jeudi 27 janvier 2011

POR UNS DEREITOS NON SUXEITOS A CARIDADE, SENÓN A UNHA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA FORTE

As imaxes repítense en todas as cidades de Galicia e de España e falan dun considerable aumento das persoas que se ven na obriga de acudir á cociña económica, aos albergues e tamén aos espazos onde organizacións sociais normalmente vencelladas á Igrexa reparten alimentos ou roupa.

Algunhas voces falan de que iso pertence ao cuarto mundo. Ese mundo desfavorecido, empobrecido pola onda salvaxe do ultraliberalismo depredador en que se converteu o capital.

No sálvese quen poida individualista inoculado polo capital, os menos favorecidos caen antes. Lóxico. E forman parte dos titulares de prensa acompañados de fotos sensacionalistas, pero é inexistente a reflexión política e, desde logo, son inexistentes as posibles solucións a un mal crecente que vulnera a dignidade das persoas. Non esquezamos que a fame é unha das máis terribles formas de violencia que exercen os enriquecidos.

Ante unha dantesca situación dunha taxa de desemprego superando o 20%, se a situación non estoura socialmente é porque a economía informal, a mergullada, fai de flotador salvavidas. Así é, senón o clima de cólera social sería de impacto. Por moito que os politicamente correctos o pretendan agochar.

Neste país de traca e feira, onde o ladrillo e o coche seguen a ser considerados os “salvapatrias”, os dereitos sociais quedaron reducidos ás cinzas quentes da caridade. Os dereitos sociais, aquilo que se consignou em forma de leis para que fose o 4 piar do estado de benestar, son unha utopía lonxana. Un desexo que as disposicións orzamentarias de Galicia e do Estado converten en inalcanzable.

O voluntarismo do asociacionismo non pode erguerse por riba da Administración Pública prestadora de servizos públicos. Esta non pode desentenderse do crecente número de empobrecidos que perden a súa casa, que case non chegan a fin de mês, que non atopan traballo, etc.

Ante este naufraxio só podemos salvarnos de forma colectiva. E só podemos facelo denunciando todas as categorías que hoxe rexen o capital. Aquí non cabe reformismo de rostro amable para o capital. Só cabe o derrubamento de todas e cada unha desas categorías. Cómpre, primeiro, limitar os seus efectos perniciosos, mentres introducimos os mecanismos de contención de forma firme e global (democracia de base, participativa e asemblearia; economía solidaria e cooperativa; soberanía alimentar; prescindir dos mecanismos de intermediación comercial, comercio xusto; xornada laboral reducida a 35 horas; decrecemento enerxético, produtivo e de consumo; filosofía de paz, firme defensa dos dereitos humanos e dnha cidadanía republicana (planetaria, incluínte e integradora)), que vaia máis aló do anecdótico, digno de resistencias que o sistema capitalista pode aceptar porque non afectan ao seu mantemento.

A defensa dos dereitos inalienables nunha Democracia é imposible se o sistema que recobre o artellado é o capitalismo. Hoxe en día, para o capital, as persoas que non producen sobran. Así de claro. E fronte a isto só cabe organizarse desde abaixo. Fronte a iso só cabe socialismo.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire