vendredi 9 mars 2012

CITAR SEN CONSULTAR E DE FORMA IMPROCEDENTE

Certo é que unha vez que colgas algo na rede xa pertence á comunidade virtual. Mais, o que me cabrea, e moito, todo hai que dicilo, é que se "integren" en blogs, ou webs, artigos que foron escritos para algún determinado medio sen que se sinale esa fonte, sen que se marque a ligazón de forma directa.
Dígoo porque algo diso aconteceu cun dos artigos que publiquei en Galicia Confidencial, en concreto o último, Nós e o medo ante a dereita e a ofernsiva neoliberal. Un artigo que sae nun medio onde, de forma plural e diversa, os responsables do medio dan voz a todo o abano político e asociativo de Galicia.

Colgalo nunha web sen indicar ese feito conleva a que se malentenda esta circunstancia. A web en cuestión é www.pontecesures.net, que se titula como web non oficial de Pontecesures. Nesta localidade exerzo de profesor de lingua francesa e son secretario do centro. Situar un artigo nesa web non é, desde logo, para min, unha boa idea. Todo o contrario. Quen queira lelo, que vaia á fonte orixinal.

Colgalo nunha web onde poden entrar pais e nais a cuxos fillos ou fillas lles podo dar clases, e que, de seguro, moitos poden ser dereitas, ben poden pensar que o artigo está feito contra alguén en particular do propio concello. E non é así. Obedece a unha análise: a miña, pero ponderada coa reflexión política e coa experiencia do coñecemento do que pensan as xentes. E, insisto, o artigo, todos os que publico en Galicia Confidencial ou en Altermundo, están pensadon para espertar o debate e a reflexión política, se ben case sempre todo queda no terreo da descalificación e do insulto.

Por iso, o comentario dun anónimo "outro" -xa escribín sobre a covardía que implica o anonimato en internet, e pódese ler neste mesmo blog- vai na liña do que comento:

“Adversarios exteriores”, “modalidades de resistencia”, “imaxes do medo”, “xogo militar”, “liñas inimigas”, “o medo do pobo”, “a abnegada obediencia ás imposicións”,”clima permanente de mobilización”, “conquista dos escenarios”...
APOCALÍPTICO. Houbo un momento no que pensei que se trataba de Afganistán, pero non, ahí estamos nós.
Engadímoslle a todo iso España entrecomillado, e algunha cousiña coma “os da dereita que nos malgobernan”, “belixerantes políticos da dereita” ou “unha nova democracia”. Diría que mais que unha opinión persoal, semella unha toma de postura de partido.
Sabariz, xa que te tomaches as molestias de colgar “iso” aquí (todos sabemos entrecomillar), suxiro que te tomes a molestia de dicir que Xabier Ron, ademais de mestre no colexio, ocupa/ocupaba cargos de responsabilidade en Esquerda Unida, e mesmo foi candidato nalgunhas eleccións. Así todos saberemos por donde veñen os tiros. E de seguido sería moi interesante saber as opinións que ó respeto teñen PP, PSOE, BNG, etc etc., que tamén terán moito que dicir.
Ben, este señor anónimo exprésase así, claro, polas malas prácticas derivadas da falta de saber e de tacto da persoa que colgou o artigo sen informar do seu contexto. Podo entender o seu enfado, e a súa solicitude de que os demais grupos políticos opinen sobre iso. Outra cousa é a pouco sesuda análise que realizou do artigo e que me acuse de grandilocuente. Non o comparto. Dicir que montar un chiringuito é montar unha empresa é equivocarse. E veríamos se estaría a gusto traballando 12 ou máis horas nese chiringuito contratado segundo algunha das modalidades que se resumen na reforma laboral.

A resposta do autor que me "colgou" nesa web non oficial é aínda moito peor polas inexactitudes que contén:

Efectivamente, “outro”. Xabier Ron Pereiro, militante de EU y del PCE, nació en Lyon en 1969. Estudió Filología Románica en la Universidad de Santiago de Compostela.
Ron fue el candidato a la alcaldía de Santiago en las elecciones locales de 2011 y antes fuera como nº1 de Esquerda Unida en la candidatura de A Coruña al Congreso de los Diputados en las elecciones generales de 2008.
PRIMEIRO.- Non me chamo Xabier Ron Pereiro, de seguro que o seu nome está por estar el tamén en internet, e pode que non lle guste verse definido como comunista e de esquerdas, chámome Xosé Xabier Ron Fernández.
SEGUNDO.- Son militante do Partido Comunista de Galicia (PCG), organización que forma parte da organización política e social chamada Esquerda Unida-Os Verdes. 
TERCEIRO.- Todos os datos políticos sobre a miña persoa non deberan estar nunha web non oficial do Concello. Considero que non é procedente. O que procede é que son profesor de francés e secretario no CPI, e o realmente importante é se desenvolvo a miña tarefa educadora ben ou mal. Situarme ante as familias de Cesures como político pode verse de múltiples maneiras, algunha delas incómoda para o correcto desenvolvemento docente. 

En fin, isto é o que acontece cando se cita algo sen consultar, sen informarse e de forma totalmente improcedente.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire