jeudi 9 avril 2020

REFLEXIÓNS DESAPAIXONADAS SOBRE AS IMPLICACIÓNS DUN APROBADO XERAL EN SECUNDARIA E BACHARELATO

Partamos do principio, xa detallado noutra entrada recente neste blog, de que nunha situación de distancia o ensino e a educación sofren unha creba brutal e que non se chega a todo o mundo, por diversas circunstancias, entre elas, e quizais principalmente, as que teñen un significado socioeconómico.
 
Necesitamos o contacto, a presenza nun lugar moi concreto, as aulas dun centro educativo, para tentar a igualación entre todos os alumnos e alumnas, para poder concretar o principio de xustiza distributiva das oportunidades. 
 
Sabemos que neste mundo do ensino hai moitas e diversas consideracións sobre a natureza, obxecto, principios e métodos da educación e do ensino. É lóxico que así sexa e está ben que sexa así. É o propio dunha democracia. Estas reflexións, como outras deste blog, parten da nosa experiencia como docente sempre alimentada de lecturas de libros que tratan deste amplo e diverso universo educativo. Estas reflexións non van na liña do pensamento dominante en certas correntes mesmo de esquerdas. Sabémolo e somos conscientes de que non gustarán a todo o mundo. Tampouco teñen esa intención primeira, senón a de facer ver as dúbidas que se agochan detrás de certas fórmulas máxicas. 
 
O proceso avaliativo que concluiu hai nada, xa en confinamento, na súa maioría -no noso caso- foi doado de levar a cabo porque xa tiñamos a práctica totalidade das probas e das anotacións realizadas conforme ao establecido no propio documento de orientación do departamento, a programación anual. Polo tanto, se temos en conta a cronoloxía, foron dúas as avaliacións que se someteron a un proceso presencial (agás os últimos 7 días xa que, no caso do noso IES as avaliacións ían ser na semana do 23 de marzo en previsión -acertada- de comezar os contidos da terceira pronto polas datas que presentaba a Semana Santa). Queda a última avaliación. E xa xorden todas as ocorrencias posibles, algunhas ben intencionadas, sobre que facer coa terceira avaliación.
 
Nesta sociedade, onde todos somos tan epidemiólogos coma futbolistas, sanitarios ou docentes, onde todos sabemos de todo, resultará que a nós, as persoas que conformamos o corpo da docencia e do ensino, nos relegan a sermos simples espectadores do noso destino. Sempre hai alguén que sabe o que necesitamos para facermos o noso traballo. Pero, como somos esencialmente críticos e reflexivos, precisamos expresar algunhas dúbidas. 
 
Hai circunstancias que se derivaron da segunda avaliación que cómpre solventar, máis aló da xa coñecida fenda dixital: non todo o alumnado ten os libros na casa, nin as libretas, debido a que o venres 13, cando a Xunta emitiu a recomendación de non asistir, houbo unha ampla maioría que non acudiu ao Instituto...coa consecuencia de que os libros dormen nos armarios...Nesta preponderancia do dixital, estanse relegando outras opcións máis analóxicas para levar a cabo a 'continuidade pedagóxica' (termo usado en Francia para referirse a este período de ensino en confinamento) e pensamos que o analóxico permite o contacto co alumnado con máis dificultades de acceso ao dixital. 
 
Ímonos permitir citar unha observación do Ministerio de Educación francés en resposta á seguinte pregunta: Mon enfant doit-il faire et rendre tous les devoirs qui vont lui être donnés en ligne? (Ten que facer e entregar o meu fillo todas as tarefas que se lle van a entregar en liña (dixitalmente)?

"L’objectif est de maintenir les acquis déjà développés par votre enfant depuis le début de l’année, de les consolider et de les enrichir par des exercices. C’est aussi de lui permettre de découvrir de nouveaux points au programme, en faisant les choix les plus adaptés à cette situation inédite. La réalisation du travail demandé est indispensable pour assurer le meilleur retour en classe quand l’école pourra à nouveau ouvrir ses portes aux élèves" (ministerio de educación francés)

A resposta é interesante porque, sen sabelo previamente, coincide co noso procedemento:
a) manter os coñecementos xa adquiridos polo alumnado desde inicios de curso, consolidalos e enriquecelos con novos exercicios;
b) permitirlle a descoberta de novos aspectos do programa realizando as escollas o máis adaptadas que se poda a esta situación;
c) a realización das tarefas e o seu seguemento son indispensables para garantir o mellor regreso posible ás aulas [regreso que, no caso de Galicia, debera permitir termos cando menos un mes de clase presenciais. Con isto dicimos que a 'desescalada' ten que adaptarse tamén á realidade galega]. 
 
Esta resposta acompáñase co rogo de que aquel alumnado que non dispoña de facilidades para un entorno analóxico, se lle faga chegar todo en formato papel con claras indicacións. Indícase mesmo que os materiais facilitados polo corpo docente se poden recoller ben no IES ben no Concello.

Recoñecemos que nos sentimos a gusto con este procedemento, antes que o recurso a fórmulas máxicas que non son explicitadas nin desglosadas na súa aplicación. Tentaremos explicalo no que segue.

Fálase, e moito do 'aprobado xeral' e da 'promoción xeral' como unha variante da primeira, pero que, precisamente, ninguén explicita de forma axeitada para sabermos docentes, alumnado e familias as súas condicións de aplicación. E tampouco é de recibo que, chegados o día 15 de abril, nos obriguen sen máis.

Comezaremos co aprobado xeral, outorgando xa o beneficio da dúbida, no sentido de pensar que cando se fala de aprobado xeral non se fala de poñerlle un 5 a todo o alumnado, senón de aprobar a todos, isto é, de que promocionen todos, a segunda fórmula usada a non explicitada nos seus aspectos básicos.

De primeiras, e a falta de saber que acontecerá, formulámonos a seguinte pregunta como docente e pensámola tamén como antigo alumno: 'Estou de acordo cun aprobado xeral?' E, considerando que un aprobado xeral é un 5 e que, como alumno, necesitabamos a nota para obtermos a bolsa que nos permitise vivir, dicimos NON, non estou de acordo. E tampouco como docente. Pensamos que non son nada xustos e son tan desiguais como calquera nota que se pretenda outorgar de maneira arbitraria. E, por riba, eses 5 xeralizados teñen implicacións máis fondas do que se pensa con vistas ao curso posterior, tanto nos que tiñan elevadas expectativas en función dos dous primeiros trimestres, coma nos que non as tiñan. E ten repercusións tamén na tarefa que debemos realizar os docentes durante abril, maio e xuño, isto é, tres meses...de traballo docente? Que tipo de traballo...e con que finalidade real?

Ás veces semella que desde os outeiros das alturas da vida política se nos vé ao corpo docente coma unha panda de ignorantes cheos de preguiza. En efecto, outras dúbidas en forma de pregunta que emerxen:

  1. Ignoramos que debemos facer co alumnado menos favorecido e que vive nunha balsa de desigualdades e que xa coñecía medidas de atención á diversidade nas aulas? Penso que non. Isto forma parte da propia diversidade natural do alumnado. Procuramos coñecer quen vive nunha contorna positiva e quen nunha negativa e levar a cabo a necesaria adaptación do proceso de ensino para unha mellor e máis axeitada aprendizaxe.
  2. Non sabemos adaptar ou modular a transmisión de coñecementos -sequera rudimentarios- para ir asentando pequenos principios das diversas materias nun contexto que é complexo? Os de arriba semella que din que non, mais nós pensamos que si, que si sabemos., só cómpre equilibrio e chegarmos 'da forma que sexa' a todo o alumnado. Mais...tampouco nos fagamos agora os máis 'guais' xa que é ben sabido que na realidade heteroxénea das propias aulas hai alumnos e alumnas aos que, polos motivos que sexan non somos quen de chegar...tal como sucede nunha situación a distancia.

Non se pode xeralizar...nin por arriba, cando se pretende usar só o ensino dixital sabendo que hai un 10 %, segundo datos oficiais, que non ten internet na casa, nin por abaixo...que pensará ese longo 90% de alumnos e alumnas aos que se lles di que non van aprender nada novo durante...5 meses!? Como dicirlles que a súa nota é, por decisión adoptada fóra das aulas, reducida a un 5?

Por riba, moito nos tememos que 'un aprobado xeral' só serviría para agochar as condicións de desigualdade en que viven algúns alumnos e alumnas.

E se non é un cinco, algúns mudarán o concepto e dirán que non será un aprobado xeral senón que debe promocionar todo o alumnado -ollo coas medidas de diversidade para o curso que vén, que se poderían ver atrancadas, sen ser un paradoxo, por esta promoción xeral-: Con que nota o fan? Cunha media da primeira e segunda? Sería promocionar con varias notas suspensas como sería o caso de alumnado en que a primeira e a segunda non lles foron ben? Sería sen traballar novos contidos por moi adaptados e reducidos que sexan? Que acontece co alumnado que cambia de etapa educativa? Co alumnado que quere realizar un módulo profesional? Abonda coa promoción cando a nota é un requisito non menor nun mundo onde a oferta non chega a toda a demanda curso tras curso?

E, en calquera dos dous casos, cal é a tarefa docente neste contexto? Sermos un mero transmisor de coñecementos xa repetidos, xa estudados, xa incorporados, xa aprobados? De verdade pensamos que é óptimo favorecer a desconexión do alumnado durante 5 meses? É beneficioso...de verdade?

Vexan que dicimos 'transmisor de coñecementos',.nin máis nin menos, tal como facemos -ou iso pretende- con este texto. A nosa ambición, despois de reflexionarmos, xa durante os días 14-16 de marzo, e anticipando a demora en voltar ás aulas, foi ofrecer -a través do blog de lingua francesa e da web do instituto- pequenas cápsulas explicativas, pequenas teselas que informan sobre aspectos escollidos da lingua francesa, pequenas pezas en formatos de acceso máis doado: case todo o alumnado ten acceso a un móbil, e falo da realidade das aulas en que desenvolvemos a docencia, onde son maioritarios os alumnos e alumnas que dispoñen de móbil. Nestes días, sobre todo antes de que se soubese a data da segunda avaliación, configuraron grupos de wsp -xerais e por materias- a través dos cales practican unha solidariedade intragrupal moi poderosa facilitándose comprensión de actividades encomendadas e consellos para afrontalas. Iso tamén é relevante. Demostra uns valores que cómpre ter en conta.

Todas estas pequenas teselas serán afortaladas a inicios do curso seguinte, durante a avaliación inicial, tal como facemos, por outra banda, en toda avaliación inicial xa que, despois do reseteo que se produce durante os dous meses de verán adolescente, iso é unha necesidade pedagóxica.

Temos o convencemento de que tres meses a medio gas ou a un cuarto de gas, se se nos permite a expresión, e dous de desconexión por vacacións son mellores que cinco meses completos de desconexión. Porque iso é o que vai acontecer -por moito que a mente yuppie-guai pense en florilexios- se se lles comunica que teñen aprobado xeral ou que promocionan todos: como é lóxico, non se verán na obriga de nada...E terían razón!

E, ao mesmo tempo que trasladamos esa información adaptada a este deprimente contexto que nos toca afrontar, corresponde idear actividades e mecanismos de comprobación axeitados e sinxelos para constatar simplemente que van entendendo e asimilando os mínimos coñecementos trasladados sobre a lingua francesa. É necesariamente peor esta opción que a outra? Tan negativo é para o grosso do alumnado?

En Italia, percibindo o efecto chamada para unha desconexión total do alumnado, deron marcha atrás e xa falan de avaliar o esforzo demostrado polo alumnado aínda que todos promocionarán...vaites oh! Como se valora o esforzo desde un punto de vista puramente obxectivo? Non será que se debe alinear o esforzo co entendemento do que se debe comprender? Non é máis obxectivo dispoñer de ferramentas de corrección sinxelas que sinteticen de forma óptima como se aprende? E, de comprobar que non se entende, simplemente explicar de novo con outros materiais e volver a comprobar? Ten en conta o 'esforzo a distancia' as condicións de clase e as situacións de desigualdade? Debera. Non todos os esforzos son iguais. Por iso, as medidas máxicas erran, logo veñen os parches que complican aínda máis o escenario. Iso é o que pensamos. Outros pensarán distinto e é lexítimo. Mais acontece que na Republica e Cantone de Ticino nunha das directivas do 6 de abril de 2020 dise que até o 19 de abril o ensino a distancia tratará da consolidación do anterior, pero que despois se abrirá a novos contidos e que en maio determinarán os criterios para establecer a nota final.

Loxicamente, como dicía, o dereito ao coñecemento -xa non o da educación que é sagrado, mais imposible de realizar a través das pantallas- obriga a que a administración pública GARANTA que chegamos a todos e todas...aínda que sexa mediante o tan denostado papel.

En fin, veremos en que queda todo isto o 15 de abril; en todo caso, xa estamos preparando os dous escenarios, pero sabedores de que hai un en que hai máis que perder que gañar.
Xabier Ron
Brión, 9 de abril de 2020
 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire