.tv, que tan bo uso lle daba, por exemplo, no meu centro educativo, o persoal docente para as súas clases. E que dicir da nosa lingua: ten que demostrar a súa valía loitando pola súa existencia porque o goberno que vive dela...ten o santo morro de atacala.

A sanidade entregada a capital privado e que xa nos convocou aos galegos e galegas nas rúas. A educación rebaixada e confrontada: hoxe mesmo vemos como a Xunta -a través da súa consellería de educación- fai deixación de funcións no tema da nena de Arteixo. Fotos para a galería é o que fai o conselleiro nestes días. O abalar é unha pedra filosofal que segmenta aínda máis o sector educativo entre centros que teñen e centros que non. E onde o teñen, non funciona.

O sector social confrontado a ver como se privatizan centros de atención para as persoas maiores. Como se nega o equilibrio económico a programas de prevención que levan décadas funcionando.

Seguimos cunha política que lle dá as costas ao seu patrimonio: tanto ten a nosa riqueza nese sentido, pásase a escavadora e logo ceméntase. Que desaparece un castro...pois...non pasa nada.

Que seguimos co modelo de ladrillo e automóbil... e a oferta supera con creces á demanda dunha poboación castigada? Pois...non pasa nada.

Que lle mentimos aos nosos investigadores e negamos programas de consolidación? Pois, non pasa nada...aproveitamos que Alemaña nos reclama.

En nome da austeridade neoliberal o diñeiro vai cara onde convén: por exemplo, á cidade da cultura, enlousado de diñeiro público para "toda a vida".

Sería realmente interminable dicir en que acertou a dereita.

U-la milagre xacobea, señor presidente?

Ah! é verdade! vostede non ten competencias, pobre homiño, e como será que si as ten para cobrar por algo que non existe (se non ten competencias....non existe). Mmmm, xa sei, por iso vai á catedral, a pedirlle ao santo que siga, por obra e graza, concedéndonos os dons deste pasado 2010, o da milagre xacobea.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire