dimanche 9 octobre 2011

A POBREZA...ou COMO O CAPITALISMO DINAMITA A DIGNIDADE HUMANA

A ONG EAPN, que loita contra a pobreza e a exclusión social, vén de presentar un informe –sobre datos de 2009- no que se constata como se incrementa o número de persoas que viven na pobreza e en situación de exclusión social en todo o Estado.

No ano 2009, máis de 10 millóns e medio de persoas vivían nesa situación extrema. Son as consecuencias das receitas de axuste neoliberal. As consecuencias do estourido da mentira capitalista coa inoculación do seu virus de “todos podemos vivir coma ricos”, e que converteu en luxo o acceso a unha vivenda digna.

Europa, nun documento chamado Estratexia Europa 2020 –que quere reducir nun 25% o número de persoas empobrecidas en 10 anos, pode quedar como quedaron os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio...é dicir en retórica baleira de accións concretas- propón, un novo indicador para a análise da pobreza e da exclusión social baseado en tres factores:

1) o nivel de Renda (a soleira estáblecese no 60% da mediana dos ingresos equivalentes);

2) a privación material severa (PMS) (4 de 9 items que definen a mesma);

3) a baixa intensidade de traballo por fogar (BITF) (a soleira sendo unha intensidade de 0,2 puntos).

Antes de ver con que números estamos en Galicia, cómpre vermos que aspectos se introducen no novidoso aspecto da PMS. Os 9 items seleccionados pola Comisión Europea son: 1) pagar un alugueiro ou letra; 2) manter a casa quente; 3) afrontar gastos imprevistos; 4) unha comida de carne, polo ou peixe cando menos 3 veces por semana; 5) pagar unhas vacacións unha semana ao ano; 6) un coche; 7) unha lavadora; 8) unha televisión en cor; 9) un teléfono fixo ou móbil.

Cómpre entendermos estes items desde a perspectiva capitalista e consumista que é na que viven os estrategas que definen este tipo de documentos. A min, modestamente, os items 5) 6) e mesmo podería engadir o 8) antóllanseme pouco definitorios. Ao mellor, e digo quizais, podería figurar definido, da mesma forma en que se define o da alimentación, o item da roupa. Poder vestirse de forma axeitada conforme ás esixenzas climáticas e á necesaria renovación en caso de deterioro, seméllame un item necesario. Tampouco me queda claro o de gastos imprevistos. En calquera caso, hai que entender dentro das necesidades básicas cubertas o acceso a unha educación pública gratuita e de calidade e a unha sanidade coas mesmas condicións. Os servizos públicos son o patrimonio dos que non o teñen.

Con todo, si é importante que a relación entre a renda e a vida sexa unha variable a ter en conta, ao igual que a do traballo. Defínese moito mellor o rostro do que pode significar a exclusión social.

Baixo estas premisas, no ano 2009, segundo o informe da EAPN, (sobre)vivían en Galicia 638.465 persoas (23,3%) en risco de exclusión social. Delas, 524.626 (19,1%) baixo a soleira da pobreza en canto a nivel de renda; 89.752 (3,3%) con privación material severa; 146.576 (5,3%) con baixa intensidade de traballo no fogar.

Acollendo a soleira autonómica, o número absoluto de persoas que vivían no 2009 baixo a soleira da pobreza en canto a nivel de renda era de 421.910 (15,4%).

Pero todo isto, despois de dous anos máis de deriva e de ilóxicas políticas de axuste que só procuran subtraer diñeiro –salarios máis baixos por máis horas de traballo; máis carga impositiva indirecta...- das mans dos traballadores e traballadoras, de seguro, aumentou.

E non deixará de aumentar, xa que as consecuencias do desastroso axuste neoliberal, que se basea na imposibilidade de aplicar unha verdadeira progresividade fiscal que grave aos máis ricos e impide unha re-distribución da riqueza máis equitativa e solidaria ao mesmo tempo que amputa a calidade dos servizos públicos, aínda se farán notar con máis forza no ano 2012.

O número de persoas que ten verdadeiras dificultades para pagar a hipoteca non deixará de medrar. Onte mesmo sabiamos que no último trimestre máis de 16.300 fogares foron roubados das mans das persoas que levaban anos pagando e foron entregados aos donos do capital. Sen vivenda, pero con hipoteca pendente (que pensen os futuros votantes quen dixo non á dación mediante lei). O pasado mes de setembro a lacra do paro voltou a medrar. Os datos migratorios son claros: Galicia emigra. Aquí, sinxelamente, a xente, os mozos e mozas formados, sinten que non hai futuro. Que hai que marchar. Fálase de xeración perdida.

A situación actual merece un reseteo en toda regra das leis que impiden a existencia dunha verdadeira democracia. Merece un basta xa e que as dúas facianas da mesma moeda queden reducidas a mera contemplación da transformación. Pero mentres, como mal menor, é preciso que exista, aí onde se formulan as leis de axuste, unha forza política o suficientemente forte para facer virar cara a esquerda a formulación desas leis para que todos podamos vivir nesta sociedade en igualdade e con perspectiva de futuro.

Xabier Ron

9-outubro-2011

Descargar informe EAPN en pdf


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire