vendredi 24 avril 2020

A AUSENCIA DE NEGATIVIDADE É NEGATIVA ou COMO OS ESTADOS XIRAN SOBRE O AUTORITARISMO


0.Entre a ensinanza virtual, que nos desangra tanto a alumnado como a min e na que non creo -a pesar de poñerlle todo o afán e vontade en que sirva para algo-, e os escasos momentos de pracer hedonista que podo rescatar deste encerro forzoso, sinto o cerebro que me estoura e por iso, os temas van tamén abrollando coma choupíns nun día de outono.

1. De repente, nunha sociedade confinada, preténdese solucionar todo o que non se fai no día a día dunha vida desenclaustrada. Gobernantes e gurús predican aspectos tan sorprendentes coma absurdos: a educación a distancia permitirá "avaliar a capacidade de desenvolvemento como ser humano do alumnado" (ministra Celáa dixit); a medicina do futuro virá a través dunha diagnose realizada a distancia, sen valoración corpórea e visual directa dos corpos (Feijóo dixit); ir a un supermercado é mellor que xogar ao aire libre ou pasear (Goberno dixit e logo rectifica pola vía das 'ostias'); controlar con fins nada honrosos o clima de críticas ao goberno (Marlaska dixit), etc, etc.

2. Non soporto as mensaxes que se asentan en convencerme de que o confinamento é para protexer a miña saúde. Para iso non foi. Foi/é para o motivo fundamental de que o sistema sanitario e de asistencia social non escachen. E aínda así escacharon (Madrid, Catalunya, hospitais de campaña e morgues improvisadas). Non hai máis que ver onde se produciu a maior parte dos contaxios en Galicia: residencias de persoas maiores e centros hospitalarios e sanitarios. Para tranquilizar a conciencia afírmase que as persoas contaxiadas son moitísimas máis que as recontadas oficialmente e establécense proxeccións numéricas especulativas sobre esa realidade. Mais o certo é que fallaron os mecanismos de previsión: localizar os focos iniciais de contaxio, test masivos, control e abastecemento material de protección aos colectivos máis expostos e máis vulnerables. Iso non se fixo e, considerando que o noso sistema público de saúde tiña as costuras un tanto delicadas a prevención derivou en paliativo.

3. Ademais de obrigarnos a sorrir e gozar do confinamento, Gobernantes e gurús desempolvan o receitario da positividade, como se fose negativo estar disconforme con este confinamento e as súas consecuencias físicas, psíquicas, emocionais, económicas, sociais, etc. Esta circunstancia foi moi ben analizada polo filósofo Byung-Chul Han que fala mesmo da imposición no imaxinario do 'positivo', cando a dialéctica do negativo é o que move toda descoberta, todo avance científico e afortala toda democracia.

4. Só o silencio do obediente pensamento correcto pode aceptar o autoritarismo que se detecta na actuación dos Gobernantes. Este autoritarismo e a represión que se detecta: Por que se sanciona a un grupo de manifestantes que ían provistos de protección e estaban a unha distancia prudente un de outro? Como ser disidente e discrepante se incluso as redes sociais son sometidas ao escrutinio gubernamental?

5. Chomsky afirma nunha entrevista en Rebelión (24/04/2020) que existe a posibilidade de que os Estados se convirtan en altamente autoritarios e represivos para espallar o manual do neoliberalismo con máis forza mesmo que agora.

O futuro dirá como se reordena o Estado, se contra os intereses e desexos das oligarquías do capital, coa aplicación de receitas sociais, que afortalen servizos públicos e ben común, ou se a favor desa mesma oligarquía deixando que a débeda pública se coma todo avance en servizos públicos e salarios dignos. Manuel Humberto Restrepo afirma que para "los dueños del mundo (...) el virus resulta estimulante, inclusive para neoliberizar el amor y la muerte, que parecían cosa de poesía. Nada va a quedar estable, pero no por el virus, el capital será aún más liquido (Bauman), màs burbuja (Sloterdij), más rizoma (Deleuze), pero en todo caso, más parecido al carbón que se quema en la maquina y desaparece sin dejar rastro (Marx)". A imaxe do rizoma lévanos á hipercultura propia destes tempos de pantalla e órdago dixital (Byung-Chul Han, La hiperculturalidad, 2018), onde nada ten estrutura de proceso, de desenlace e moito menos de horizonte.


6. A min persoalmente, resúltame incómoda a expresión de ledicia do confinamento, que considero falaz e impostada. Como se a gran pantalla en que se converteu a comunicación humana fose unha marabilla ou, peor aínda, unha oportunidade. Este novo mantra, unha auténtica navallada sobre o que nos fai realmente humanos, non deixa de abrollar debuxando o contorno da linguaxe do pensamento politicamente correcto. Aí están as plataformas de todo tipo aproveitando a fenda: que se libros dixitais, que se educación dixital, que se medicina dixital, que se sexo dixital, etc...

7. Paradoxalmente, neste ideario da positividade latexa tamén a sospeita. A sospeita nace cando non se sabe operar coa negatividade natural e lóxica que posúen os feitos. Todos os días confróntome coa tarefa de tentar transmitir algún coñecemento -para nada vou seguir o decálogo da OCDE e dos gurús neoliberais do ensino- sobre a miña materia. Fágoo, pero non caio na falacia de pensar que isto, como xa dixen, é educación ou ensino. A escola e os corpos en copresenza son o pórtico fundamental para unha educación crítica e emancipadora.

8. Ao facer isto, defendo a miña capacidade como docente de saber que esta situación é unha aberración educativa e de poder ponderar todas as incógnitas e saber que criterios e que instrumentos de avaliación son pertinentes para unha situación complexa e absurda ao mesmo tempo. Pero que non me procuren convencer de que o anuncio no BOE resolve nada...porque, como todo anuncio, como toda literatura performativa, dependerá da eficacia, eficiencia e coherencia das accións encamiñadas a dar conta do que figure no papel.

9. Cegueira ou inxenuidade? A sociedade capitalista aséntase na estratificación social e para que haxa o 1% dominante arriba ten que existir un 99% dominado. E nese 99% tamén hai substanciais diferencias de clase e de asunción de cotas de poder.

Pénsese, senón, nos que están enchendo os seus petos coa enfermidade? Na farmacia do barrio un bote de xabón aséptico de 100 ml pasou de un par de euros a custar case 6€, e non digamos as máscaras...tamén os produtos de primeira necesidade, os alimenticios, incrementaron os seus prezos ante a demanda existente. Non é preciso saber de economía para deducir que o capital busca beneficio sempre e que, desde o minuto un en que se decreta o Estado de Alarma, había que contemplar un abano de medidas intervencionistas que limitasen o prezo dos produtos básicos de tipo alimenticio e sanitario. Toda a literatura política asentada en Marx sabe que en tempos de crise, o capital fai caixa e prepara escenarios. Máis, se cabe, cando eles mesmos fixeron uso das metáforas bélicas: sabido é que na guerra civil triunfou estraperlo...

10. E cando falamos de encher o peto, tamén falamos de enchelo coas vontades alleas para configurar o escenario da política. En Bolivia o racismo supremacista e golpista da branquitude segue asasinando as posibilidades dos seguidores de Evo Morales, acusándoos e levándoos ao cárcere (até 3 anos!!!) de seren 'escapistas do confinamento'; en Colombia segue a persecución de líderes indíxenas; en Salvador Luis Alvarenga (Rebelión, 24/04/2020) infórmanos da utilización do discurso do medo e da represión:

Lo que no logra verse siempre es que la eficacia de la cuarentena obligatoria no está acompañada por la eficacia en las medidas de detección y seguimiento de casos sospechosos de tener el virus. El gobierno ha mantenido un discurso de miedo hacia la expansión de la epidemia, al utilizar datos preocupantes de otros países, para vaticinar que el coronavirus llegará hasta la puerta de cada casa, junto a las amenazas a la población que no acate el confinamiento ni el estado de excepción. El ministro de seguridad pública amenazó con enviar a los centros de retención a cualquier detenido, donde, según sus palabras, «se contagiará con el virus». Las detenciones arbitrarias se multiplican de modo alarmante Más aún, el peligro es que el estado de excepción deje de ser excepcional y se convierta en algo normalizado. Algo de eso advertía Walter Benjamin.

Non está o medo detrás do comportamento lamentable da delación? Das ameazas e dos escritos denigratorios cara a persoal sanitario e outros? Non foi amplificado ese medo coa militarización da axuda e coa comunicación cotiá de sancións e de toda a numeroloxía que conleva contaxios e mortes? A ninguén lle parece antidemocrático que se pronlongue o Estado de Alarma coa restrición de dereitos e liberdades?

11. Álvaro García Linera, nunha conferencia dada en Arxentina, fálanos de que "un pánico global se ha apoderado de los medios de comunicación y una niebla de sospecha sobre el otro cercano, portador de la enfermedad, quiere encumbrarse en el espíritu de la época. (...). Se trata de una manera mutilada de globalizar la sociedad que, al tiempo de generar más desigualdades e injusticias, debilita los mecanismos de protección y cuidado creados a lo largo de décadas por los diferentes estados nacionales. No estamos ante un Estado social protector sino patrimonializado por una aristocracia de los negocios, como ya sucedió durante todo el periodo neoliberal que nos ha llevado a este momento de descalabro societal" (pódese consultar en Rebelión, 24/04).

12. Nese amplo espectro de aristocracia do 1%, por poñer un exemplo, está o mundo das comunicacións, da tecnoloxía virtual: Padece esta crise ou benefíciase dela? Eva Illiouz fala da "gran fiesta de la tecnlogía virtual (...). No tengo dudas de que en el mundo post-coronavirus la vida virtual y a larga distancia tomará un vuelo propio" ("El coronavirus y la insportable levedad del capitalismo", Rebelión, 18-IV-2020).

13. Agora, co virus, queren dar a sensación de que a enfermidade nos iguala -unha enorme e cruenta falacia-. É certo que todas as persoas podemos enfermar, pero non todas temos as mesmas posibilidades de cura. Comprobado está que as persoas empobrecidas son as que sofren e morren máis debido a todo tipo de enfermidades evitables. Porque o mundo non empeza e acaba nas paredes da casa dun. O confinamento fai que perdamos tamén esa perspectiva, mais hai que saber erguer a vista máis aló do horizonte inmediato da 'República Independente da miña casa'.

14. Por iso, recomendamos a lectura do artigo de Guadi Calvo, "África: Covid-19 y una guerra que siempre comienza" (Rebelión, 18/IV/2020), onde fai un reconto das consecuencias nos campamentos que existen no continente africano, ateigados de persoas desprazadas, de migrantes, de refuxiadas das numerosas guerras, famentas, expulsadas pola seca e polas inundacións...Quen pensa e actúa por esas persoas nunha sociedade confinada? Que sistemas de saúde públicos permitirán a curación dunha enfermidade máis -cruenta si e mortal cos enfraquecidos de saúde- entre as numerosas que golpean África e as sociedades empobrecidas? Se acceden ao artido do arxentino Guadi Calvo coñecerán como os conflitos bélicos sacuden o continente africano e algúns datos sobre campamentos de refuxiados.

15. Non creo na resignación á hora de perder dereitos e liberdades en democracia, cómpre esixirmos que os Estados asuman o seu rol, tal como o teñen que asumir á forza hoxe, e que garantan a fortaleza de todos os servizos públicos e que renuncien aos recortes, á degradación do público e á privatización, os mantras neoliberais que foron os que nos levaron a esta situación de confinamento -que respecto, pero non comparto, ao ollar o que fan Portugal, Suecia ou Alemania- e de desastre xeralizado...sobre todo cando saiamos do túnel.

Xabier Ron
Brión, 24 de abril de 2020
Foto que sae hoxe en La Voz de Galicia ilustrando
a diferenza entre Tui e Valença

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire