samedi 8 octobre 2011

ESCURECEMENTOS


Erguerse un sábado e acoller a rutina aprendida de meu pai en Francia de mercar un xornal, de información seria. Antes, ben antes, era motivo de ledicia compartilo co fumegante café con leite. E deixarse levar polas "verdades", "medio-verdades" e "mentiras" da prensa. Xogar a ver o verdadeiro alcance detrás da faciana da palabra escrita.

Hoxe o ritual é doroso. Xa non é un xogo. Nen sequera se acada a crear unha "mentira". A verdade do capitalismo salvaxe estourou. Levouse por diante a absurda idea de que todos podíamos vivir coma "ricos". Así xurdiu a gran mentira da globalización capitalista.

O euro si, euro non. As decisións contrarias á lóxica, que abafan o poder de recuperación dos traballadores e traballadoras. A absoluta e total carencia de canles laborais serias e estables para os milleiros de mozos e mozas preparados. As acusacións varias e diversas de malversación de diñeiro público. As millonarias cantidades que perciben algúns, de tal forma que insultan aos que, por necesidade, aceptan salarios ínfimos e desexarían seren mileuristas. As permanentes e crecentes expulsións de persoas dos seus fogares, aos que accederan baixo a hipnótica mentira do capitalismo (neste último trimestre máis de 16.300 fogares que se viron roubados e entregados aos donos do capital (a gran banca). Máis traxedias no tráxico camiñar do pobo.

As terras soñadas do capitalismo salvaxe son hoxe terras para a fragmentación, para a desestruturación, para a perda dos elos identitarios que fornecían un espazo de seguridade. Abrir o xornal deixa só unha verdade para o pobo: a imperiosa necesitade de emigrar, de deixar a terra para atoparnos de novo.

Un longo éxodo do chamado primeiro mundo que se suma aos éxodos obrigados por fames, guerras e outras causas que emanan da violación de dereitos humanos....Si, unha viaxe que moitos queren sexa momentánea. Outros, enfurecidos, berran que marchan para non voltar a unha terra mal gobernada, unha terra xa inhóspita, tal como lle sucede ao pobo grego. Marchar para atoparnos, ....pero, atoparémonos? ou cristalizarán as nosas individualidades en feridas permanentes?

Entón, pregunto, como é que moitos sectores sociais prefiren seguir ollando só detrás da densa néboa?

A escura idade que nos fai vivir o capitalismo salvaxe chegará a un punto de non retorno. Só será para ben se o pobo actúa con intelixencia democrática. De non facelo, viviremos escurecidos e pode que para sempre.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire