dimanche 19 décembre 2010

AVE...A VELOCIDADE E O PROGRESO...UN ARTELLAMENTO QUE DESARTELLA


Resulta curioso escoitar como se vencella de forma apaixonada a velocidade ao progreso. Teño a sospeita de que canta máis velocidade, menos cohesión e máis destrución dos valores que nos convén manter. Entón, como veredes, os propios termos "conservador" e "progresista" poden ter trazos que historicamente non se lles aplicaba no dicionario que usan os oradores políticos.

Por exemplo, conservar a capacidade de negociación colectiva fronte á imposición das medidas á hora de asentar os dereitos laborais. Ou manter a plena capacidade da sanidade, do ensino, dos servizos sociais como ben público da maioría. Ou conservar a imaxe da fidelidade e estabilidade laboral . Conservador? Si, se confrontamos este mantemento co "progresismo" que representa a competitividade, a externalización-privatización, a flexiseguridade, e a velocidade-mobilidade que impregnan a contemporaneidade laboral que ditan os mercados e acatan os oligarcas que nos desgobernan.

Pero cabe tamén que, ao mesmo tempo que conservamos os parámetros ideais de partida, desexemos afortalar a eficacia, eficiencia e calidade do ben público. Progresista? Si, se o confrontamos coa idea de degradación do público para xustificar a súa posterior entrega ao sector privado.

En fin, como vedes, as palabras precisan dunha certa pedagoxía acompañada de exemplos ilustrativos, senón, en si, tal como van os tempos do dicionario político-económico actual...só asistimos á perda do contido real. A forma de vencer máis doada que aplican os doutrinarios do capital. Confunde e vencerás.

A este respecto introduzo o tema do AVE. A súa presenza semella representar progreso. Mais a súa filosofía artelladora do territorio, en Galicia e no Estado, vai acompañada do desartellamento da imaxe da lentitude, da ligazón intercomarcal, do elo social entre localidades veciñas pero o suficientemente distanciadas para que se teña que usar transporte. E por non mentar as cuestións enerxéticas, claramente depredadoras. Un artellamento que desartella. Non haberá no fondo un símbolo da loita de clases? tren para clases acomodadas fronte ao tren das clases populares?

O que está claro, ao meu entender, é que os desgobernadores introducen cada vez máis confusións conceptuais no seu discurso e na súa praxe. De forma deliberada. E contan cos medios de persuasión masivos que silencian o alcance nacional, estatal, do desartellamento para, como moito, situar os "inconvenientes" do artellamento AVE na sección de "local". Outra gran medida desartelladora, que imposibilita o establecemento reflexivo e crítico do correcto alcance das medidas "progresistas" dos desgobernadores.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire