jeudi 21 juin 2012

LAMENTABLE DEMOSTRACIÓN DE ESTEREOTIPOS RACISTAS


A nova descrita por un medio de información nacional demostra que temos moito que mellorar como sociedade, que temos moito que aprender aínda en materia de convivencia, interculturalidade e respecto.

En primeiro lugar, cabe manifestar que unha escenificación dun roubo, onde hai armas e violencia gratuita, non é mellor maneira para educar a nenos e nenas. O feito acontecido na cidade de Vigo, ante un milleiro de escolares, pon en dúbida que temos na cabeza á hora de ensinar respecto e convivencia.

Cómpre tamén que sexamos os profesionais do ensino máis coidadosos co que se escolle como espectáculo. Non pode ser que o profesorado ensine en valores durante todo o ano escolar, que así o recolla na súa programación didáctica, e que só nuns minutos todo o traballo se caia e se dilúa como area entre as mans por asistir a um “programa” de dubidoso valor pedagóxico, tendo en conta o resultado.

Non abonda con dicir que “o guion resultó políticamente incorrecto”: o feito de que o ladrón sexa identificado como ladrón de “acento xitano” representa un acto que vulnera normas básicas de respecto e convivencia. Un milleiro de nenos e nenas asistiron a unha divulgación dun estereotipo racista: o ladrón é xitano.

As ficcións nunca son inocentes. Sabemos, por exemplo, que as series norteamericanas cambiaron o inimigo ruso da guerra fría e do comunismo por un inimigo musulmán (guerra contra o terrorismo global, afirman) ou un inimigo latinoamericano (sempre caracterizado por dedicarse ao narcotráfico) e sabemos que eses estereotipos racistas impregnan o imaxinario do público norteamericano que remata crendo como xeralidade unha ficción sesgada.  

A ficción levada a cabo pola policía fai o mesmo: contribúe a inocular no imaxinario dos escolares unha imaxe estereotipada negativa sobre o colectivo xitano que en nada beneficia á convivencia, á educación en interculturalidade e ás normas básicas do respecto que deben rexer a vida en sociedade.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire