mercredi 15 décembre 2010

18 DE DECEMBRO DE 2010, DÍA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS. EN DEFENSA DOS DEREITOS HUMANOS. EN DEFENSA DA DIGNIDADE.


De novo 18 de decembro. Unha vez máis, as persoas que queremos un mundo máis xusto, un mundo máis humano, un mundo que inclúa e non exclúa, estaremos ao carón das persoas migrantes. Ofrecendo a solidariedade que se merecen. Ofrecendo a calor que precisan. Procurando o respecto que se lle nega en base a leis cada vez menos humanas, cada vez máis inxustas.

Non podemos estarmos hoxe contentos co que acontece en Galicia, en España, en Europa e en xeral no mundo. En efecto, centrándonos no noso contorno máis próximo, temos que constatar, por desgraza, un aumento do racismo, un incremento de actos discriminatorios e xenófobos. E debera enchernos de vergoña permitilo.

Ao longo desta semana, ao igual que todos os días, o noso berro de solidariedade debe ser ben alto e resoar nas durmidas consciencias da sociedade. Unha sociedade que se pecha sobre si mesma está condeada a fracasar, a morrer abafada coas súas propias miserias.

Non podemos ser cómprices da indiferenza. Cómpre vencela e desterrar a pasividade para denunciar o camiño que emprenderon Europa e España coas Directivas da Vergoña e coa Reforma da Lei de Estranxeiría. A sociedade non pode ser o verdugo voluntario das oligarquías que viven dos nosos medos e das nosas ataduras.

Hoxe, 13 de decembro de 2010, no Parlamento Europeo comezouse a debatir unha norma non só polémica, senón racista, que amosa ben de que forma a Unión Europea naufraga; unha norma anti-persoas migrantes e que consiste en que no seo da Unión Europea os traballadores non comunitarios teñan só os dereitos laborais do seu país de orixe e non os que teñen os traballadores comunitarios. En certo modo é unha Directiva Bolkestein aplicada ás persoas migrantes. Unha auténtica aberración! E, por riba, queren que as pensións só se poidan cobrar no país europeo onde se xerou.

Estamos nunha democracia subvertida, que retorce as liñas da propia Democracia en contra dos nosos dereitos en tanto que seres humanos. Como podemos tolerar que, en nome da democracia, nestes precisos momentos, milleiros de persoas migrantes estean privadas de liberdade por simplemente incumprir un requisito administrativo e teñan que sobrevivir con medo nos innumerables Centros de Internamento espallados por toda Europa? Ou como tolerar que a arbitrariedade policial impida a entrada de persoas que veñen de visita ou a reunirse un tempo cos seus seres queridos e que sexan expulsadas sen garantías dos aeroportos españois simplemente por un temor racista e irracional a que se queden no noso país? Como tolerar que os Centros de saúde, os cursos de español para estranxeiros, as estacións de bus, tren ou metro sexan espazos de persecución?

Jacques Rancière déulle a todos estes lamentables feitos o nome de racismo frío, un racismo distanciado que provén das institucións, do Estado e que estende no imaxinario o perigoso virus do racismo e da xenofobia. Novas formas, menos directas, menos populistas e “apaixonadas”, máis hipócritas e agochadas, pero igual de racistas e xenófobas. Un Estado que renuncia a loitar contra as chantaxes do capital e dos grandes donos das finanzas e dos bancos, e que, por pura covardía, dirixe toda a súa forza cara ás persoas, violentando a súa dignidade e vulnerando os seus dereitos máis esenciais. As mostras disto son claras. A hipocrisía do Estado español non coñece límites. Nestes días en que tivo lugar en Compostela o Foro 2010 de Educación Mundial para a Paz, o goberno non concedeu visados a persoas de Nixeria, Guinea-Bissau, Senegal, Serra Leoa, Haití, etc. para que puidesen participar e achegar a súa perspectiva sobre a necesaria cultura de paz. Pero, ao mesmo tempo, ese goberno quere figurar na publicidade como colaborador do evento: pura hipocrisía!!

Loitemos contra as mentiras, os medos infundados e as manipulacións. Aquí non hai rivais laborais. Só persoas que queren traballar con dignidade, como todas e todos nós. Somos unha mesma clase traballadora. Non deixemos que nos dividan por etnia, cultura ou relixión. Divididos nos queren para que non teñamos a capacidade de mudar a triste faciana destas democracias enfermas de tanto neoliberalismo depredador. Temos que loitar, unidos e unidas, contra a desmembración que quere levar a cabo o capitalismo.

Non imos caer nese discurso utilitarista, rendibilista e mercantilista, que enche a boca dos que adoptan rostro amable cando convén e que falan só destas persoas en tanto que número, en base a canto achegan ao PIB ou á Seguridade Social. Son moitos máis os valores que as persoas migrantes, a pesar de todos os atrancos e obstáculos, ao fin, conseguen transmitirnos.

Se as Administracións Públicas non mudan o paso das leis que ditan, se non cambian o seu discurso racista, demagogo e populista, é a Democracia a que perde o paso definitivamente.

Rachemos este discurso alienante e tendamos pontes de encontro.

Esta semana haberá diversos actos en toda Galicia. Un deles, o festival intercultural e reivindicativo que terá lugar na Casa das Asociacións de Cornes en Compostela, a partir das 19h, o venres 17 de decembro.

Animo desde aquí a que vos acheguedes as persoas que desexades un mundo máis xusto e respectuoso cos Dereitos Humanos. Repartiranse as invitacións na praza do Toural o martes 14 entre as 18h e as 20h e o xoves 16 entre as 18h e as 20h na praza Cervantes.

(a imaxe é de Areito, descargada de Rebelión)

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire