jeudi 7 juin 2012

SUMAR ESFORZOS, RESTAR DIFICULTADES: ENTÓN, POR QUE TRIUNFAN AS MATEMÁTICAS DA DIVISIÓN?

Xa vai sendo habitual, nas diferentes ocasións en que nos vemos as persoas que practicamos o activismo social -non o de boquilla, senón o presencial-, que comentemos a sensación de que nada vai como debera en canto á participación activa do que se adoita chamar sociedade civil. 

E xa vai sendo habitual que, ao abeiro das múltiples plataformas que agroman ao son da comparsa da crise e das sectarias diferenzas, nos atopemos as mesmas persoas. Unha e outra vez. Até ser tan familiares que, mesmo, cansámonos de vernos. 

Por riba, de novo, xa vai sendo habitual que falemos da desunión, da falta de unidade de acción, en definitiva do triunfo das matemáticas da división. Estas son implacables. En vez de sumar esforzos e restar dificultades, nesta nosa leira dedicámonos ao minifundismo con forza e paixón. E isto en todos os aspectos. 

Pero, onde se manifesta con máis insistencia é no proliferante universo da Plataforma. Coma os choupíns despois dun día de choiva, non deixan de nacer e medrar. Algunhas, e coñezo os casos, naceron coa paixón do momento militante e esmoreceron como unha prenda de roupa que se puxera de moda. Outras, aparecen cando xa existe unha anterior, coma se, ao xurdir, viñese a engadir unha esencia desprendida da árbore de todas as esencias: neste eido entran as plataformas creadas ao abeiro dos ataques contra a educación entendida coma un dereito e servizo público. 

Ninguén -só o poden defender os adoradores desta nova versión do RISK en que se converteu a política- pode entender esta absurda demostración de paroxismo da diferenza segregadora. Tan absurdo todo que desmotiva a toda persoa allea ao xogo da posición e da estratexia representativa. En consecuencia, fai que diminúan os apoios a manifestacións, concentracións e outros actos reivindicativos....a non ser, claro está, a militancia ou afiliación convencida de cada credo. 

Nesta nosa terra é verdadeiramente difícil avanzar niso da unidade de acción desde a diversidade de pensamento. Pérdese de vista quen é o 'inimigo' e cales serían os beneficios da unión. Pero, en última instancia, a alguén lle interesa realmente camiñar con-xunta-mente? Máis aló das boas palabras que só sirven para ilustrar un discurso e unha foto de hemeroteca...do camiño só queda o pó no horizonte.

En fin, nada, amigos e amigas, sigamos con estas matemáticas da división. Sigamos así. Xa vai sendo habitual.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire