vendredi 14 janvier 2011

XUBILARSE E PODER VIVIR CON DIGNIDADE

A batalla non se libra ao descuberto. Xira ao redor dunha mesa e de persoas que se supón representan o sentir e a vontade do pobo. Algo así debe ser a Comisión do Pacto de Toledo. E, en base ao seu informe de finais de 2010, representa tamén un espazo para que sabios, técnicos e especialistas en materia económica acheguen a súa particular visión da xogada. Todo no noso nome, pero sen contar con nós.

O borrador infórmanos sobre múltiples aspectos que se discutiron en materia de pensións contributivas (8.614.876 persoas a día 1 de xaneiro de 2010) e non contributivas (455.655 persoas, que perciben uns 339,70 euros): desde a ampliación do período de cálculo das pensións, ata a dimensión de xénero en materia de pensións, pasando pola necesidade de incentivar a prolongación da vida laboral, a restrición das xubilacións anticipadas, o reforzo do sistema complementario de pensións (i.e fondos privados de pensións), e a accesibilidade e adecuación das pensións. En todas elas emana a retórica economicista digna do capitalismo, e acéptanse os presaxios negativos dos órganos de decisión neoliberal. Nun dos aspectos máis relevantes, o da idade legal para xubilarse, podemos ler: “a comisión constata que non se acadou acordo en materia de idade legal de xubilación” (páx. 57). E non obstante, tanto ten. O goberno xa ten decidido que serán 67 anos. E o peor: quere aumentar o tempo de cálculo. E tanto lle ten se os axentes sociais discrepan: o goberno ten previsto algún decretazo poara impoñelo.

Non son un especialista. Falo tendo en conta que non quero este sistema de acumulación capitalista. Falo desde dentro dun sistema do que non comparto a súa forma de producir e de vivir a vida. Tendo en conta isto, si sei algo: non quero traballar máis aló dos 65 anos, quero ter unha pensión que me permita vivir con dignidade, e quero que as demais persoas vivan con esa mesma dignidade. De forma humorística –ou non- traio o paradoxo que me formulaba un amigo: deberíamos poder vivir a nosa xubilación entre os 25 anos e os 40, cando temos todas as nosas facultades intactas, xa que aos 65...quen sabe se chegaremos e como chegaremos. Falando de desexos, cabe lembrar unha enquisa levada a cabo polo Institute for Future Studies de Estocolmo (Suecia), onde os homes dos países da UE-15 din querer xubilarse aos 58 anos e as mulleres aos 57,5 anos. A idade desexada para xubilarse é maior no norte ca no sur. Isto non debe abraiarnos xa que canto peores son as condicións laborais, maior é o desexo de xubilarse.

Sabendo que xurdirá o coro de economistas pro-sistema neoliberal, no que segue fago unha síntese das impresións de especialistas en materia económica como Vicenç Navarro, ou Juan Torres, que, por suposto, discrepan e rebaten os argumentos dos anteriores.

1. O aumento da esperanza de vida. Certo é. Vivimos máis. Pero non todas as persoas viven máis e coa mesma calidade. Demostrado está que as persoas que teñen rendas altas viven máis anos que os que teñen rendas menos altas. Por moito que o queiran negar....as clases sociais seguen existindo.

2. Todos aos 67. Non é xusto. Existen diferenzas laborais enormes entre traballos que requiren dunha aplicación de forza manual e os traballos digamos que de tipo intelectual. Nos primeiros, a consideración do traballo é sentida de forma negativa, coma un medio necesario para poder (sobre)vivir. Nos de tipo intelectual, non é infrecuente que exista un desexo de proseguir traballando, xa que disfrutan traballando. Non semella xusto facer traballar 2 anos máis a todo o mundo. É fondamente inxusto para as persoas que teñen traballos menos remunerados, máis duros e que, por riba, vivirán menos.

3. Unha protección fronte á pobreza. O 50% da poboación europea de 60 ou máis anos está en situación de desemprego. O aumento da idade laboral para xubilarse significaría o aumento da bolsa de desemprego e da gravidade de situacións de risco de exclusión social. As pensións son unha base esencial para non caer na pobreza. Por iso, o determinante debera ser a contía das pensións. Por exemplo, en España, no ano 1995 un 16% dos pensionistas vivía na soleira da pobreza, no 2008, un 28%. Por suposto, debido a pensións reducidas en contía que non permiten loitar contra o encarecemento da vida. A profesora Camila Arza da Universidade Pompeu Fabra demostra que as pensións en España son moito máis baixas do que deberan ser polo nivel de riqueza económica que ten o estado. Son baixas as contributivas e as non contributivas. E é inxusto que así sexa, xa que non hai razóns de peso para esta circunstancia. Só a falta de vontade política de facer ben as cousas.

4. Predico e fago o contrario. Unha das entidades que máis está “tocando as narices” é o FMI. Esta organización neoliberal esixe austeridade, pero esquece totalmente de facer aquilo que predica. Un funcionario do FMI pode cobrar cifras equivalentes a 160.000 euros ao cabo de 25 anos de traballo. O pensionista español precisa traballar 40 anos para acadar a cifra máxima da pensión, que nunca será o 100% do salario, senón o 80% da súa base de cotización para un máximo de 22.000 euros. É inmoral e inxusto que esta tropa neoliberal sexa quen moralice sobre a idade da xubilación e as pensións. E é fondamente inxusto e nefasto que se pretenda aumentar o cálculo para poder cobrar a pensión. Ademais, criticable é que se pretenda facer o cálculo sobre todos os anos traballados, e non sobre os mellores anos traballados, xa que rebaixará de forma substancial a contía da pensión.

5. O discurso do medo = privaticemos. O noso sistema de pensións non está en perigo. O que está en xogo é animar as persoas a que invistan nun plan de pensión privado. Un caramelo para bancos, caixas e axencias de seguros. De feito, unha das recomendacións do pacto de Toledo vai nesa liña. Triste. É como se tendo unha hipoteca central para a nosa (e única vivenda) nos dixesen pasados 10 anos que debemos formalizar outra hipoteca para poder ter dereito a esa vivenda. Por riba, fano cando os que teñen problemas de liquidez son os fondos privados de pensións, dados aos xogos especulativos de casino. Isto é, os que provocaron a crise financeira queren (devorar) o noso diñeiro.

Tal como denunciou Gaspar Llamazares o 29 de decembro de 2010 ante a Comisión do Pacto de Toledo, a finalidade dos Think Tank e organizacións neoliberais é verter desconfianza sobre a viabilidade do sistema público de pensións. Facerlle caso ás súas recomendacións representará o “empobrecemento da sociedade española” e a “perda de cohesión social”. E se existe un risco para o sistema de pensións, este é doadamente correxible: aplicando unha filosofía progresista e eliminando o tope de exclusión no gravame das rendas, correxiríamos a polarización das rendas e aumentarían os ingresos da Seguridade Social. Pero, claro, como di Vicenç Navarro, os que teñen o poder son precisamente os donos das rendas máis altas...

En xogo está a nosa dignidade. Os sindicatos non poden ceder á chantaxe. Cómpre mobilizarse e cómpre unha política que se enfronte á ditadura dos mercados.

9-xaneiro-2011

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire