dimanche 5 décembre 2010

QUE HAI DETRÁS DO ESTADO DE ALARMA?


Hai, para xogar co concepto, alarma. Alarma porque o goberno do Estado desfai as normas democráticas e militariza un conflito sociolaboral que el mesmo provocou: antes, na era Aznar, outorgando salarios millonarios e outras concesións, e agora, co novo Napoleón que, desde Fomento, deseña órdagos de desafío e confrontación desde hai meses e que dous días antes de comezar unha ponte reformula as condicións laborais dun colectivo impoñéndoas.

Que agardaba o Goberno? Quizais, a propia reacción dos controladores e, quizais tamén, xa tivesen atada e ben atada a contrarreacción, a de decretar o Estado de Alarma. O cal, por outra banda, non deixaría de ser indicio do perigo que agocha este Estado de Alarma para futuras mobilizacións da clase traballadora.

(imaxe de Josetxo Ezcurra, importado de Rebelión)
***
Non son partidario de ningún tipo de privilexios que eleven por riba do común dos mortais, máis aló dun límite razonable, a ningunha persoa, sexa médico, sexa inxeñeiro, sexa ministro, sexa diplomático...Non vou falar a favor, pero tampouco en contra dos controladores que reaccionaron, como colectivo sabedor da súa incidencia, da forma máis directa que coñecen e que -estou convencido- o goberno xa prevía.

Propoño unha fábula-exemplo. Que acontecería se dous días antes do proceso avaliativo conducente a un título, o corpo de profesorado dunha comunidade autónoma, reunido e apoiado pola nomenclatura oficial, decide modificar as normas de avaliación previamente consensuadas e informadas ao corpo discente e ás súas familias? E que esas normas, loxicamente, fosen en contra da maioría, ao reclamar unha capacidade non recoñecida anteriormente como imprescindible e que sería imposible para a maioría titular en tempo e forma para entrar nas escasas prazas de "éxito" profesional?

Quero presupoñer que, ante a enorme masa de suspensos e de perda de títulos, estaríamos ante un escándalo maiúsculo. O corpo de discentes e as súas familias deciden protestar e reivindicar o mantemento das normas previamente consensuadas....pero o corpo de profesorado e a nomenclatura, sabedores da lóxica reacción, xa tiñan elaborado e preparado un decreto no que se culparía de ataque á autoridade, con pena de cárcere, a aqueles discentes e familiares que protestasen e amosasen a súa disconformidade .... A que soa forte?? Pois, en certo senso, esta fábula relaciónase de forma moi directa co acontecido.

O corpo de controladores xa viña alertando de que estaban a piques de superar as horas establecidas. Estas horas aumentaran de 1200 horas a 1700 en febreiro. E, se o corpo de controladores sinala que están a piques de esgotar ese cupo significa que alguén -o goberno- non fixo ben os cálculos e que ese mesmo goberno non convoca as prazas públicas precisas para cubrir as necesidades. E non digamos xa se non se cubre o persoal de baixa, nun traballo de enorme estres, iso obriga a unha sobrecarga horaria. Isto hai que dicilo tamén. Acontece o mesmo coa sanidade pública, onde médicos e enfermeiras, porque non se cubren baixas, vense abocados a turnos que superan a racionalidade e traballan con persoas en condicións insanas...

Saben vostedes que hai outros corpos que teñen tamén no seu día a día un tope-horario e que non poden superar...supoño que si. Un deses colectivos é o de camioneiros. Se a garda civil os "pilla" con máis horas do permitido...zas! multa ao canto.

Algo semellante acontece cos controladores. Que pasaría se acontece un accidente de avión no que morren máis de 400 persoas e se comprobase que o controlador xa superara as horas?? A quen culparía o goberno? A quen culparía a sociedade?

***

O que está detrás é unha forma de gobernar: lamentable e deleznable no fondo, que atenta contra os dereitos da clase traballadora e que vai en contra do principios máis esenciais dunha Democracia. Os dereitos adquírense en duras mesas de diálogo e negociación e...debe ser nesas mesas onde se deban re-negociar as novas reformulacións dos mesmos.

Pero o goberno goberna a base de decreto-lei, esa fórmula que tanto se criticara a Aznar..que tanto criticaran os do PSOE. Cando fomos á folga xeral o 29 de setembro de 2010 foi por ese mesmo motivo. Imposición de condicións sociolaborais sen que estas sexan negociadas.
***

Detrás do Estado de Alarma está o alarmante déficit democrático de toda a nosa sociedade: a das bases, dispostas a aceptar que entre o exército en xogo, e a das xerarquías. As bases culpando de forma única aos controladores. As xerarquías, gozosas de que así sexa para aplicar ese castigo tan populista de "levalos ao paredón", "que vaian á cola do paro", e outras lindezas escoitadas para encubrir as súas prácticas empresariais á hora de solucionar problemas sociolaborais.

E todo para facer invisible o feito de que se privatice a xestión dos aeroportos, o feito de que se retire a cobertura a parados de longa duración, e outras prácticas contrarias aos intereses da clase traballadora. En xogo están os postos de traballo das máis de 12.000 persoas que integran AENA.

Negaralles a sociedade o dereito a loitar polo seu emprego? Pensemos. Chega o Nadal. Unha época de incidencia "aérea". Se eu, como traballador, quixese defender o carácter público da miña empresa, e garantir o meu futuro laboral, de seguro que me manifestaría neses días e que faría algún tipo de folga neses días. Explicaríao mediante todos os medios dispoñibles sabendo que os medios de persuasión cargan as balas en contra do corpo dos dereitos da clase traballadora. Así, as persoas tan desexosas de voar e ter vacacións (deixo para outra ocasión esta voracidade por voar co ben que se está en casa, repousando e organizando o traballo que queda por diante) saberían que: a) hai un problema laboral; b) vai haber manifestacións e folgas; c) vai haber problemas para voar; d) ergo...planifico de forma diferente a miña viaxe. Claro está...comprobado está que hai quen vive en "Marte" e que, de seguro, colapsarán os aeroportos reclamando o seu "dereito" (sic) a voar.

E, claro, cando iso suceda, eu, como traballador, a pesar de exercer un dereito, penso que superior ao de voar, tamén debo estar exposto a que veña un militar coa súa pacífica arma a obrigarme a traballar e a renunciar ao meu dereito de folga porque aqueles que me atacan decretaron un novo Estado de Alarma...

***
Un par de días despois de ter escrito esta reflexión, chegoume unha análise interesante, e que non discorda no esencial da que fago eu, no blog Quilombo, de lectura moi recomendable. Ou mesmo estoutra que realiza un fermoso intertexto coa obra de Bertolt Brecht. Poño tamén a ligazón a un par de videos de sobre os controladores descargables en youtube e que obedecen a informar sobre as consecuencias da liberalización e do decretazo modificando o convenio dos controladores nun conflito que non é de agora.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire