dimanche 18 mars 2012

TRABALLAR MÁIS POR MENOS? ABONDA XA DE DEMAGOXIA SOBRE A FUNCIÓN PÚBLICA

o imaxinario que sostén os ataques
Un comeza a estar xa farto de tanta tontería, de tanto disparate verquido sobre as persoas que traballan na función pública. Funcionarios hainos de distinto tipo, desde os que están mellor tratados até os que están abaixo, en función do tipo de oposición aprobada,  do mesmo xeito que na privada os cargos directivos 'mexan' por riba do salario do salario que gañan os traballadores e traballadoras.

Cando escoitei hai dous días os anuncios da comunidade de Valencia sobre o carácter docente do mes de xullo, xa me preocupei ao día seguinte de ver como se recollía a nova e, por suposto, non quedas defraudado, xa que sempre, sempre, aparece unha voz para, baixo a apariencia da veracidade, non disimular a súa xenreira(?)/envexa(?) cara ás persoas que traballan na función pública...como se a esa persoa se lle impedise presentarse a eses postos de traballo que tanto denostan.

Vou simplemente reproducir unhas palabras do artigo de opinión -na liña editorial do xornal?- que Sara Carreira deixou escrito en La Voz de Galicia do sábado 17 de marzo co título de "Un gesto ¿práctico?" (p. 28). Recollo os termos da primeira parte do artigo, onde comete o erro de xeneralizar o alcance da nova; na segunda se centra, se ben de forma pouco afondada e con algunha opinión tamén discutible, no alcance da extensión da medida da comunidade valenciana ao resto do Estado...ignorando así que acontece na propia lexislación docente de Galicia.

'Ahora que todos los trabajadores que tenemos la inmensa suerte de disfrutar de un empleo estamos más horas en el tajo y cobramos menos por ello, parece sensato que los funcionarios, todos, cumplan con su horario, y ya que disfrutan de esas casi dos semanitas de moscosos por la gracia divina no está mal que cumplan con el resto del calendario"

Neste fragmento condénsase todo o imaxinario de xenreira/envexa á que aludía antes. E faino desde afirmacións que cómpre, cando menos matizar e moito.

1º) Na Constitución Española (art. 35) está consignado "o deber de traballar e o dereito ao traballo (...) e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia". O traballo é un dereito con dereitos, adquiridos despois de moitas décadas de loita obreira. Non descendeu dos ceos. Non. E requiriu o sangue de moitas mulleres que se negaron a seren vítimas dos patriarcas que as sometían nas empresas. De onde, senón, vén o que se conmemora o 8 de marzo.

2º) As condicións laborais estaban determinadas polos convenios colectivos: non hai graza divina. Un dereito negociado mediante a interlocución dos axentes sociais non debe, nin pode ser reducido a unha intervención divina (a menos que a autora sexa crente e pense que Deus si fixo á súa imaxe e semellanza a funcionarios e funcionarias). Os convenios colectivos amparaban ao traballador fronte ao empresario e ofrecíanlle unha protección social.

Como vedes, emprego o imperfecto, xa que a reforma laboral do PP fai que a negociación colectiva desapareza fronte ás necesidades de maximizar beneficios da patronal. A subxectividade non demostrada e doadamente manipulable cárgase a protección social que tiña o traballador fronte ao seu patrón. Iso que impediría que a autora se vexa na obriga(?)/aceptación(?) de traballar máis horas por menos salario.

3º) Traballar máis por menos, non pode, nin debe ser o que se desexe para a clase traballadora. Todo o contrario debera ser a nosa ambición como asalariados e asalariadas: acadarmos un traballo digno, quen de respectar a nosa vida persoal, social e familiar. A columnista non di nada sobre o seu xefe, que é en primeira e última instancia quen a fai traballar máis por menos. Por medo? Por autocensura? De seguro que Albert Camus estaría desencantado. Está de acordo a traballadora coas súas condicións? Traballar máis por menos é realmente unha sorte? A iso chámalle 'disfrutar'?

4º) Esta traballadora semella ter interiorizado que todos os funcionarios, hoxe, incumpren o seu horario e o seu calendario. Na súa mente repousa a contraposición, defendida polos seus patróns, entre o eido privado, moito mellor, eficaz e eficiente que o público, que debera reducirse (até desaparecer?). Afirmación falsa que pode responder a: un prexuízo, un estereotipo, simple miopía social, a unha burda xeralización desde unha experiencia persoal negativa, etc.  Eu non incumpro o meu horario, nin o meu calendario. E como secretario levo 8 anos traballando o mes de xullo. Sei que hai de todo, coma en botica, pero iso non me impide ver máis aló dos tópicos absurdos do imaxinario social (ben potenciado pola prensa afín ao sistema capitalista). Pero non acepto que se sigan degradando as miñas condicións laborais, do mesmo xeito que non quero que se degraden as túas nin a dos demais. Por iso vou facer folga o 29 de marzo: para non traballar máis horas por menos salario e dereitos.

5º) Meter nun mesmo saco a todos os funcionarios conleva cometer erros coma o de dicir que os funcionarios disfrutan de "casi dos semanitas de moscosos" -con recochineo ben demostrable a través do diminutivo. Eu, que exerzo na función pública docente non sei que son eses moscosos. É consciente a columnista que na recén aprobada lei de reforma da función pública estes se reducen?

E cabe recordar que a nova aludía ao corpo docente, a ninguén máis, pero intúese que existian desexos de falar de todos os funcionarios..."porque son todos iguais": a mesma absurda estereotipación que define á clase política e conduce á desafectación política e, mediante este recurso, á vía libre ao estado de desfeita que vivimos hoxe.

6º) Non entendo a clase traballadora como átomos que viven en dous universos paralelos: privado vs público. Non. Somos asalariados e asalariadas. Dependemos dun xefe que sempre desexará modificar e degradar as nosas condicións laborais para, con menos gastos, ter máis beneficios. Fronte a esta degradación non cabe a tontería de confrontarnos entre nós, a clase traballadora: cómpre a unión e facerlle ver aos que mandan que temos dereito a un traballo digno e con dereitos.

Baixo a xustificación do déficit en Europa -outra patraña máis como ben demostra o economista Ha-Joon Chang- os axentes do neoliberalismo impoñen as súas receitas de recortes. E, nesa receita adquire unha enorme importancia reducir a función pública porque así se reduce a capacidade de intervención do Estado nos eidos fundamentais da vida pública. E iso, de suceder, significará amputar o futuro das vindeiras xeracións.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire