mardi 7 décembre 2010

COMEZA A CHOVER

Xa sabía que ía chover. Non polas nubes grises que saen, furiosas, de todas as partes. Senón do escrito que xa sae hoxe en Galicia Confidencial sobre o Estado de Alarma.

Entendo as críticas. Lóxico. Mais hai sempre argumentos curiosos que non acabo de entender...Entón penso que é porque figura unha descrición da miña biografía (requirida polo medio, en realidade) onde se di que son comunista. Eu penso que con iso xa chega pra situar os tópicos que un garda dentro.

E faime graza ler que existen obreiros e obreiros, que non todos somos iguais...: é o triunfo do discurso neoliberal de confrontación entre traballadores que acadou o capitalismo. A diferenciación entre traballadores é penosa. Asi nos vai. Cada un a facer a "guerra" polo seu lado (sector): asalariados públicos, asalariados privados, traballadores autónomos...e dentro de cada un destes sectores búscase crear o conflito entre os que teñen "privilexios" e os que só teñen "dereitos". Mais os privilexios proveñen en moitas ocasións do propio xestor que quere desacreditar o público indo contra el. Por iso, deberíanse revisar os salarios e poñer un tope por riba, e un tope digno por baixo. E se traballas na pública...non podes traballar na privada (en B)...

E tamén prodúceme tristeza comprobar como teñen interiorizado o discurso neoliberal de que un asalariado da función pública é outro "marciano" que vive como un "privilexiado". Isto lémbrame, jeje, o "privilexiado" que fun cando eu estiven 6 anos como (bolseiro)precario, sen cotizar á seguridade social, pero si pagando impostos. E cando comecei a preparar as opos, habíaos que dicían que eles nin tolos irían á función pública: ganábase menos que na empresa privada. E era/é certo: meu irmán, nunha empresa de calzado, gaña máis ca min. E cando puiden dicidir algo sobre o meu futuro cun certo rigor...pasaran un bo número de anos na improvisación. Meses sen cobrar. Bolsas que viñan sempre a destempo.

Mais, non me queixo. Déume pra investigar e ler. E racionalizar.

Escoitei daquela, cando era precario todo tipo de argumentos en contra da miña carreira de letras, "que non son carreiras de futuro" (todo fixeron os políticos para negárllelo). E agora, para as novas xeracións de graduados e graduadas será peor: despois do grao, un máster que se presupón prepara -mentira, levo anos e penso que ainda me preparo cada día- para a función docente (deixo de lado os enormes atrancos -de nota, de diñeiro- que atoparán para facer ese máster) e, finalmente, unhas oposicións....que ninguén garante as podas aprobar á primeira (ou mesmo que as vaias aprobar nun número de anos determinado).

Hai envexa. Pero a que, exactamente? Por aquilo que denuncian como "privilexios"? Ou sexa...queren eles ser coma min...pero critícanme?? Recoñezo que isto é dificil de entender.

Hainos que pensan que os funcionarios non deberíamos existir. Que se deben reducir de forma drástica o seu número....Que ben fixo o seu traballo a máquina de persuasión do capital!!

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire