vendredi 11 août 2017

QUEN PROTEXE O NOSO PATRIMONIO CULTURAL? UNHA OLLADA A TRAVÉS DE SAN SALVADOR DE ASMA



A capacidade de abraio precisa ser canalizada a través dunha reflexión pausada, que combina coñecemento histórico con valoración política sobre o que acontece nesta nosa terra co patrimonio histórico e cultural. 

Sería moi longa a enumeración de agravios sistemáticos causados polo desleixo e ineficacia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Por iso, hoxe, o obxecto de atención será San Salvador de Asma ou de Chantada. 

Comecemos, antes de mais, por describir o contexto histórico en que nace San Salvador de Asma. 

Na orixe, o comitatu Palliarensis
No Concilio II de Braga, baixo o reinado suevo de Miro (570-583), na era 610 (ano 572), fíxanse os límites dos once condados da diócese lucense, tal e como podemos ler no Tumbo Vello da Catedral de Lugo:  Flamosus (Chamoso), Superata (Sobrada), Naviensis (Navia), Sarriensis (Sarria), Paramensis (Páramo), Palliarensis (Pallares), Decensis (Deza), Durriensis (Dorra), Uliensis (Ulloa), Nallarensis (Narla) e Montenegrinnus (Montenegro), figurando en sexto lugar o Condado de Pallares.



Interesa recoller agora a descrición que ofrece a mesma fonte documental do comitatu paliarensis: "Sextus Comitatus dicitur Palarensis (sic). Oritur ubi ingreditur Flumen Argundi in Saliceda et uadit recta linea per ipso flumine isque in Mineo et dilabitur per Mineo Flumine. Et de alia parte ab illa Anta Fixa super Castro quod dictur Belsar et inde ad illa Lagena et uenit ad Montem de Mera (sic) transiens Ferrarie Flumen, uenit ad Castrum Nesperarie et uenit ad Eiroso Montem et protenditur ad Montem Nauego, ad Castrum ueniens Arburisulie, concludens per Flumine Buuale usque in Mineo finitur". (Tumbo Vello, ff. 5v-6v)

Como é norma, os límites veñen definidos por accidentes xeográficos coma montes e ríos, así como por núcleos poboacionais. Así, se non erramos no establecemento das equivalencias, o condado de Pallares tería os seguintes límites:

- No norte limitaría co Monte Meda, que é o que separa hoxe o concello de Lugo do de Guntín de Pallares.

- No este o límite viría dado polo percorrido do Miño ate que entronca co río Sil.

- No oeste, a liña cruzaría o río Ferreira, seguiría polo Castro de Nespereira (no concello de Portomarín) ate chegar ao Monte Navego (identificable hoxe coa Serra do Faro). Do outro lado desta franxa situamos a comarca da Ulloa.

- No sur a liña estaría marcada polo río Búbal ate a súa confluencia co río Miño no actual concello de Carballedo.



En definitiva, se consideramos estes feitos, o Comitatu Palliarensis abrangue aos actuais concellos de Guntín de Pallares, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
A terra de Asma
Nos séculos centrais da Idade Media, as xentes situaban o seu raio de acción empregando o vocablo 'terra'. Así, para o obxecto que nos interesa teríamos terra de Asma e terra de Castella de Búbal que afectarían, a primeira de forma chea, a segunda de forma parcial, á comarca de Chantada.
Nestas terras destacan o cenobio de San Estevo de Chouzán (actual concello de Carballedo), como mosteiro feminino con observancia bieita (logo anexionado a San Paio de Antealtares) e que debeu ser desprazado de seu emprazamento por mor da construción do embalse de Os Peares e, por suposto, San Salvador de Asma, parroquia do actual concello de Chantada, cuxos orixes semellan situarse no século IX nas persoas dos condes Ero Ordóñez e Adosinda.
Como destacaba Méndez Pérez, un dos estudosos deste mosteiro, e co-autor da edición da súa colección documental, "sen o mosteiro de San Salvador non se pode entender a historia de Chantada, porque as orixes da vila están estreitamente vinculadas a esta congregación. O mosteiro tiña moitas propiedades non só nesta comarca, senón tamén nas terras de Camba, en Ourense, no Ribeiro, na zona de Monforte... Posuía incluso un couto na comarca do Salnés, en Pontevedra. Tivo unha influencia moi forte nun ámbito territorial moi extenso, e esa influencia durou séculos. Recuperar e editar toda esta documentación é moi importante para reconstruír a historia de Chantada e tamén doutras partes de Galicia". 

A súa documentación, unida á do mosteiro de Oseira, permite ir artellando o mapa das parentelas da aristocracia laica e eclesiástica. Non é este o lugar para describir a súa caracterización e composición. Só interesa destacar, para que se entenda o seu valor patrimonial, que na Serra do Faro existe unha ermida baixo a advocación a Santa María e que semella ser, coas prevencións lóxicas de calquera hipótese que se realice, a ermida cantada polo trobador Johan de Requeixo, orixinario de Vilaxuste, hoxe Santiago de Requeixo. Destacaremos tamén que nos niveis iniciais dos cancioneiros hai un trobador coñecido como Airas Moniz d'Asme, que relacionaremos coa terra de Asma.
O valor patrimonial reside, xa que logo, na documentación que emanou dos seus rexistros, así como na fisionomía do edificio que pertenceu, desde os anos 1492 e 1494, a San Benito el Real de Valladolid. Cómpre realizar unha tarefa de recuperación e mesmo de prospección na contorna do edificio.

Quen traballa para salvar o noso patrimonio cultural?
A memoria non é un rexistro pétreo. Ten que revivirse como primeiro paso para que a comunidade en que se asenta o ben cultural asuma a súa importancia para a súa propia identidade.

Por iso, produce arrepío ver que non temos unha administración pública realmente interesada en preservar a nosa cultura. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é unha auténtica desfeita. Un buraco negro que devora o noso patrimonio. 
O feito de que hai escasos días se anunciase a venda do mosteiro a través das redes sociais e a escasa alporización que se detectou na sociedade galega demostra que estamos durmidos. Non son bens que só importen para a localidade en cuestión en que se asenta. Non. Teñen unha alcance supracomarcal e mesmo nacional. E insistimos, un ben cultural que se dimensione de forma axeitada, divulgado a través dun programa de actividades culturais, é quen de dinamizar a zona en que se asenta o ben cultural.
Por iso, é lóxico que no ano 2015 se dese a solicitude unánime do pleno do concello de Chantada para elevalo a condición de ben de interese cultural (BIC) para preservalo do esquecemento, do desleixo e reparar o deterioro evidente das súas instalacións.

O noso patrimonio non pode estar en mans privadas. Iso impide o goce e coñecemento para todos os galegos e galegas.

Cómpre, polo tanto, que a Xunta de Galicia, se preocupe por preservar o noso patrimonio e recuperar para o ben público o mosteiro de San Salvador de Asma.



Bibliografía

López Sangil, J.L. / Vidán Torreira, M. (2011), "Tumbo Viejo de Lugo (Transcripción completa)", Estudios Mindonienses, nº 27, pp. 11-3 74.


Méndez Pérez, X. (2016): “Las últimas visitas del priorato de San Salvador de Chantada (Lugo) por los abades de Valladolid: edición y estudio”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 19, 113-149.



Méndez Pérez, J. / Otero Piñeyro Maseda, P. S. / Romaní Martínez, M. (2016), El monasterio de San Salvador de Chantada (siglos IX-XVI): historia y documentos, anexos Cuaderno de Estudios Gallegos, Santiago: CSIC. 


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire