lundi 7 août 2017

O SILENCIO AGOCHA PODEROSOS MOTIVOS



Demasiado tempo desde a última vez...ou non? A convocatoria da escrita non sucede de forma dixital para min: asáltame sempre con caderno e grafo. E aí escribo todos os días. Sucede que, ás veces, e por momentos que non sei cadrar, éntrame unha especie de pereza. Escribo si. E lanzo algunha cousiña en escritos de raigame sociopolítica. E si, tamén está todo o que supón investigar o feito medieval dos nosos trobadores. 

Mais...por que e para que escribir? E unha resposta, quizais, non para ilustrarvos sobre min, iso non ten interese ningún, veña dada por Rafael Bárez e os poemas que escribiu nos noves meses que pasou no cárcere provincial de A Coruña no ano 1972. Porque Rafael Bárez, avogado laboralista e concelleiro comunista de urbanismo na primeira corporación coruñesa despois da longa noite de pedra, escribiu un fermoso poemario (Poemas del 10 de marzo (escritos en la cárcel))...que decidiu gardar en silencio. 

Será bastante despois da súa morte (un cancro levouno o 5 de maio de 1996) cando a súa viúva, Toya Fernández, atope o manuscrito cos poemas. Por que decidiu Rafael Bárez gardar ese silencio sobre a súa creación poética? Nunca saberemos de certo e con verdade os motivos, mais si nos explica por e para que escribiu os versos: para atrapar as súas emocións e ofrecerlles unha canle poética, mais ao mesmo tempo racional. Escribir como terapia. Con esa idea, que eu mesmo abrazo en numerosas ocasións, quédome. 

Trátase dun poemario que vive a idea da solidariedade, da xenerosidade, do compromiso para cos demais. E ten razón Toya cando realiza unha comparativa entre aquel tempo e este que vivimos, onde a clase traballadora coñece o dominio dunha oligarquía salvaxe que a abafa e oprime. Aí si está no certo. Mais hai unha gran diferenza ao meu entender: o compromiso solidario de clase...hoxe...palidece e treme nas definicións dos dicionarios, dos relatos memoriais e en versos coma os de Bárez.

O poemario non agocha a dureza dos feitos, senón que os versos contan as emocións e os actos cotiáns no cárcere e vemos con claridade como o desexo de liberdade abrolla de maneira mesmo obsesiva no horizonte de cada unha das persoas presas. As palabras de Bárez son as que usamos na vida real. Non hai lugar para edulcoracións. Nin para un romanticismo que sería intruso.

O libro é, para min que amo os libros, unha preciosidade. trátase dunha edición moi ben coidada tanto por parte dos responsables directos da edición (Xesús Alonso Montero, Toya Fernández, Manuel Rivas) como da editora Alvarellos. E resulta todo un acerto ler os poemas de forma directa a través da representación facsimilar. Emociona. Un pode pechar os ollos e viaxar e estreitarse na ialma desas persoas que loitaron pola dignidade da memoria democrática, e que facían o que podían para que a ditadura fose menos alegre para os franquistas. Por iso, cómpre agradecer tamén ás 400 persoas e colectivos que axudaron economicamente a que o libro vise a luz.

Hoxe, cando agosto asoma e semella que Compostela é un enorme parque temático de turistas e peregrinos, cando non hai con quen falar, como diría un amigo meu, sempre vén a escrita para que dialogue con ela. E hoxe, pode que sexa porque hai unha semana estaba na véspera de ir á Feira do Libro da Coruña a recitar un poema de Bárez na presentación do seu libro, precisaba escribir sobre iso. Nada máis. 

 

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire