dimanche 17 juin 2012

SOBRE O VALOR DAS PALABRAS E A MANIPULACIÓN INFORMATIVA

"Empate dulce, empate amargo. El rescate de la banca española con problemas era inevitable. El Gobierno lo sabía desde abril, pero quería ganar tiempo. El milagro no llegó y tuvo que aceptar un empate tan honroso como amargo".

Con estas amables declaracións inicia a súa editorial o director da revista Tiempo (nº 1559, p. 4) e así, polo tanto, define e caracteriza o que foi un dos episodios máis lamentables da historia recente de España.
Aínda me pregunto, despois de ler a aberrante, por edulcorada, descrición do director desta revista, que entende por empate, con quen empatamos, e que honra hai en mentir -así hai que describir o comportamento inmoral do equipo de goberno do PP horas antes do rescate financeiro- e en entregar desde o Estado vía FROB milleiros de millóns de euros a unha banca empodrecida e envilecida pola cobiza especuladora na que, voluntariamente, se introduciron.
Se un le a carta do director mesmo semella que é un emisario do PP, xa que, por suposto, el sabe o que ninguén sabe para contar o percorrido da historia para xustificar a inevitabilidade do rescate bancario.

Nese percorrido figura tamén Bankia. Aí só unha pequena crítica a Rajoy polo "torpe manejo de la crisis de Bankia". Asociada a esta crise está a numeroloxía: a cantidade exacta que precisaba Bankia para sanearse. Interesante comprobar como o poder omnipotente do director permanece cando di que algunhas cantidades "por cierto salieron a relucir en esa subcomisión medio secreta del Congreso de los Diputados sobre el famoso FROB". Tanto secretismo feito público,,,hehehe.

Pero segue o asunto da editorial e, claro, para xustificar o rescate aparece, como non, ao igual que en calquera discurso elaborado polo PP, o nome de Zapatero: "España se quedó sin crédito porque en apenas cuatro años, en la segunda legislatura de José Luis Rodríguez Zapatero, dobló su deuda pública".

E, claro, adopta tamén o eufemismo (que foi mentira) empregado polo PP: "España, en ningún caso, pediría ni aceptaría el rescate del país. Sí admitiría que se ayudara a sus bancos con problemas" e remata a farsa xustificatoria empregando, o mesmiño que o propio Rajoy, ao equipo da selección española de fútbol, non sen antes recalcar que Rajoy conseguira "en el último momento, un empate honroso".

De verdade, desinformación, manipulación e todo o que queiramos.

En ningún momento, por suposto, menciona as condicións que serán, ao final, as que quebren aínda máis, as posibilidades da clase traballadora deste país. Tampouco se aclara que o diñeiro prestado redundará nun aumento da débeda pública, e tampouco que os intereses dese rescate financeiro gravarán directamente sobre o déficit. 

Representa unha hipoteca sobre os nosos orzamentos ad futurum, isto é, supón unha hipoteca sobre os servizos públicos que así, coa xustificación de devolver o diñeiro do rescate, se verán sometidos, aínda máis, a unha progresiva degradación e (de non remedialo nós, o pobo) irreversible privatización. É unha lousa que irá sepultando dereitos da clase traballadora.

Como recomenda Jean Ziegler, España non debe pagar a débeda pública, froito da especulación e da economía-casino que nos domina. En ningún momento da editorial asoma o pobo, non se menciona, supoño que de forma deliberada para así incidir na mensaxe principal: o diñeiro é só para sanear a banca. Claro: pero á nosa costa, tal como recomenda xa a antidemocrática Troika (FMI, BCE, Comisión Europea). Isto último tampouco o mencionan.

É incrible tanta ousadía e tanta mentira. Mentres, en toda Europa, a prensa seria amosa estar abraiada cos nosos dirixentes.

Se teñen que caer os bancos podres...que caian. Que se depuren responsabilidades e se enxuícen os comportamentos e actos da clase financeira e política. Que se vaia erixindo unha banca pública sostida cos principios da banca ética.  Non paguemos a débeda pública. Agora vense en Galicia os resultados experimentais da fusión das caixas galegas -criticada neste mesmo blog por quen escribe- no enxendro que retén diñeiro en participacións preferentes mediante enganos. E xa veredes quen o adquire -despois de ser saneado co noso esforzo- co diñeiro que, en principio, debe servir para sanear....


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire