samedi 29 janvier 2011

O RELOXO DE 28 HORAS OU O ENFERMO TEMPO DA ENFERMA SOCIEDADE CAPITALISTA

O noso organismo dispón de reloxos biolóxicos que lle permiten orientarse mesmo en situacións de extrema escuridade ou voluntario cautiverio, como demostraron algúns experimentos levados a cabo por científicos. O noso organismo está adaptado ao ritmo da Nai-Terra coa súa rotación e coa súa alternancia entre luz e escuridade durante 24 horas. Unha das funcións dun grupo de neuronas aloxadas no nucleo supraquiasmático do noso cerebro é ser o máis importante reloxo biolóxico do ser humano para adaptarse ao ritmo circadiano, ao ritmo das 24 horas.

Alterar este ciclo ten máis consecuencias negativas das que pensamos. Mais aos donos do tempo, eses que programan os ciclos de traballo produtivo do sistema capitalista, pouco lles importan esas consecuencias. Eles queren facernos traballar todo o día (eles mandan, por suposto). Producir, producir sen parar e acumular, acumular beneficios. A costa da nosa saúde xa que alteran os tempos do corpo que son os da Nai-Terra. Ignoran as malas dixestións e o empeoramento xeral da nosa saúde corporal e da nosa saúde mental coa repercusión que ten na vida persoal e nas propias relacións familiares e sociais. Mesmo, algúns estudosos detectan unha posible relación entre aumentos de cancro e a permanente desorde que achega o traballo por turnos. Ignoran o empeoramento da calidade de vida de traballadores e traballadoras. Eles, devoradores, practican con entusiasmo un verdadeiro canibalismo nada purificador.

Estableceron a tipoloxía laboral dos tres turnos consecutivos que, de forma contínua e sen interrupcións, serven para producir máis do que realmente se necesita. Ese desexo de “producir” máis rápido e sen cesar está moi ligado á estratexia da caducidade dos produtos ideados. Velocidade na creación, velocidade no deterioro, velocidade na reposición, velocidade no consumo. E inventaron o “madrugón” e a xornada laboral eternizada sen ter en conta as estacións do ano e o diferente ritmo do corpo en función das mesmas. E, para “compensar”, inventaron tamén o concepto de “conciliación laboral e familiar” que, contrariamente ao que promulgan, consiste en que os nenos e nenas estean máis horas nos centros chamados de ensino mentres os proxenitores están a disposición dos donos do tempo. E, loxicamente, faise ignorando o ritmo circadiano de nenos e nenas. E o madrugón xa non é para pais e nais: madrugan por desgraza os nenos e nenas desde idades moi temperás. Por iso, o aspecto central é facer decrecer a xornada laboral e facer decrecer a produción para que pais e nais teñan tempo relacional cos seus fillos e fillas. O fetiche (das mercadorías, do diñeiro sobre todo, na medida en que mercadorías e diñeiro son as que nos controlan) e a alienación van da man cando non nos damos conta disto e nada facemos para recuperar o tempo dos insanos comportamentos dos donos do capital.

En Xapón, non contentos con ter as masas traballadoras atadas durante 24 horas, unha empresa ideou, tal como relata Robert Kurz (“Luces de progreso”, El absurdo mercado de los hombres sin cualidades, Ed. Pepitas de Calabaza, 2010, p. 91) o reloxo de 28 horas para unha semana de 6 días. O desexo, loxicamente, aumentar o tempo que se lle dedica ao traballo de producir. O nome do enxendro é Montu, no que vemos unha analoxía co nome do deus do sol e da guerra exipcio, Montu-Ra. Que colleran un deus solar xa nos pon en garda pois é unha forma de dicir que o tempo debe estar sempre dominado pola claridade-sol, xa que a escuridade-lúa é o tempo do repouso, da pasividade, da contemplación. Por iso, existen empresas que non dormen: mentres hai escuridade ou ben teñen turno nocturno aquí, baixo as luces artificiais da produción en cadea, ou ben traballan alí onde é día para así, cando amanece aquí, recoller os froitos e seguir alimentando o tempo crecente da incesante velocidade de produción, circulación e distribución. Nada hai máis perigoso para o capitalismo que o repouso. Por iso os mercados e as bolsas non dormen.

O fetiche da competividade da sociedade capitalista devasta o tempo libre. Como afirma Jean-Paul Dollé (L’inhabitable capital, 2010, p. 37) trátase de estar sempre por diante, de adiantar ao presente, de proxectar o futuro, de dominar o tempo, en definitiva. E nesa teima o tempo libre xa non é un tempo liberado. Como di Kurz “xa non se trata dun ocio libre senón dun tempo funcionalizado ao servizo do consumo permanente –e sumamente fatigoso- de mercadorías” (p. 91).

Por iso, como di Kurz, a solución só pode vir desde un rexeite total e absoluto do sistema de referencias capitalistas, para liberarnos das categorías capitalistas.

16-xaneiro-2011

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire