jeudi 13 janvier 2011

CONTEMPORIZAR...UNHA ESTRATEXIA SINDICAL ERRADA

Contemporizar.

Ese é o verbo que semella ben introducido na práctica dos grandes sindicatos de clase do Estado. E, claro, mentres iso acontece, os medios de comunicación claramente ao servizo do sistema político-económico establecido nada van facer: só cabe recordar os numerosos espedimentos de xornalistas no 2010 e os ERE's postos en marcha baixo o amparo protector (para os intereses da patronal) da reforma laboral decretada.

Por iso, todo semella proxectar cara ao exterior que vivimos nunha paz social, de diálogo, de que as reformas son necesarias...por suposto...todo falso!

(Digressio: só hai que pensar no desbaldimento que representa a Cidade da Cultura en Galicia e a ofrenda ao deus da opulencia que nos levará millóns de euros anuais para darse conta de que estamos totalmente desnortados e que imos directos au naufraxio.)

Esa táctica e estratexia desmotiva, desilusiona e desmobiliza. Polo de agora, en Galicia, e falo dos grandes sindicatos, só a CIG semella disposta a encher as rúas de protesta e facer unha folga xeral o 27 de xaneiro. E eu farei folga ese día...porque é xusto loitar polos dereitos da clase traballadora e non hipotecar o noso futuro.

Pero non se pode perder de vista que sen o apoio dos outros 2 sindicatos de clase maioritarios a folga xeral perderá moita forza. E unha folga xeral diluída tampouco nos convén para os intereses que nos guian. Por iso, cómpre que os 2 sindicatos que dialogan e contemporizan pasen ao ataque. Xa o dixo ZP: pra contentar aos mercados seguirá adiante coas reformas con ou sen consenso: con decreto. Entón...de que se fala...?

Quero pensar que CC.OO e UGT presentaron de saída as súas esixencias e que estas contemplarían como mínimo a negativa a aumentar a idade de xubilación, a negativa a aumentar o tempo de cálculo para o establecemento da pensión e un aumento das contías das pensións. Que respondeu o goberno? Se dixo si a todas as esixencias que o digan...mais témome que foi un non. Entón...de que se fala? A que aspectos positivos se refire o secretario de CC.OO.? O de UGT nin fala.

En Bolivia o pobo demostrou que se pode dar marcha atrás a decisións que van contra os intereses xerais do mesmo. Por iso, non podo defender a actitude contemporizadora, porque penso que vai existir un ataque a traizón do goberno e, despois, os contemporizadores quedarán sen poder de reacción...e estaríalles ben se non fose porque perde a clase traballadora.

Non podemos perder máis o tempo. Sei que hai unha enorme masa de acomodados ou -peor aínda- que se cren acomodados-, mais os malos tempos da lírica tamén repercutirán neles e, xa veremos se me equivoco.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire