dimanche 12 décembre 2010

ROSA PARKS...UNHA HISTORIA DE VALENTÍA E ACCIÓN DIRECTA NON VIOLENTA

O 1 de decembro de 1955, nun autobús de Montgomery, a costureira Rosa Parks viaxaba nos asentos destinados á poboación negra cando, o revisor, a convida a erguerse e deixar sitio para os brancos que subiran. Rosa Parks negouse e foi arrestada e condeada por violar a ordenanza municipal de segregación.

Os líderes negros reuníronse e decidiron fundar unha asociación para protestar polo arresto e pola situación de fondo. Elixiron coma presidente a Martin Luther King, que pronunciou as seguintes palabras:

“E vós sabedes, amigos meus, que chega un momento en que a xente se cansa de ser esmagada polos pés de aceiro da opresión. Chega un momento no que a xente se cansa de ser expulsada da brilante luz de xullo da vida, e de quedarse de pé en medio dun frío xélido dun novembro alpino. Estamos aquí porque xa estamos cansos”.

Luther King explicou que unha das primeiras formas de protesta sería facer un boicot ao servizo municipal de transporte. Faríase de forma pacífica. Foi un longo combate pacífico. Participaron nel máis de 50.000 persoas. Os adversarios empregaron todo tipo de estratexias: ameazas, violencias, detencións.

O propio King foi detido. Por lóxicas necesidades, tiveron que idear un medio alternativo de transporte para desprazar á poboación negra, mais, de novo, chegou un mandato para suspender o servizo alternativo.

A solidariedade e o valor camiñaron unidos durante 381 días. Ao cabo deles, o Tribunal Supremo ditaminou que as leis de Alabama sobre segregación nos autobuses eran inconstitucionais.

Foi o triunfo dunha pequena revolución pacífica que cambiaría, nese eido, o futuro.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire