dimanche 4 mars 2018

OS SILENCIOS...UNHA FERRAMENTA DO REVISIONISMO HISTÓRICO?

Por momentos, cando menos o agardas, o coñecemento que extraes das lecturas científicas que realizas, aparece de forma implacable para que sometas a reflexión crítica o que vas lendo no día a día. Eis o que me aconteceu coa lectura hoxe, 4 de marzo de 2018, coa lectura das páxinas iniciais de La Voz de Galicia dedicadas ao maio de 1968, mais que en Galicia comezou en marzo do 68 cos actos de protesta na Universade de Santiago de Compostela.

Certo é que a prensa é opinión e non coñecemento científico. Non obstante, é parte esencial da construción da memoria. Como asenta algún sector da historiografía contemporánea, a memoria non pode equipararse á historia porque é antes subxectividade que obxectividade tendente a formar coñecemento verdadeiro.

Non me interesa xulgar o contido da redactora de La Voz, Tamara Montero, senón que vou reflexionar sobre o silencio, sobre algún termo que non figura no vocabulario da articulista e que, como coñecedor do discurso historiográfico, sempre me resulta chamativo. Porque, non se pode esquecer, a prensa de hoxe será empregada como argumento de memoria no futuro, e iso require asumir a responsabilidade que supón. 

O especialista en discurso historiográfico, Aviezer Tucker, describe como a revisión é necesaria para o avance do coñecemento histórico científico. Unha revisión historiográfica que pode deberse a tres aspectos: a) a revisión que provén do achado de novas probas, que Tucker chama revisión derivada das evidencias; b) a que vén da relevancia, que é consecuencia dun cambio de perspectiva con respecto á importancia dun factor determinado; c) a que se asenta nos valores, cando os historiadores reavalían os acontecementos e os procesos históricos. 

O recomendable traballo de Tucker, "Revisión historiográfica e revisionismo. Divergencias en la consideración de la evidencia", figura no libro editado por Carlos Forcadell / Ignacio Peiró / Mercedes Yusta, El pasado en construcción. Revisionismos históricos en la historiografía contemporánea (Institución Fernando el Católico, Zaragoza, 2015), e nel atopamos o apoio necesario para confrontar a lectura da prensa de hoxe co coñecemento histórico. 

E diferenciaremos a voz das testemuñas que viviron o marzo de 1968, que foron protagonistas dos feitos que se converten en historia, do que depende de forma directa do articulado. Así, o termo Ditadura só emerxe dúas veces en voz dos protagonistas dos feitos dos que se fai memoria. Mesmo, ao noso entender, o resumo do acontecido pode moi ben describir calquer outro episodio de reivindicación universitaria xa en democracia:
"Ese desalojo brutal, seguido de enfrentamientos con la policía, fue el estallido violento de unas revueltas estudiantiles que duraron meses, pusieron contra las cuerdas a la autoridad académica y política y arrastraron a toda la sociedad gallega a una ola de solidaridad sin precedentes" (p. 2, col. a).
Na recreación dos feitos quedan menos claras cales eran as principais reivindicacións do estudantado universitario, estas aparecen mellor definidas na breve notiña do historiador Ricardo Gurriarán que pecha a páxina 2 do xornal: "demanda de liberdades e democracia".  No texto do articulado quedámonos cunha confrontación directa entre o estudantado e autoridades académicas. Mais as cousas ían máis aló, como moi ben sintetiza Gurriarán. 

Tal como o vemos, o principal é a existencia dun clima propicio na Universidade para que se dea unha folga que se prolonga máis de tres meses: 

a) Ausencia de liberdade na sociedade (e na universidade) e, en consecuencia, demanda dunha democracia que a Ditadura non podía nin quería conceder, a menos que tivese o prato cociñado; 

b) Organización intelixente das accións de protesta; 

c) Xestión axeitada da gradación a adoptar na protesta, sabendo cal é o fin primeiro; 

d) Liderado colectivo de "comunistas militantes e a plataforma cristiá Asociación Democrática de Estudiantes, nacionalistas dispersos politicamente e mais incipientes socialistas en busca de espazo conformaron unha sólida fronte que axiña arrastrou o resto do estudantado" (Gurriarán dixit);

e) Asunción realista das responsabilidades e percepción seria das saídas a un conflito que era preciso estender ao resto da sociedade para ter o seu apoio.

Todo isto non nace de forma espontánea, nin se decide en plena anarquía. Tal como narra Roi Cagiao no documental Vigo 1972, as folgas planificábanse e organizábanse para poder resistir de forma solidaria e, para iso, era esencial a achega da principal organización política da clandestinidade, o Partido Comunista de Galicia. Non apelar á participación desta estrutura e das restantes, que si nomea Gurriarán (autor dun libro imprescindible, Inmunda escoria: a universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, Xerais, 2010), é negar a realidade histórica. 

O liderado das accións universitarias non era protagonizado por simples estudantes de dferentes carreiras. Touriño chegou a ser membro destacado do Partido Comunista de Galicia e con el Vicente Álvarez Areces, a quen se lle fai unha entrevista na páxina 4. Tamara Montero di del que "era agitador de masas, uno de los líderes de las revueltas estudiantiles". No entanto, eran algo máis naquela asemblea universitaria que reuniu a 600 alumnos e alumnas o 6 de marzo de 1968: eran militantes do PCE ou do PSI (Partido Socialista do Interior creado por Tierno Galván, absorbido polo PSOE en 1978) os catro alumnos detidos e xulgados polo TOPGAL: Vicente Álvarez Areces (PCE), Francisco Álvarez Fontenla-Gayoso (PSI), Félix Miguel Sarmiento Escalona (Juventud Estudiante Católica) e Alberto Martín de Hijas Díez (PSI) (causa 14/1968, sentenza o 18 de abril de 1969, tal como consta na obra de referencia neste eido: Francisco Xavier Redondo Abal, Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976), Laiovento, 2017).

Resulta chamativo o silencio sobre a importancia que tivo daquela o Partido Comunista. No fondo, adoptando de forma libre a definición de Tucker, o silencio é unha das formas que adquire o valor terapéutico do revisionismo histórico para negar unha evidencia: a importancia do PCE/PCG na oposición á Ditadura. Do mesmo xeito que silenciar ou manter baixo eufemismo ("un medio") que, onde apareceu a definición da poboación universitaria como "inmunda escoria", foi primeiro no ABC ("Para la Universidad queremos paz", 13 de xaneiro de 1968) e logo replicado en columna de opinión por Daniel A. Enjamio, "Inmunda escoria", en El Correo Gallego, 18 de xaneiro de 1968 (detallado na obra de Redondo Abal).

A saúde da Democracia pasa por asumir de forma crítica e autocrítica as responsabilidades do pasado. En efecto, a comunidade universitaria galega amosaba a súa solidariedade coa de Madrid, nunha serie de actos de protesta que se suceden entre o 12 e o 20 de xaneiro de 1968, entre eles a queima de xornais o 19 de xaneiro por parte dunha ducia de estudantes despois de ler a definición que El Correo Gallego facía da comunidade universitaria. A prensa franquista xoga, polo tanto, un rol importante na conformación dos acontecementos. 

A detención dos catro estudantes referidos máis arriba derivou na concentración de centos de alumnos e alumnas ante a Comisaría de policía. A carencia de capacidade de diálogo das autoridades franquistas e a represión favoreceron a continuidade das accións de protesta e os 110 días de folga. A finais do mes de marzo a autoridade educativa expedienta a trece alumnos (con expediente de expulsión a sete alumnos [Vicente Álvarez Areces, Francisco Álvarez Fontenla-Gayoso, Enrique Anciones de la Torre, Alberto Martín de Hijas, Félix Sarmiento Escalona, Jose Antonio Lorenzo Porto e Pedro Mariño Campos] e con privación de matrícula a seis [José Javier Azaloa Rodríguez-Espina, Adolfo Núñez Hernández, Carlos Varela Tobío, Xosé María Méndez Doménech, Xesús Sanxoás Formoso, Arturo Reguera López]). A violencia da policía franquista seguiu respondendo con malleiras ás lóxicas reaccións solidarias estudantís e con detencións que conducen ao cárcere da Coruña a nove alumnos (véxase a relación completa dos nove nomes en Redondo Abal, 2017: 106, n. 124). 

 A folga comeza a remitir a partir do 17 de abril de 1968, non a prostesta esencial, a reclamación de liberdades e democracia que formará parte da loita universitaria ata a morte do Ditador. 






 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire