jeudi 30 avril 2020

O SOSEGO OU A ARTE DE VIVIR


O SOSEGO OU A ARTE DE VIVIR

Se estivese redactando algún artigo de investigación, diría que estamos ante unha proba da intertextualidade, en concreto, do intertexto incipitario, pois o título destas palabras retoma e recrea o nome que ten o libro de Wilhelm Schmid, Sosiego el arte de envejecer (Kairós, 2015).


No fondo, vivir é saber facerse vello. Unha constatación empírica que marca o reloxo que nos acompaña desde que nacemos. Nestes convulsos días, onde se pode ver todo tipo de decisións (supoñemos que) benintencionadas pero (pensamos que) mal consideradas, é preciso recuperar algunha das ensinanzas que dá a perspectiva do camiño andado. Cando te xiras e ves ao lonxe as crebas e o ronsel que deixa a existencia en forma de experiencias.

E coincidimos co autor en que a primeira vez que pensou no tema foi cando cumpría 50 anos. Sígolle a pegada cos meus 51. El fixera unha conferencia falando da súa nai e da serenidade coa que afrontaba o seu día a día. Serenidade que non alumea as pezas da casa que habitamos baixo a monitorización dixital que nos engule. Noutros momentos falei da aceleración social, tal como a explica Harmudt Rosa. Mesmo traballo educativamente a través da práctica da desaceleración a través dos proxectos e da praxe que desenvolvo.

"Una persona solo puede vivir con serenidad cuando acepta la verdad" (p. 10). Mais, é moi difícil asumir que hai aspectos que non podemos realizar...No entanto, a capacidade de serenidade foi a que me permitiu afrontar a recuperación do ataque ao corazón do 21 de outubro de 2017. E saber ben que cousas podía facer sen expoñerme a unha volta á UCI e cales non. E na miña recuperación tivo un peso enorme a comprobación e a praxe de entender a pedagoxía dos errores. Sen ser vello, unha enfermidade, que se converte nunha compañeira permanente, fai que experimentes a vertixe do salto adiante. Pero a mente ten que ser quen de medir moi ben os pasos ausentes e saber que o salto, no fondo, é unha ficción. A serenidade implica non ter medo, non obsesionarse coa enfermidade. Algo que hoxe, cando todo semella naufragar baixo a acción dun virus, éme de escudo ante o Estado de Histeria actual. A prudencia e a prevención nunca poderán ser compañeiras do medo obsesivo e do pánico. Mais, como definir o feito de que as tres únicas veciñas (entre 60 e 70 anos) da aldea zamorana de Escuredo, en Rosinos de la Requejada, fosen sancionadas pola Garda Civil por saltarse o confinamento? Na aldea residen tamén os tres esposos. Como é posible que a razón non habite nas mentes de quen decidiu sancionalas? Decididamente, baixo un Estado de Histeria desátanse todos os desacougos imaxinables. O máis triste é que se fai usando o amparo da Democracia, atacando dereitos e liberdades, e, de paso, incrementando a absoluta idiotez dos actos sen sentido.

"Prefiero rescatar conscientemente la vida que se encuentra enterrada en cada arruga" (p. 10). Schimid escribe o libro tendo xa 60 anos. A súa reflexión adquire unha fermosura poética que merece aprendizaxe e experimentación.

Precisamente, hoxe, penso que ás nosas persoas ancianas non as tratamos nada, pero nada, ben. En moitas das ocasións sofren unha soidade forzosa, que posúe unha terrible forza depresiva. Noutras as consideramos como simples novos bebés, negando toda a experiencia e a enorme vida que contén a súa memoria. Non podo deixar de recordar, a este respecto, as ensinanzas de persoas como Nicanor Acosta ou Encarna Díaz, cos seus 81 anos, ou de Juan Castro co que teño o pracer de conversar cunha caña todos os mércores de noite -xunto con outros 3 ou 4 templarios máis-. Os seus 84 anos teñen moita forza para quen saiba escoitar e aprender. O diálogo de ida e volta enriquece sen límite. E a serenidade coa que afronta a necesaria convivencia co 'bicho' é admirable: sen medos, co desexo de poder pasear -necesario para os ósos, din os médicos- e poder tomarlle unha...e falarmos da Ditadura franquista, da cultura, de como era a docencia en Inglaterra, etc... Toda unha memoria que necesita expresarse, vivir, non ser recluida nun espazo de varios metros cadrados.

Si, tratámolas mal: as residencias de maiores, sometidas ao lucro da privatización e á degradación do servizo foron espazos da morte anticipada. A previsión lóxica non fixo a súa aparición. O virus só tiña que entrar para asolar un lugar onde tiña as mellores dianas: persoas maiores, con algún achaque lóxico polo paso dos anos, outras con algunha enfermidade na mochila, e todas moi xuntas, pola necesidade de ter compañía.

Non son experto, mais sei observar e pensar, e só hai que sumar residencias e hospitais para intuir o que acontece hoxe cos tests: que o COVID-19 non circulou en Galicia coa forza que o fixo, por exemplo, en Madrid. Agora, de seguro que se tentará demostrar que os tests son defectuosos...porque, no fondo, queremos tranquilizarnos co dato de que si, de que o virus circulou e nos inmunizamos contra el. E tamén porque faría máis aceptable a decisión de decretar un Estado de Alarma. Pero resultará, ogallá me equivoque, que non. Pode que veña con máis fame despois de setembro. Teremos aprendido en prevención e tratamento dos focos transmisores daquela...para que non teñamos que sofrer un confinamento negativo?

A serenidade implica considerar a vida en toda a súa extensión: desde que somos crianzas até a senectude. Curioso: estes dous extremos foron os que menos se beneficiaron das excepcións durante o prolongado Estado de Alarma.

De feito, as primeiras reaccións sobre as consecuencias do virus nas persoas maiores demostraban o terrible egoismo e individualismo que inocula no noso imaxinario o capitalismo. O autor denomina iso "consecuencia del yoísmo desmesurado que impera en la actualidad" (p. 12).



Os clásicos son, a este respecto, unha constante fonte de saber. Epicuro denominaba 'ataraxia' a ausencia de turbación. Pero hoxe poucos saberían aplicar as ensinanzas de Epicuro, pois os plans de estudos turbocapitalistas encargáronse de retirar as humanidades por non seren 'útiles' ou 'rendibles' na selva do mercado. E así nos vai en tempos de confinamento, onde a solución non pasa pola reflexión interiorizada, a lectura pausada e a conversa. Todo foi engulido pola luz adictiva das pantallas dixitais. Unha receita que mañá será enfermidade. Unha ferramenta nunca pode ser un fin. E o espazo de lecer da clase traballadora non pode ser NUNCA o espazo de traballo que xere beneficios ao gran capital.

Rematarei esta nota coa descrición que realiza Schmid dos dez pasos para acadar a serenidade:


PRIMEIRO PASO.- 
Adquirir conciencia das distintas etapas da vida.

SEGUNDO PASO.-

Coñecer as peculiaridades da fase da vida en que estamos e saber que se pechan alternativas. Podemos aplicar estratexias de compensación, de concentración, de selección e de optimización para vivir de forma axeitada.
"En la vejez aún hay que aprender a ser más lentos, a repartir las fuerzas de una manera más eficiente, a cuidarse más, posiblemente a estar más solo que en épocas anteriores, a reflexionar sobre la vida que ya se ha vivido y a tener presente la muerte que ya no es una posibilidad lejana" (p. 31).

TERCEIRO PASO.-

Teremos que acostumarnos a todo, mesmo a ter dor e a soportala se non é moi acusada. Os hábitos e as rutinas que nos benefician dan tranquilidade. As rutinas teñen unha enorme importancia, por exemplo, nas persoas con Trastornos do Espectro Autista. Eu non podo saírme delas: sonme necesarias para habitar o día a día. Non me gusta nada a improvisación nin que se altere o planificado. Por iso, non planifico xa nada a medio prazo.

CUARTO PASO.-
Disfrutar conscientemente dos pequenos praceres, esas pingas de felicidade, esas pequenas doses de alegría. O seu pensamento anima os días. Schmidt alude tamén ao pracer do recordo e do xa vivido.

"Un placer que se intensifica con la edad es el placer de la conversar y quizá también el placer de escribir algunas cosas uno mismo y para los demás" (p. 44).


QUINTO PASO.-
Necesidade de saúde que require, cando somos maiores ou enfermos crónicos, da necesidade de movernos, de camiñar, pasear, ou facer exercicio con moderación. É preciso tamén saber vivir con eses estadios de melancolía e saber fuxir da depresión incapacitante.


"La melancolía resalta en la vejez sobre todo la soledad existencial, que queda reforzada por un acultura en la que el yo reina como nunca antes" (p. 55).

SEXTO PASO.-

A procura do contacto físico, di Schmid, é o sexto paso. Eu diría antes ben estar, ao longo dos días, en compañía de seres queridos, de amizades, sen necesidade de que sexa permanente e constante ese contacto.


SÉTIMO PASO.-

O amor e a amizade. A importancia das amizades coas que nos reconfortamos, coas que falamos en confianza, coas que nos sinceramos.

"La vida es más hermosa y tiene más sentido cuando existe al menos una persona de cuya existencia me alegro y que por su parte se alegra de que yo siga aquí, aunque no sea todos los días" (p. 67).

OITAVO PASO.-
Coñecemento para adquirir alegría e serenidade. En Grecia, euthymia era o estado de dicha, de alegría. Para min, o máis importante é saber que teño o suficiente para acadar este estadio.


"Sabia es la persona que sabe vivir con lo que recibe en cada momento, que puede extraer algo positivo incluso de las situaciones más desgraciadas" (p. 76)


Saber ollar a morte, a dos demais, que nos van deixando, e a nosa propia.
"Mientras siga exstiendo la muerte, acad persona debe tomar una última decisión" (p. 82).

DÉCIMO PASO.-
Para Schmid a última fase ten que ver co diálogo sobre 'que hai despois da morte'. Esta trascendencia dependerá das crenzas de cada quen. Eu, que son ateo, sei que deixarei esta terra para ser só parte dela.

Brión, 30-abril-2020


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire